Juan Manuel Fernández, presidente da Audiencia Nacional: “A xustiza debe ser garantista; iso non impide vivir nunha sociedade moi segura”
FORO LA REGIÓN
O próximo Foro La Región terá como protagonista a Juan Manuel Fernández, que falará da Audiencia Nacional como garante do Estado de Dereito.
Chegar hai un ano á presidencia da Audiencia Nacional non fixo que Juan Manuel Fernández Martínez (Venezuela, 1958) esqueza as súas orixes galegas. Aínda lembra con cariño a súa infancia xogando na aldea de Armuño, en Bergondo, e, posteriormente, na Coruña. Tamén Galicia tivo unha gran importancia na súa traxectoria profesional, xa que o seu primeiro destino como xuíz foi en Betanzos. Esta poboación que conta agora con arredor de 13.000 habitantes foi o punto de partida hai 41 anos dunha carreira na que conseguiu chegar á cúspide xudicial.
El é a mostra de que sentado na cadeira dun dos despachos máis importantes do país pódese ter morriña e demostrar amor á súa terra, como demostra o feito de que propuxese facer a entrevista en lingua galega. O vindeiro xoves, 21 de maio, volverá á súa querida terra para protagonizar o Foro La Región, no que falará da Audiencia Nacional como garante do Estado de Dereito.
Pregunta. Que papel xoga a xustiza no estado de dereito?
Respuesta. Un papel fundamental, Para que haxa unha democracia é fundamental como cuestión previa o Estado de Dereito con todo o que iso significa de separación de poderes, de respecto ao principio de legalidade, e todo o conxunto de dereitos e liberdades, e sobre iso aséntase a democracia. Para que o Estado de Dereito sexa unha realidade, non unha mera declaración formal ou de intencións, é necesaria a existencia dun poder xudicial independente, responsable e, como di a Constitución, sometido unicamente ao imperio da lei
P. Considera, como algúns din, que a xustiza é demasiado garantista?
R. A xustiza é garantista. Ao engadir adverbios córrese o perigo de desvirtuar a súa realidade. A xustiza é garantista porque ten que selo, e ademais eu non admito esa contraposición que é moi perigosa entre aspectos como a seguridade e o garantismo. A xustiza pode ser garantista e ao mesmo tempo vivir nunha sociedade onde o grao de seguridade sexa alto, e iso ocorre en España, onde a xustiza é garantista e ao mesmo tempo gozamos dun grao de seguridade importante. Máxime comparando con outros países. Claro que todo é mellorable e hai que aspirar a que esa seguridade sexa maior, pero non é un obstáculo para iso o tema do garantismo.
P. E cre que os tempos de resposta aos cidadáns son os correctos?
R. Non, os tempos teñen que ser mellores. A xustiza cando é lenta deixa de selo e iso hai que melloralo, é indubidable, e niso estamos. O que hai que ver é as causas que motivan isto. Hai unha que é fundamental, que ten que ir por diante de todas, que é necesario que o número de xuíces sexa maior. Isto é indubidable. Iso debe ir acompañado doutras cousas: unha boa organización ou un bo sistema adecuado de leis procesuais.
P. Hai uns meses entrou en vigor a lei Bolaños. Na súa opinión, mellorou o funcionamento?
R. Temos un sistema organizativo nese aspecto que varía dunhas comunidades autónomas a outras porque na maioría delas os gobernos autonómicos asumiron as competencias en materia de xustiza, salvo nunhas poucas que seguen dependendo do Ministerio de Xustiza. A implantación é desigual nuns sitios que noutros e eu podo falar da Audiencia Nacional, onde esta implantación, cos problemas naturais e que contabamos con eles, está sendo boa. Confío en que este sistema organizativo nos permita afrontar algunha das cuestións que temos que afrontar nos próximos anos.
P. Cales son as principais ameazas ás que se enfronta a xustiza?
R. A fundamental é garantir os dereitos e liberdades dos cidadáns e iso ten moitas vertentes. As máis chamativas son as de índole penal, pero non só estas. O reto fundamental é que a resposta sexa de calidade como é a resposta da xustiza española formada por homes e mulleres, aproximadamente 5.500 persoas, a maioría delas mulleres, e formadas moi adecuadamente. Pero, como dicía antes, cunha insuficiencia de xuíces para afrontar as cargas de traballo. Entón, o reto principal é conseguir que esa resposta, ademais de ser tecnicamente boa, se faga en prazos máis reducidos.
P. Falouse nos últimos anos moito do “lawfare”. Está en perigo a independencia xudicial?
R. Eu afirmo con toda rotundidade que a xustiza española é independente e que non atendemos a ningún tipo de presión, nin política, nin económica, nin social. Os xuíces unicamente atendemos no desempeño do noso traballo ao que din a Constitución e as leis. Polo tanto, en canto a ese aspecto do “lawfare”, teño que negar a súa existencia. Isto empezouse a falar a raíz do proceso secesionista catalán, dicindo que os xuíces españois actuaran por outras circunstancias e isto en absoluto é certo. Naquel proceso non se xulgaron ideas políticas, porque en España non hai presos políticos. Xulgáronse actuacións que estaban fóra por completo dos cauces establecidos na Constitución e nas leis. Nin nese caso, nin en ningún outro. Os xuíces españois, á hora de traballar, non buscan outro tipo de obxectivos distintos que non sexa facer cumprir a lei.
