ACCIDENTE DE TRÁFICO
Noche accidentada en Ourense: un herido en una colisión y un atropello a un jabalí
Félix Rubial
Foron os tres meses máis duros aos que se tivo que afrontar a sanidade ourensá. O seu máximo responsable, Félix Rubial, analiza a situación con todas as precaución, porque isto, insiste, "non rematou".
Está a situación controlada?
Controlada pero non resolta. Está habendo moi pouca ou nula transmisión. Non quere dicir que non esteamos completamente alerta. Ante calquera síntoma establécese o protocolo, coas correspondentes probas. Hai unha rede importante de profesionais na Primaria, pero cun soporte dos rastrexadores, que permite ter controlados os contactos dos potenciais casos. Os illamentos só se levantan cando queda descartado con PCR. Estamos facendo 1.200 por semana. É a única fórmula que temos para detectar precozmente un brote. É unha cascada de acontecementos, illamento da persoa e conviventes, recollida da mostra, volcado na historia clínica electrónica e análise de contactos, xerando novos sospeitosos que volverían perpetuar o ciclo.
Podemos ver barrios pechados?
Absolutamente. Pode ser agora, nunhas semanas, nuns meses. Ao existir máis mobilidade, as posibilidade de que ocorra son maiores.
Que vai pasar cos turistas?
Imos facer algo especial pensando nos non residentes. Vaise habilitar unha central telefónica e vaise divulgar nos medios, hoteis, aeroportos ou estacións para que todos os que cheguen o coñezan. Actuariamos igual que se fose unha persoa protexida polo Sergas. Se é positivo? Igual. Trátase de saúde pública.
"As estimacións de marzo ERAN DE ata 70 persoas á vez en uci, SÓ houbo 23. o confinamento foi clave""Nunca faltou equipamento, nunca, fose de maior ou de menor calidade, o que nesitou, tívoo""Criminalizar as residencias é unha aberración, non son un hospital. Vai haber máis coordinación"
Estamos máis preparados agora?
Era un virus descoñecido, había necesidade de información e nestes tres meses obtivemos información práctica, clínica, científica e organizativa. É evidente que estamos máis preparados. Pero o importante é que estamos mantendo os mecanismos de alerta. Estamos facendo PCR en menos de 24 horas, e máis do 70% fanse en menos de 12 horas. E agora non hai rotura de stocks, que si houbo nalgúns momentos.
Temeu o colapso?
Nunca tivemos un problema de necesidade de camas ou respiradores. Nunca deixamos de facer probas aos que as necesitasen. Non chegamos a estar na situación límite doutras comunidades. Pero temos que manter a alerta profesional, organizativa e social. O virus non se extinguiu.
As residencias foron o gran foco. Debe manterse a conexión?
É algo que aprendemos. Puxéronse en marcha moitas medidas, algunhas pioneiras, como as residencias integradas. Aquí tomáronse decisións e algunhas chegaron para quedar. Estamos traballando directamente coas residencias, temos a obriga de protexer os seus usuarios e cremos que hai que fortalecer a cobertura sanitaria desas persoas. Hai que revisar circuítos, hixiene ou visitas. E ímolo facer conxuntamente.
Son as residencias culpables?
Criminalizar as residencias é unha aberración. Son centros residenciais, algunhas con persoas sanitario propio. Pero resida onde resida un galego, ten dereito a cobertura sanitaria. Por tanto, temos que asumir esa competencia, evidentemente de maneira coordinada. Xa vimos tempo traballando niso. Servimos medicación a 3.000 dos 5.000 residentes, temos algunhas residencias, non todas, coas que compartimos historia clínica. Pero queremos ir máis alá, e revelouse clave a plataforma Telea de teleseguimento. Imos estendela a todos, para facilitar a detección precoz. E as residencias integradas quedaron en stand-by. Se volve haber necesidade, volverán.
Actuouse tarde co material?
Nunca estivemos folgados de EPI, pero sempre houbo o necesario. Entendo o temor ao descoñecido e a preocupación, pero sempre se aplicaron escrupulosamente os protocolos. Nunca faltou equipamento, nunca. Puido ser de maior ou menor calidade, pero utilizamos aquilo que nos servían. Incluso unha vez tivemos que paralizar o uso de máscaras defectuosas, algo alleo á nosa vontade. O que teño claro é que os EPI hainos que empregar correctamente con proporcionalidade e mesura. Os temores individuais son temores individuais. Pero teño a responsabilidade moral e legal de velar por que cada profesional teña o que necesita con arreglo ao protocolo. De aí non nos imos apear.
Como ninguén se dá conta de que hai máscaras defectuosas?
Os mecanismos de control e distribución estaba centralizado, e entendemos que esa Administración asume as responsabilidades. Pero entendo que nun momento como o vivido s se poidan producir erros, aínda que sexan tan desgraciados.
Que tería pasado sen confinamento?
En Ourense hai un comité clínico de profesionais e un dos membros, un intensivista, fixo a mediados de marzo unha proxección e vaticinaba máis de 70 pacientes simultaneamente na UCI. E o máximo que chegamos a ter á vez foron 23. As medidas de confinamento foron seguramente adoptadas tardías, a toro pasado é fácil falar, pero foron moi efectivas. E a cidadanía actuou moi ben.
