EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense
A menos de tres meses para as eleccións municipais, Valentín González Formoso propón crear “un novo modelo” en Galicia, baseado na “lealdade institucional”. Esta nova visión da comunidade e as propostas do PSOE galego de cara aos comicios locais será o tema central da conferencia-almorzo que dará o líder dos socialistas galegos no Foro La Región, este xoves, ás 13,30 horas no restaurante A carballeira de Santa Cruz. Formoso estará presentado polo candidato socialista á alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez.
Nesas 313 realidades para unha Galicia única, fala de crear un novo modelo baseado na lealdade institucional. Que modelo propón o PSdeG para estas eleccións municipais?
Precisamente falamos de 313 razóns para un novo modelo de país no que cada concello pode aportar o seu grao de area para construír unha Galicia distinta. Unha Galicia que ten que ter unha política e unha visión orientada ás distintas realidades que hai no ámbito municipal. É certo que moitas poden ser coincidentes, xa que moitos municipios comparten realidades sociolóxicas, económicas, etc… pero, por que o PIB de Pontevedra é moi superior ao de Lugo ou Ourense? É necesario facer unha reflexión seria sobre os motivos e tamén se require de políticas especiais para reequilibrar esa dualidade económica.
Por que o termo lealdade?
Porque é fundamental que as dúas esferas de decisión estean cómodas nese modelo. Ademais, tamén é fundamental que se obxective a transferencia de recursos dende Galicia aos concellos porque non pode ser que, dependendo de quen goberne cada unha das institucións, os veciños sexan máis premiados ou máis castigados. Creo que é unha forma de trasladar un modelo que temos noutras administracións a toda Galicia, sempre respectando a visión de cada territorio. Sendo consciente de que hai dúas velocidades en Galicia, non se pode renunciar a acelerar o ritmo da Galicia interior porque facelo sería renunciar ao talento de moita xente que quere seguir aportando dende Ourense ou Lugo.
Teñen cabida as deputacións nese modelo?
Ese debate é nacional e depende dun acordo constitucional. É interesante, pero creo que non aporta nada neste momento.
Aceptarían a proposta de Feijóo de que goberne a lista máis votada?
Creo que hai que ser serios. A mesma persoa que fai esa proposta, hai tres anos fixo, persoalmente, que en Ourense non gobernase a lista máis votada. A credibilidade e coherencia son cero. Iso hai que falalo no eido estatal, con coherencia e contundencia; non en función de como nos vaia a cada un a fotografía resultante. Parece que en Ourense non debe gobernar a lista máis votada, pero en Madrid si. Non é serio que esa persoa, que fixo alcalde a Jácome e non deixou gobernar ao PSOE, diga eso en Madrid. O sistema democrático do que está dotado este país ten unhas regras que permiten crear maiorías que dan xogo político a todas as sensibilidades.
O PSOE faría alcalde a Jácome despois da experiencia deste mandato?
Quen ten que responder é o noso candidato en Ourense. Será el quen teña a responsabilidade de formar goberno e serei respectuoso co que decida. Aínda que creo que Jácome debe ser unha preocupación para a cidadanía de Ourense. As últimas enquisas danlle unha representación que me parece incrible despois de poñer a Ourense no disparadeiro do ridículo constante a nivel nacional en todos os telexornais; a falta de respecto institucional é evidente; os plenos están cheos de escenas ridículas que recordan á Marbella de Jesús Gil… Sorprende que aínda teña apoios na cidade.
Imaxine que pasaron as eleccións e Francisco Rodríguez lle propón un pacto co PP. Permitiríao?
Non hai que adiantarse aos acontecementos. Imos ser moi respectuosos co noso candidato en Ourense. Dentro do marco de xogo do partido, que hai que respectar a todos os niveis. Creo que é necesario ser prudente cando un ten que tomar unha decisión que ten que pasar por diferentes instancias nun partido. Como secretario xeral, primarei que sexan os militantes e os compañeiros de Ourense os que decidan.
O PSOE goberna en moitas vilas, pero non chega ao rural. Que lle ofrece ao rural? A cantas alcaldías opta?
