Un programa europeo ensina a reutilizar o lixo agroforestal

UNIVERSIDAD

Newpower, liderado por Ciencias, destina 1,3 millóns de euros á valorización integral destes residuos

Publicado: 13 may 2024 - 22:51 Actualizado: 13 may 2024 - 22:51
Participantes na presentación no novo proxecto “Newpower”, onte no Campus.
Participantes na presentación no novo proxecto “Newpower”, onte no Campus.

A resolución de problemas asociados á alta xeración de residuos agrícolas e forestais, que se acumulan cada vez en maior medida debido ao abandono do medio rural e que causan unha gran cantidade de incendios. Con este obxectivo lanzouse onte na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o proxecto europeo “Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables (Newpower)”. Liderado desde a Universidade de Vigo e cun orzamento total de 1,3 millóns de euros, reúne once socios de Portugal, Francia e España.

O proxecto ten unha duración de tres anos, ata finais de 2026, e está financiado cun millón de euros polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Feder da Unión Europea. Nel participan seis socios de España, tres de Portugal e dous de Francia. Trátase das universidades de Vigo, Zaragoza, Lleida e Minho (Portugal); a Fundación Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) da Coruña; o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) e o Institut National Polytechnique de Toulouse e o INRAE-Toulouse Biotechnology Institute (de Francia ambos). Igualmente están as empresas Ingredalia e BLC3 Evolution (Portugal) e a oenegué española Revalorem. Tamén apoian o proxecto diversas empresas dos países participantes dos sectores da madeira ou similar e do alimentario.

Newpower está coordinado desde o Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo polos investigadores e profesores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Gil Garrote e Pedro Miguel Ferreira Santos, motivo polo cal o campus ourensán acolleu a xornada de lanzamento do proxecto. A iniciativa, explican os seus responsables na UVigo, dá continuidade e enmárcase no traballo que o seu grupo de investigación Biorrefinaría e Valorización de Biomasa (Bio2Val) desenvolve dende hai máis de 20 anos arredor do emprego de biomasa vexetal para obter diversos compostos de valor engadido (biocarburantes, ingredientes para a industria alimentaria, etc), contando cunha dilatada traxectoria de proxectos neste eido.

Neste senso, na benvida á xornada celebrada onte, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, puxo en valor a captación de fondos acadada cada ano por grupos ara o desenvolvemento de proxectos de investigación tanto estatais como europeos.

Reutilizar en vez de eliminar

O carácter innovador de Newpower baséase, tal e como apuntan os seus responsables, “no aproveitamento dos residuos agrícolas e forestais dunha maneira integral, reutilizándoos en lugar de eliminalos”. Ao longo dos tres anos de traballo, os socios da iniciativa crearán unha rede de colaboración entre organismos públicos e privados do espazo Sudoe, buscando a xestión sostible de residuos agrícolas e forestais, desenvolvendo novos procesos de conversión, obtendo enerxías renovables e novos produtos de alto valor engadido. Estas liñas de traballo, indican, implicarán beneficios socioeconómicos e a creación de postos de traballo cualificados.

Contenido patrocinado

stats