Paisaxes artificiais, non naturais

O Ourense urbano e a Ribeira Sacra rural, dúas paisaxes artificiais e construídas.
O Ourense urbano e a Ribeira Sacra rural, dúas paisaxes artificiais e construídas.

Vivimos nunha cidade pequena, cunha poboación duns 100.000 habitantes. Polo tamaño é a terceira de Galicia e segunda capital de provincia. É evidente que a superficie edificada non se achega a urbes como Vigo ou A Coruña. Mais, é común que moitas persoas suspiren por saír dela para desfrutar da natureza, paraíso que tamén ofertan os promotores das urbanizacións que a rodean. Se vivimos nunha cidade, aínda que sexa pequena como a nosa, é fácil que a asociemos como o hábitat artificial por excelencia, mentres louvamos a naturalidade do rural. Contrapoñemos rúas asfaltadas, semáforos e edificios altos con vivendas baixas rodeadas de hortas, camiños, terras cultivadas e zonas arboradas. Pero non é así. As investigacións arqueolóxicas ofrecen unha visión moi distinta sobre este asunto. A cuestión é como entenden os chamados espazos naturais as diversas áreas científicas. Entre elas, os estudios sobre o pasado, preferentemente os dedicados a épocas prehistóricas, con evidencias constatadas en Ourense e nos seus arredores. Para iso, non se asusten, vamos a retroceder uns 6.000 ou 7.000 anos, ata unha etapa da prehistoria chamada Neolítico, que non é outra cousa que cando aprendemos a cultivar a terra e a domesticar os animais, con todo o que eses descubrimentos implicaron. Nos tempos neolíticos comeza o mundo dos campesiños e remata o dos cazadores -o Paleolítico-, o das xentes que basearon a economía na caza e na recolección de froitos silvestres.

Cazadores e campesiños vivían en paisaxes -biocenoses- diferentes. Unha proporcionada pola natureza, ou “paisaxe natural”. Outra fortemente construída, practicamente creada por humanos: unha “paisaxe cultural”, á que debemos considerar como paisaxe artificial. Os paleolíticos, que viviron da caza e da recolección, tiveron unha relación depretoria co ecosistema. Sen coñecer a agricultura e a gandería non podían repoñer os animais e vexetais que consumían. A natureza era a súa despensa, polo que dependían absolutamente dela para subsistir. Iso lles obrigaba a preservar o equilibrio ecolóxico. Eran, pois, “ecoloxistas á forza”, porque a economía se baseaba na reprodución natural das especies. Así, os cazadores-colectores tiñan unha “cultura naturalizada”, inherente á conservación da paisaxe natural. Coa agricultura, que nos arredores de Ourense constatamos polo menos dende o 4000 AC da man dos construtores de monumentos megalíticos, invertese aquela relación co medio natural. Estes campesiños neolíticos domesticaron o territorio, igual que fixeron cos animais e as plantas. Necesitaron modificar o medio, primando case os monocultivos, coa explotación exclusiva de determinadas especies, animais e vexetais, que lles eran útiles para a subsistencia. Interveñen as paisaxes, incluso as crean ex novo, paisaxes culturais. Artificiais. Os ecosistemas que foran fogar dos cazadores, que permitiron a reprodución ininterrompida de múltiples especies de animais e vexetais, non son útiles para os campesiños nin para as paisaxes agrarias, porque compiten cos cultivos e o gando, pasando converterse en “malas herbas” e “alimañas”.

Foi cando podemos documentar deforestacións masivas na vella Europa, cando se substitúen as paisaxes naturais por paisaxes, agrarias, catro ou cinco mil anos antes da fundación das primeiras cidades, que no noroeste case coinciden co nacemento de Cristo, despois da conquista romana. Por iso o noso rural non é sinónimo de natureza. Non hai dúbida de que é unha fermosa postal agraria. Pode ser bucólica, fermosa, pero enormemente artificial, construída co esforzo secular dos antepasados.

Contenido patrocinado

stats