A mensaxe no rural e no urbano coincide en liñas xerais, pero é certo que o rural necesita propostas concretas. Creo que calquera veciño dunha vila pequena me entenderá: calquera pai quere que o seu fillo teña a oportunidade de crecer ao lado da súa familia e que non teña que pasar pola experiencia que viven miles de galegos, que teñen que ver a súa neta, nacida fóra de Galicia, tan só unha vez polo Nadal. Hai que romper con esa tendencia da emigración dos mozos. A promesa que lle facemos aos pequenos concellos de Ourense é darlles un futuro. Non hai variñas máxicas nin se resolve en catro anos, pero si se asentan as bases para cambiar a Galicia interior en catro anos.
E cales son esas bases?
Estámolo a facer no interior da provincia da Coruña, con medidas innovadoras e valentes, ás veces difíciles de entender. Somos a única oficina de proxectos europeos locais e provinciais de Galicia. Este servizo custa 600.000 euros ao ano e atende aos 93 concellos, e decidimos situala nunha vila de 1.200 habitantes, A Capela. Isto é para darlle vida e amosar que se pode facer xestión pública dende un concello pequeno. Pódese respectar o dinamismo económico e implantar servizos esenciais nun concello pequeno. Así, un municipio pequeno ten que ter tres piares básicos: un colexio cerca, un servizo de atención sanitaria cerca e postos de traballo no seu entorno. Con iso, temos futuro no rural. A xente cada vez valora máis vivir no rural pero, se non ten medios, non ten outra que marchar.
Vai ser vostede o candidato nas Pontes?
En poucos días faremos públicos o candidato na miña vila.
Tamén é unha incógnita o futuro de Rafael Villarino. Falou con vostede sobre o que vai facer?
Non falei con el. É unha decisión persoal, que vai ter o meu respaldo e seguro que toma a mellor decisión para o partido e para a sociedade ourensá.
Sorprendeulle a desintegración a lista de 2019 na cidade?
Non. A militancia ten a absoluta liberdade para facer a lista e nós non interferimos na elaboración das mesmas. Todos os que figuran nesa lista aportarán valor e fortaleza a un proxecto que é máis necesario que nunca na cidade. Ourense é mala noticia habitualmente pola mala forma de entender a democracia que ten o alcalde; e só é boa noticia pola propia sociedade, que ten vida de seu e que sigue facendo boas cousas para si mesma. A sociedade de Ourense aspira a ter uns representantes políticos á altura da súa dignidade.
Diferentes medios están situando a deputados socialistas galegos como o “núcleo duro” de Fuentes Curbero, o cabecilla do “Caso mediador”. Puido falar cos implicados? Haberá unha investigación dentro do PSdeG?
O que sabemos sobre este caso é que hai unha investigación aberta cun só deputado investigado. Xa exdeputado. Quero poñer en valor a reacción do PSOE ao expulsalo en só 8 horas. Iso acredita como recibe o PSOE un caso de corrupción: reputando de forma inmediata. Gustaríame comparala coa do PP, que ten un exministro do Interior (Jorge Fernández Díaz) ao que a fiscalía lle pide 15 anos de cadea por delitos de corrupción de Estado. Todos escoitamos audios que avergoñarían a calquera persoa “de ben”, como diría Feijóo, e non hai ningún expediente de expulsión a esta persoa. Eu comparo as dúas reaccións e creo que a cidadanía non quere un “y tu más”, senón que queren unha reacción inmediata e escrupulosa.
Se hai máis investigados, serán expulsados do partido?
Evidentemente, de inmediato
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense
Los ingenieros agrícolas de Ourense renuevan su cúpula
Pepe Paz, presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas: “Temos que facer un novo rural con mais industrias agroalimentarias”
UNO MENOS QUE EN 2022
Ourense se acerca a su récord de colisiones provocadas por animales
CULTURA EN EL RURAL
La Red Provincial de Auditorios de Ourense alcanza los 7.500 espectadores
Lo último
EL GORDO ESTÁ EN EL BOMBO
¿Con qué números han tocado los premios gordos de la lotería de Navidad? Descubre los más repetidos