Paisaxe da auga: Ribeira Sacra, unha candidatura de todos e para todos

PATRIMONIO DE LA HUMANIDAD

A proposta galega persegue conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco no 2026

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra.
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra.

O pasado mes de abril, o Consejo del Patrimonio Histórico, o órgano de coordinación do Goberno central e as comunidades autónomas, daba a coñecer a decisión unánime de que a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra sexa a proposta de España para conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco no vindeiro ano 2026.

Isto abriu un novo horizonte na liña de traballo que a Xunta de Galicia puxo en marcha no ano 2017 para acadar o máximo recoñecemento da Unesco. Unha folla de ruta coa que o Goberno galego ten investido preto de oito millóns de euros na conservación e posta en valor de máis de corenta bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

Así, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de noventa actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros.

No caso concreto da provincia de Ourense isto permitiu levar a cabo máis dunha vintena de intervencións entre as que se inclúen as restauracións dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, onde o pasado ano celebramos o congreso internacional; Santa María de Montederramo ou a rehabilitación da igrexa de Santa Cristina de Ribas do Sil. Dentro da recuperación arqueolóxica salienta a prospección feita na necrópole de San Vítor de Barxacova, en Parada de Sil.

Compromiso

Este compromiso iniciado no ano 2017 mantense vixente na actualidade. De feito, as contas destinadas a tarefas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego elevouse nos orzamentos deste ano un sete por cento, alcanzando os 10,4 millóns de euros, dos cales unha parte importante son para bens situados na Ribeira Sacra.

Ao marxe destes investimentos, e coa vista posta no ano 2026, cando a candidatura será avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, ten que completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco. Esta documentación será presentada no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en setembro deste mesmo ano, á que se lle engadirá unha nova entrega cos avance nestes informes en febreiro de 2025. Trátase de que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico.

Estase entón ante un longo e ilusionante traxecto do que o Goberno galego quere facer partícipes a todas as persoas implicadas. Así, coa unión da Administración autonómica, as entidades locais, os distintos axentes económicos e sociais e mesmo a propia veciñanza, preténdese elaborar o mellor dos proxectos, o que logre destacar todo o valor e potencial desta zona atesourada pola Galicia interior.

Xuntanzas

Neste senso, desde o departamento de Cultura do Executivo galego estanse a impulsar varias xuntanzas nos últimos tempos cos concellos e representantes locais co obxectivo de escoitar, recoller e poñer en común todo tipo de valoracións. Uns encontros que perseguen que Paisaxe da auga: Ribeira Sacra non só sexa unha proposta con carácter institucional, senón que tamén estea artellada polas xentes vencelladas estreitamente ao territorio, de maneira que sexa un ben patrimonial para todos sen deixar de ser a casa de moitos.

Ribeira Sacra
Ribeira Sacra

Escoitar, recoller e poñer en común todo tipo de valoracións

No pasado mes de xullo, na Peroxa, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, mantivo un encontro cunha trintena de alcaldes e representantes locais deste territorio para trasladarlles a situación da candidatura ou as xuntanzas que se celebran desde o mes de xullo en toda a comarca para informar e recoller as suxestións e inquedanzas de toda a veciñanza. Un proceso que pon o foco na participación para que os veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, coñezan ben a situación da candidatura e poidan transmitir os seus comentarios e inquedanzas ao redor da mesma e que ten prevista a súa última sesión o vindeiro 13 de setembro en Nogueira de Ramuín.

Xa coas redes de colaboración que se veñen dando nos últimos anos de cara a situarse na posición actual, e co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido. E é sobre estes piares sobre os que a Xunta de Galicia sostén o seu convencemento firme de que se pode facer máis e de que se pode facer xuntos.

Contenido patrocinado

stats