Marta Novoa, alcaldesa de San Cibrao: "O saneamento do Barbaña debería ter a máxima prioridade para o Estado"

VICEPRESIDENTA DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Marta Novoa, alcaldesa de San Cibrao e vicepresidenta da Deputación: "O saneamento do Barbaña debería ter a máxima prioridade para o Estado"

Publicado: 13 nov 2024 - 06:00 Actualizado: 13 nov 2024 - 07:33

La entrevista de este martes: Marta Nóvoa

Marta Novoa, alcaldesa de San Cibrao das Viñas e Vicepresidenta Primeira da Deputación de Ourense, valora os seus primeiros pasos en ambos cargos e analiza os proxectos dos que está pendente o seu Concello, como a depuradora, a estación de mercadorías ou o aparcadoiro de seguridade.

Xa hai máis dun ano que está no cargo. Cal é o seu balance ata agora?

A verdade é que está sendo intenso. A intensidade dun alcaldía como a de San Cibrao, que xa é un concello de tamaño medio, con casi seis mil habitantes e un gran conglomerado de empresas, ten moitísima actividade. O día non chega a nada, pero o balance é positivo e estamos con moitos proxectos en marcha.

“A obra da depuradora é unha obra de provincia, xa non só do Concello de San Cibrao”

Unha desas frontes abertas é a situación na que se atopa a depuradora. Xa se instou ao goberno a que licite de forma urxente este proxecto…

A licencia de vertidos da depuradora que temos no Concello ten máis de vinte anos e nese tempo tanto o Concello como o polígono levan medrado moito. Ademais, é unha depuradora que recibe tamén augas do polígono do concello de Pereiro, que medrou tamén de 0 a 100 nos últimos vinte anos. Esa depuradora quédase pequena. Necesitamos que se licite esa obra canto antes, porque nós somos os sufridores das multas que pon a confederación porque non cumprimos parámetros. Eu entendo que son os que son, pero vémonos cunha falta de capacidade absoluta, porque é unha instalación que está obsoleta e que se queda pequena.

Multas que, ademais, son de cuantías importantes para un orzamento como o do Concello de San Cibrao das Viñas…

Pois si. A última multa foi de 1.200.000 euros, que fai un roto moi importante. Estamos a piques de aprobar os orzamentos do 2025, que rondan os 7.700.000. Entón, os cartos para esa multa tiveron que saír dos aforros que ten o Concello de San Cibrao, que por sorte temos, pero creo que os veciños de San Cibrao non debemos pagar a ineficacia doutras administracións. Eu creo que é xa unha obra de interere súpramunicipal, que xa non afecta só ao Concello de San Cibrao, que afecta á calidade das augas do río Barbaña que pasa e atravesa toda a cidade de Ourense. Por tanto, creo que é unha obra de provincia, xa non de Concello, e que debería ter a máxima prioridade para o Goberno do Estado.

“Trasladamos a importancia da estación de mercadorías, pero seguimos sen resposta”

Outro dos grandes proxectos que están pendentes é a estación de mercadorías. Que sabemos dese proxecto?

É un proxecto clave. Nesa máxima, a Asociación de Empresarios, o Concello e a propia Deputación, e eu sei que tamén temos o apoio da Xunta de Galicia, pois instamos ao Goberno Central que atenda a demanda de construír unha estación de mercadorías onde están as mercadorías. Fixemos contacto, nunha reunión que puidemos estar, co responsable do comisionado do Corredor Atlántico, trasladámoslle esa importancia da estación de mercadorías, aprobamos unha iniciativa na Deputación por unanimidade de todos os grupos políticos para demandar esa estación, e a verdade que a día de hoxe non temos resposta. A nosa idea é seguir insistindo, incluso con algún compromiso firme dende a Xunta. Dende a Deputación temos o compromiso de traballar conxuntamente coa asociación e co Concello para demandala.

Non podemos esquecer o proxecto do aparcadoiro de seguridade que está case rematando. Que vai supoñer para o concello?

Trátase dun sector moi importante, no que os traballadores non contan cunhas condicións axeitadas cando fan as suas paradas de descanso. Ademais, tendo en conta que se están incorporando a ese mercado de traballo moitas mulleres. Neste senso, a idea é ter un parking seguro onde poidan permanecer con seguridade tanto homes como mulleres, cun servicio para un aseo mínimo, porque hai transportistas que veñen de fora e pasan días sen voltar as súas casas, é un servicio digno. É o primero que se fai en Galicia, e creo que a nivel España tamén. Vai a ter un grado de certificación moi alto a nivel europeo. Poremos as primeiras 59 prazas grazas a ese proxecto en colaboración da Xunta, da Deputación e dos propios empresarios do Polígono, por suposto amparados polo Concello de San Cibrao das Viñas. Eu creo que vai a supoñer que sexamos pioneiros e tamén que deixemos de ver moitos camións aparcados polas rúas do polígono, que complican a seguridade.

"O parking seguro vai a ter un grado de certificación moi alto a nivel europeo”

Outra das responsabilidades que asumía recentemente é a de vicepresidenta primeira da Deputación. Como valora este ano?

Un ano de moito traballo. A Deputación é unha institución grande, con máis de 700 traballadores, que leva ademais moitos servizos, non ocorre así noutras deputacións. Esa carteira que me tocou a min, de Recursos Humanos, Economía e Facenda, é ampla. Hai un amplo abano de persoal con distintas funcións que é difícil xestionar, pero neste ano intenso creo que se levan feito moitas cousas. Tanto no ámbito do persoal como no ámbito económico, con eses orzamentos aprobados en tempo e, ademais, implantando un novo sistema de reparto para os concellos, que conseguimos sacar no primeiro ano de mandato. Estamos a punto xa de presentar os orzamentos no pleno deste mes de novembro, que vai pola misma liña. Cando chega un novo equipo sempre quere poñer en marcha novos proxectos, entón estamos aí enfrascados, no día a día, que non é pouco, con novos proxectos que se irán anunciando. Todos estamos traballando arreo pola provincia de Ourense.

Contenido patrocinado

stats