Patricia Arias Chachero: “Moitos ourensáns entregaron a súa obra á cultura galega”

“Galaxia-Auria, 75 anos despois”

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle -ata o 24 de agosto- a exposición “Galaxia-Auria, 75 anos despois” con motivo do 75 aniversario de Galaxia. A profesora e investigadora Patricia Arias Chachero é a comisaria desta mostra onde se propón un percorrido polo vínculo histórico entre Editorial Galaxia e a provincia de Ourense

Patricia Arias Chachero.
Patricia Arias Chachero.

Con motivo do 75 aniversario de Galaxia, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle -ata o 24 de agosto- a exposición “Galaxia-Auria, 75 anos despois”, na que se salienta o papel clave de Ourense na orixe e traxectoria da editorial. A profesora e investigadora Patricia Arias Chachero (Ponferrada, 1972) é a comisaria desta mostra onde se propón un percorrido polo vínculo histórico entre Editorial Galaxia e a provincia de Ourense, que xogou un papel fundamental no desenvolvemento da cultura galega contemporánea.

Pregunta. Como nace esta exposición?

Respuesta. Xorde un pouco coa idea de render de homenaxe a Ourense, a provincia de Ourense. O exercicio foi moi curioso, porque me deron total liberdade. Organizamos unha serie de paneis, son 14 paneis, onde se lle rende unha homenaxe a tantos ourensáns que teñen traballado pola cultura galega, vinculados á Editorial Galaxia. Asociei distintos movementos ou xéneros a lugares: a poesía social con Celanova, a Xeración Nós con Ourense, o ensaio con Allariz, a literatura infantil con A Guidiña…

P. Que dificultades atopou a hora de condensar tanta historia nunha mesma exposición?

R. Foi moi difícil. O día da inauguración había xente que dicía: “A Carvalho Calero podías poñelo aquí e non alí”. Os criterios son discutibles, son moitos nomes e pouco espazo, nese sentido tiven que quedar co máis importante, con aquelo que me daba pé para falar de certos temas. No caso do exilio, aproveitei a figura de Florencio Delgado Gurriarán para falar do asunto e asocialo a O Barco, pero quedaron a un lado outros autores e as súas obras, pero a escusa estaba aí. É case un xogo literario para ir amosando o traballo que se fixo durante tantos anos.

P. Que peso ten Ourense na literatura galega?

R. Falase de Ourense como Atenas de Galicia. Moitos ourensáns entregaron a súa obra á cultura galega. Non todos o fixeron confiando en Galaxia, co cal a exposición si se fixese en xeral de Ourense, aínda sería máis impresionante a nómina de autores que se reunirían.

P. Se te tivera que elixir algunha parte deses 75 anos, con algunha obra, algún autor, con que quedaría?

R. En Ourense creo que deberíamos sentirnos moi orgullosos do traballo dos homes de Nós, que souberon colocar a literatura galega na modernidade. Tamén co traballo de Blanco Amor, que era un apaixonado, un enamorado da cidade. O traballo que fai Blanco Amor é un regalo para todos os ourensáns.

P. Fala do grupo Nós, se os trouxésemos á actualidade, que pensarían da situación cultural?

R. É un exercicio interesante, daría para unha novela. Eran uns apaixonados da historia da cidade e o crecemento desta da cidade. Ver no que se converteu Ourense nestes anos despertaría moita curiosidade neles.

P. Por que cree que é importante manter esa memoria viva?

R. Posuímos unha cultura propia, unha lingua e unhas ferramentas culturais que eu creo que, nestes tempos, é moi importante que manteñamos vivos e que nos sintamos orgullosos do que somos e de quen somos. Espero que esta vista para atrás, esta vista destes últimos 75 anos, faga que nos poidamos sentir orgullosos de quen somos e do que imos ser, porque a cultura galega ten moito aínda que dicir

P. A literatura galega vive un bo momento?

R. Está nun bon momento no sentido de que se seguen publicando moitos títulos, Galaxia imprime máis de 100 títulos diferentes o ano, iso significa que temos moita xente creando. Logo está o tema do índice de lectura da xente. Hoxe lese noutros soportes, o mercado do libro está atravesando un momento peculiar.

Contenido patrocinado

stats