P. É o momento onde a xustiza está máis mediatizada?
R. Non é algo novo. Isto da politización da xustiza ou a xudicialización da política vén de moitos anos atrás. Os casos de corrupción empezaron a darse nos finais dos 80 e entón xa empezou a falarse disto. A principios dos anos 80 as noticias dos tribunais ocupaban un espazo digamos marxinal nos medios de comunicación, se acaso na páxina de sucesos. Pero a aparición de causas de corrupción espertaron xa ese interese xeral. E, de feito, a importancia da comunicación, de dar unha información rigorosa e seria, levou a que ao principio da década 2000 se crearan as oficinas de prensa tanto no Consello Xeral do Poder Xudicial como nos Tribunais Superiores de Xustiza.
P. Ultimamente fálase moito da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo, hai algunha diferencia entre ambos á hora de xulgar?
R. As leis a aplicar, as procesais ou as materiais, o Código Penal, son as mesmas. O proceso que leva a tomar unha decisión de culpabilidade ou de inocencia tómase conforme aos mesmos cánones de actuación en todos os tribunais españois. Primeiro hai que facer unha valoración dos feitos, establecer se foron probados ou non e, en consecuencia, no seu caso, decidir que tipo de delito son ou non son. O proceso é o mesmo, as leis son as mesmas, o que cambia é o rango do tribunal. O Tribunal Supremo é o tribunal superior en todas as ordes xurisdicionais e o que ten a última palabra, pero non hai diferenzas no modo de xulgar.
P. As leis están obsoletas para combater os novos tipos de delitos como a ciberdelincuencia ou o que está pasando agora co narcotráfico? Necesita actualizarse o Código Penal?
R. Esa necesidade véxoa máis nas normas procesuais, onde hai que facer algunhas reflexións. Pero si, estou de acordo en que tamén no Código Penal se necesitan algunhas modificacións, particularmente estou pensando nunha que vén sendo moi demandada desde os ámbitos que traballan máis directamente no ámbito do narcotráfico como é a necesidade de penalizar determinadas condutas. Por exemplo, o chamado petaqueo, o que ten que ver co subministro de combustible para as narcolanchas, as embarcacións que están metidas no narcotráfico. A realidade social cambia, a vida cambia e a realidade delitiva cambia a unha velocidade especialmente grave e preocupante. O crime organizado nestes momentos ten a principal manifestación no ámbito do narcotráfico e esa realidade que cambia tan rápido demanda de nós e demanda dos que temos responsabilidades públicas actuacións acordes con iso.
P. Que queda daquel xuíz de Betanzos no agora presidente da Audiencia Nacional?
R. Pasaron 41 anos e cambiaron obviamente pois moitas cousas, pero non as esenciais. No que se refire ao ámbito profesional, non cambiou a vocación e a paixón pola xustiza e polo traballo que teño. Considérome moi afortunado con traballar en algo que me gusta moito. Eses valores permanecen inalterables a pesar do pelo branco e dos anos.
P. E a xustiza cambiou nestas catro décadas?
R. Si, hoxe creo que é mellor. Hai máis recursos e os xuíces novos teñen un grao de formación moi bo. Polo tanto, na xustiza non é certo iso de que calquera tempo pasado foi mellor. Creo que podemos estar tranquilos coa xustiza que temos. No persoal,e falando de Galicia, o sentimento de arraigo e de pertenza, de ser galego, non é que sexa inalterable, é máis, porque cando vives fóra, aumenta.
Dun xulgado de Betanzos á Audiencia Nacional
Juan Manuel Fernández Martínez (Venezuela, 1958) tomou posesión en abril de 2025 como presidente da Audiencia Nacional tras unha traxectoria que comezou na provincia onde se criou desde os catro anos, A Coruña, e da cal garda un gran recordo. En 1985, déronlle o seu primeiro destino: o xulgado de Betanzos. Estivo un ano, xa que en 1986 trasladouse para seguir coa súa carreira profesional en Navarra, onde desenvolveu gran parte da súa traxectoria.
Non era unha comunidade descoñecida para el, xa que en 1975 mudouse a Pamplona para cursar os seus estudos de Dereito, licenciándose só cinco anos despois, en 1980. En Navarra, estivo no Xulgado de Distrito nº 2 de Pamplona e posteriormente nos de Estella.
Alí ascendeu a maxistrado, o que lle fixo vivir unha paréntese da súa carreira en Andalucía, concretamente en Málaga, onde se fixo cargo dun xulgado do Social. O seu periplo polo sur durou apenas uns meses, xa que en 1986 volveu á comunidade foral, sendo primeiro o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Pamplona e posteriormente formando parte da Audiencia Provincial.
A súa carreira caracterízase por un ascenso constante, xa que anos máis tarde foi elixido como presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra. Desde esta institución deu o salto a ser vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e en 2025 á presidencia da Audiencia Nacional.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Ourense reivindícase como o principal refuxio e fortín da lingua galega
RESIDENTES EN EL CHUO
Los mires que eligen Ourense: vocación, buen trato y vínculos personales
POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE
Galería | As serras noroccidentais, en fotos
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Ya lo dijo Adolfo Domínguez