Váiase, señor Villarino

Tribuna

Juan Delfín

Publicado: 17 jun 2020 - 06:24 Actualizado: 17 jun 2020 - 09:57

A pandemia colleume de cheo cos preparativos para o comezo dunha nova temporada, a máis forte do ano, como autónomo que son do sector da hostelería e, máis en concreto, do mundo das feiras, festas e celebracións populares. Todas as previsións do ano quedaron reducidas a cero, como os meus ingresos, agás a miña cabeza que lle daba voltas a centos de ideas sobre como ía levar ese parón obrigado. Porque na casa non entraba un euro, pero si as cuotas de autónomos, as dos préstamos, as facturas da luz, da auga, os gastos de alimentación… Para todos aqueles que lean estas liñas seguro que lles sona moito esta historia, que é a miña, pero tamén a de milleiros e milleiros de autónomos dun sector como o meu, ue tres meses máis tarde aínda espera por esa nova normalidad, que nin vexo nova nin normal.

Mentres ía tirando de aforros para resistir busquei todo tipo de axudas, e a máis directa que atopei, fóra de aprazamentos, préstamos especiais e moitos requisitos, foi a da Deputación de Ourense, que me concedeu 600 euros, xa cobrados. E remarco que xa están cobrados.

Unha axuda moi benvida cando aínda non sei cando poderei empezar a traballar, con ingresos cero e consumindo os aforros. Por iso me alporiza ler estes días que un político do PSOE, o señor Villarino está a poñer paos nas rodas para evitar que os autónomos de Ourense e os pequenos empresarios podan cobrar esa axuda.

Polos seus cargos como político, supoño que este señor terá uns ingresos públicos, por iso que vai saber el o que é pagar facturas e comer sen que entre un euro na casa. Que vai saber da vida dun autónomo, dos que coma min ata hai pouco non tiñamos dereito a enfermar, dos que traballamos a reo para obter uns poucos beneficios logo de pagar e pagar impostos e cuotas.

Escribo esto por pura rabia, porque eu, e a miña familia, e moitos amigos, e non digamos compañeiros do gremio, pasámolas canutas nestes meses, tanto que non concibo como pode haber un político dese nivel, que de seguro gábase do ingreso mínimo vital do seu goberno e só quere que as flores as leven Sánchez e Iglesias.

Non creo que este home saiba algún día o que é facer contas para comer. Tampouco o desexo. Pero si lle digo que se vaia para casa, á súa profesión, se a ten, porque un político está para resolver os problemas dos cidadáns, non para crearlle máis quebraderos de cabeza e darlle máis preocupacións. Iso non é un político. Señor Villarino, non nos fastidie máis.

Contenido patrocinado

stats