Félix Rubial: "As restricións están producindo unha contención de casos no concello de Ourense"

Entrevista

Ourense reduciu onte o ritmo de contaxios, con oito activos máis que a xornada anterior. O xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial, ve os datos "positivos" pero invita á "prudencia" na lectura das cifras, xa que poden ser "illadas".

Félix Rubial, xerente da área sanitaria ourensá (XESÚS FARIÑAS).
Félix Rubial, xerente da área sanitaria ourensá (XESÚS FARIÑAS).

Baixa o ritmo de contaxios. Cal é a lectura?

Hai unha tendencia á contención no concello de Ourense, pero temos que esperar a que consolide. É o cuarto día cunha cifra estabilizada. O dato é positivo pero hai que tomalo con moitísima prudencia. Eu non lle daría demasiada importancia, hai que ver se se consolida porque pode ser un feito illado.

Nótanse resultados das restricións no concello de Ourense?

Si. O 3 de outubro entrou en vigor a restrición máis dura e efectiva. Ás veces pensamos que a máis dura é a da mobilidade é a da prohibición de xuntanzas entre non convivintes. Entrou en vigor hai sete días, o periodo de incubación está entre dous e cinco días, por tanto é a medida que está producindo fundamentalmente esta contención no concello de Ourense.

En Aragón e Madrid os xuíces non ven marco legal adecuado para manter restricións...

Non podo opinar. As propostas do comité clínico do covid trasládanse a unha orde que se publica no DOG e conta co refrendo do TSXG. A visión dun sanitario é sesgada e só valoramos a necesidade sanitaria. Congratúlome de que esas medidas sexan logo refrendadas pola autoridade xudicial, e ademais vendo que dan resultados.

Pero hai preocupación de que poida ocurrir, como nestas comunidades, que tumbaron as restricións?

Ao mellor desde outro ámbito de competencia si que o hai. Como cidadán vería con preocupación que unha proposta dun comité de expertos non poida ser valorada por un tribunal. Afortunadamente, en Galicia non é así.

En Carballiño hai máis preocupación. Por que?

Si, porque os gromos foron moito máis explosivos que en Ourense. Houbo un incremento abrupto dos casos en pouco tempo e ademais de gromos familiares hai unha compoñente asociada á hostalaría. Preocúpanos o incremento tan abrupto, de aí as medidas tan esixentes na comarca de Carballiño. Imos facer seguimento moi estrito con medidas moi especificas de cribado.

É posible que se endurezan máis as medidas en Carballiño?

O comité reúnese o martes. Como se comporte a pandemia nestes dous días vai ser clave para que se tomen medidas adicionais. Perfectamente podería ser, se a tendencia é a mesma destes días.

E no concello de Ourense, ao contrario, flexibilizar é viable con estes datos?

Hai que ver os resultados. É unha alta incidencia que está contida, non reducida. Pola experiencia doutras áreas hai que ser moi prudente á hora de desescalar.

Canto tempo se prevé que duren as restricións perimetrais?

É impredicible e dependerá dos datos. A entrada foi o pasado xoves, levamos moi poucos días.

O conselleiro de Sanidade falou de 18 días, en principio.

O conselleiro ten moita máis información ca min, se o di terá motivos máis que sobrados. Probablemente estea actuando en base á experiencia doutras restricións noutras áreas. Se fala de 18 días, será unha cifra moi a ter en conta.

As residencias. Unha gran parte son asintomáticos, pero o 60% de casos en Galicia xa está en Ourense. Que está fallando?

Non é que estea fallando nada, é cuestión de que en Ourense temos unha maior circulación do virus. Afecta tamén ao terreo residencial. O virus non nace na residencia. Por iso traballamos en facer cribados intensamente.

Canto ten que tardar o resultado dunha PCR nas residencias? Os centros alegaron lentitude.

Fanse coa maior dilixencia no momento en que se detecta un caso. Hoxe (por onte) faremos unha terceira tanda de PCR naqueles que foron negativos.

Val de Monterrei ten 57 de 59 maiores contaxiados. Sería bo intervila como en Os Gozos?

Non teño competencia nin criterio para saber se debe ser ou non intervida. Pero desde o Sergas estamos traballando moi en coordinación coa dirección da residencia, poñendo ´s disposición os nosos profesionais de Verín.

O caso do paciente trasladado a Vigo, despois volve a Ourense… Parece un pouco polémico. Vai ser o protocolo habitual?

Polémica ningunha. É unha enfermidade que afortunadamente xera unha porcentaxe de complicacións reducidas en persoas dunha determinada idade ou sen patoloxía de base. Esa persoa mellorou, dérona de alta en Vigo e ao día seguinte empeorou e ingresou aquí. Os recursos do Sergas están á disposición de cada área. Nestes momentos, Ourense é a que soporta unha mellor presión asistencia.

Como está a UCI en Ourense?

Temos 10 pacientes. No momento máis alto da pandemia, chegamos a 23. Estamos preocupados, pero nestes momentos a situación é de absoluta normalidade asistencial.

No caso dos comarcais está igual de equilibrada a situación dos ingresados?

Verín está xerando maior presión, temos 10 persoas. É unha presión tamén asumible e autosuficiente.

A Atención Primaria ten demasiada carga?

Temos o dobre de casos que a seguinte área con máis casos. A inmensa maioría manéxanse dende Primaria. É loxico que estean con nivel de presión máis alto. Non teño máis que agradecemento.

Cando terán os cidadáns novas da evolución das restricións?

O comité reúnese o martes, seguramente ese día ou ao seguinte.

Contenido patrocinado

stats