Hai máis xente en Primaria?
Estase a manter a frecuentación baixa con alta actividade telefónica. A actividade en urxencias segue máis baixa. Hai que facer uso responsable dos recursos, pero usalos cando son necesarios. Non podemos permitir que os que necesitan ir a un centro o fagan demasiado tarde.
Quedou sen ir ao médico xente que si o precisaba?
Non o saberemos nunca. Non hai antecedente para saber a afección do confinamento a outras patoloxías. Reducíronse as fracturas e os accidentes de tráfico. Pero tamén se reduciron ictus, e non sabemos a causa. Nos próximos meses haberá información. É previsible un rebote de agudizacións de enfermidades crónicas que estiveron estables e que se foron adiando no seu seguimento, e para o que estamos preparados.
Por que houbo máis casos en Ourense ca no resto de Galicia?
Fomos claramente a provincia e a área sanitaria máis afectada. A proximidade á Meseta e a relación histórica con outros territorios pode ser a explicación. Os números, inda así, son baixos.A inmunidade de rabaño só se consigue por riba do 60%, por tanto, entre 2% e 5% quizais sexan diferenzas irrelevantes. Mentres non haxa vacina, a clave non será a inmunidade de rabaño, senón a detección precoz, o illamento e o estudo dos contactos.
O persoal segue a manifestarse, falan dunha xerencia que non escoita. Como define o seu traballo?
Non valorarei as protestas. Este é un país libre, cada un defende os seus dereitos como considera. Estou enormemente orgulloso e satisfeito, todos deron o máximo, tanto en primeira liña, como en atención telefónica a domicilios, atendendo críticos ou controlando crónicos. Recibín auténticas leccións de profesionalidade de xente á que coñecín ben nestes tres meses. Ningún dos tres hospitais da área tivo sensación de desbordamento. Sempre houbo recursos para atender o que viñese pola porta. E iso deu tranquilidade. E fago fincapé no persoal de enfermería, que estivo facendo domicilios para recoller mostras, tamén nas residencias, a pé de cama nas residencias integradas, facendo o estudo de seroprevalencia... Pero foi un traballo coral, desde limpeza, a celadores, radioloxía... Tamén se mantivo a cirurxía oncolóxica, que non ten que ver co covid, pero había que meterse nun quirófano!
Nada non demorable se demorou?
Nin o urxente nin o preferente se demorou. Houbo pacientes incluso que foron a Verín a operarse, que estaba en situación máis desafogada. A engranaxe funcionou ben e sinto que a cidadanía recoñece o esforzo do persoal, como se viu nos aplausos. Hai xente que viviu en segundas vivendas ou hoteis para protexer a súa familia. É algo digno de admiración.
Falaba do exemplo dos comarcais. Vanse perder servizos?
Os comarcais foron autosuficientes na pandemia, só se tiveron que trasladar os críticos. En Verín e Valdeorras estamos facendo actividade que sería impensable noutra época: diálise, atención oncolóxica en igualdade de condicións... Eses servizos vanse manter, pero de xeito distinto ao que moitos querían , con persoal propio alí, iso é inviable. Desprazamos persoal desde Ourense porque queremos garantir as mesmas condicións de atención. Non hai especialistas en todo. Houbo momentos nos que non había traumatólogos en Valdeorras e seguiuse operando.
Volverase pechar o paritorio de Verín? Foi un erro?
Nestes momentos temos cobertura pediátrica, a situación da especialidade mellorou. Temos garantida a atención pediátrica. O que non se pode permitir é unha atención sen especialistas necesarios. Se hai especialistas, asunto resolto.
Que supón a ampliación do CHUO?
Houbo moita xente traballando no proxecto. Vaise facer un novo edificio de hospitalización, conectado co actual e co Materno Infantil, que se reformará integramente. É unha actuación moi seria. Vainos permitir ter a mesma hospitalización punteira que temos no novo hospital para todas as áreas. Vai satisfacer as necesidades para os próximos 50 anos.
Teme a coincidencia coa gripe?
Pode ser unha ameaza, pero quero velo como oportunidade de conseguir tasas de vacinación antigripais históricas. Non sabemos moi ben como competirán o virus da gripe e o coronavirus, pero hai que seguir adoptando as medidas de protección. Ata que non haxa vacina, imos ter que seguir acostumados a isto. As máscaras non son mecanismos de protección individual, senón social. Non me poño a máscara para protexerme eu, senón para protexer os demais. Chegou para quedar.
Fai autocrítica? Que fallou?
Faltou previsión. Aprendemos sobre a marcha. Non hai que sacar peito de nada, só saco peito do traballo da miña xente. Pero non podo estar satisfeito, morreron 132 persoas, o máximo responsable non pode estar satisfeito. Deuse autonomía aos profesionais, houbo capacidade de reacción, o comité clínico aprendía tódolos días, conseguimos salvar moita xente, pero triunfalismo, ningún. n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Noche accidentada en Ourense: un herido en una colisión y un atropello a un jabalí
LA MÁS POBRE DE GALICIA
Cae la pobreza en Ourense, pero aún castiga a uno de cada cinco hogares
EN MÍNIMO HISTÓRICO
Solo una de cada tres familias ourensanas tira de la huerta para ahorrar