MÍNIMO HISTÓRICO
Ourense registra su peor arranque de año en natalidad
Tribuna
A revista Nós foi a grande obra dunha xeración irrepetible. Concebida a revista por un reducido grupo de persoas que, salvo Castelao, eran dunha procedencia social e dunha formación intelectual moi semellante, a sua aparición en outono de 1920 marcou a roita cultural e mesmo política do nacionalismo das Irmandades da Fala, grazas á potencia teórica de Vicente Risco, a facundia literaria de Ramón Otero Pedrayo e a sensibilidade artística de Alfonso Castelao. A sua principal contribución foi a sua dimensión nacionalizadora, ao estar escrita na lingua propia, pero tamén por ser expresión dunha nova forma de entender Galicia: unha civilización celta, atlántica e enxebre que ten a obriga de falar con palabras de seu no concerto da historia universal. Modernización cultural e tensión europeizadora foron os marcos nos que se moveron tanto a xeración como a revista que lles deu nome e influencia na historia da cultura galega contemporánea.
O núcleo central da revista foi claramente ourensán e mesmo diriamos que tiña a súa sede na rúa da Paz, onde naceron ou moraban Risco, Otero e, a poucos metros, os irmáns Lorenzo Fernández. Eran intelectuais que se definiron como “inadaptados” aos que non lles gustaba a sociedade circundante, polo que concentraron toda a súa forza en crear en Galicia algo non só diferente, senón homologable aos parámetros da cultura europea do seu tempo. Como lograron concebir este propósito desde unha pequena cidade de provincias, sen máis tradición intelectual que a que achegaran os “anticuarios” da Comisión de Monumentos e a obra de Lamas Carvajal, é un dos misterios da historia da cultura galega, que Risco tratou de explicar no seu ensaio “Nós, os inadaptados”: eran homes que se cansaron de ler e de viaxar para, de repente, descobrir que tiñan unha misión que cumprir, que era a redención de Galicia como cultura e como pobo de Occidente.
Baixo a dirección de Risco, xa houbera unha primera tentativa de se expresar grupalmente a través de La Centuria, escrita en castelán e que tivo pouca vida. A súa sustituta, Nós, duraría con algúns atrancos intermedios, ata o verán de 1936. O nome da revista, que estaba no traballo gráfico de Castelao, o futuro Album Nós, foi moi congruente cos gustos da época, pois algo semellante aparece en Cataluña, a revista Nosaltres sols, ou en Irlanda, onde a hexemonía política era exercida por un partido chamado Sinn Fein, esto é, nós sós. O ideador de Nós foi Vicente Risco, que quería facer algo diferente d’A Nosa Terra, un xornal que consideraba unha “publicación de combate”, na que era “millor sempre a intención do que son os feitos”. El quería facer unha publicación de reflexión e de fondo doctrinal, definida como un “boletín mensual da cultura galega”.E así foi como aconteceu. Primeiro foi voceiro do grupo intelectual ourensán e, andando o tempo, das novas camadas do Seminario de Estudos Galegos e logo de moitos militantes do Partido Galeguista.
A revista Nós foi obra dunha xeración pero tamén dun tempo, dentro e fóra de Galicia. Outras publicacións coetáneas apareceron daquela, como expresión de profundas mudanzas políticas ou da madurez de grupos intelectuais. Exemplo sería a revista portuguesa A Aguia (1912), que se definía como un proxecto nacionalista e mesmo chovinista basado nunha educación “lusitana, nâo estrangeira” e apelando á raza e ao saudosismo como elementos centrais da “alma portuguesa”. Como no caso portugués, o obxectivo do grupo Nós era “gobernar nos Espíritos”, antes de “gobernar no Poder”. A algo semellante aspiraba a Revista de Occidente, fundada en 1923 por Ortega y Gasset, que tamén representaría un esforzo de modernidade e de europeización da cultura española. O que non podían sospeitar aqueles intelectuais era que terían tanta importancia que, cen anos despois, aínda serven de espello no que nos mirar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MÍNIMO HISTÓRICO
Ourense registra su peor arranque de año en natalidad
PROYECTO "CAMINO VERTICAL"
La Diputación pone en valor la Vía de la Plata
Lo último