Xosé Manuel Merelles: "En turismo, o segredo mellor gardado de Galicia é a provincia de Ourense"

Xosé Manuel Merelles é o novo director da Axencia de Turismo de Galicia, tras unha longa carreira en distintos departamentos do Goberno Galego

Xosé Manuel Merelles.
Xosé Manuel Merelles.

Despois dunha longa experiencia en distintos departamentos do Goberno galego, Xosé Manuel Merelles asume o liderado da Axencia de Turismo de Galicia.

Como define a Marca Galicia?

A percepción da marca Galicia está máis na parte emocional, o que xera un vínculo máis forte co visitante. Os viaxieiros sitúan Galicia entre os tres destinos nacionais de maior calidade. Aprecian dous tipos de valores: os emocionais, relacionados coa evocación, o intimismo, a tranquilidade... e outros racionais, que teñen que ver coa paisaxe verde, o mar e, como algo característico, o carácter acolledor dos galegos.

Como valora o estado do noso patrimonio natural e cultural?

A natureza, a cultura e a gastronomía son os atributos máis valorados por quen nos visita. Galicia ten un parque nacional, seis parques naturais, e numerosos territorios protexidos por outras figuras. Unha boa parte da superficie da nosa comunidade conta con protección ambiental. No que atinxe aos bens patrimoniais, a UNESCO certifica a boa saúde do Camiño de Santiago e os edificios históricos que se erixiron ao seu carón, así como a muralla de Lugo e a Torre de Hércules. A listaxe de bens de interese cultural, BIC, tamén é moi ampla.

Como está a calidade da oferta turística galega en relación á doutras comunidades? E como vai a sensibilización a respecto da sostibilidade?

Galicia lidera o ranking do Instituto para a Calidade Turística de España en segmentos como aloxamentos rurais, balnearios, hoteis e apartamentos turísticos, portos deportivos e servizos de restauración. Canto á sostibilidade, este é xa un aspecto innegociable da actividade turística, e teño que dicir que a porcentaxe de investimento máis elevada do noso departamento está dirixida a actuacións relacionadas con esta cuestión.

Como mudaron as cousas no sector coa pandemia?

Galicia foi pioneira á hora de introducir medidas de apoio ao sector turístico e outras destinadas a reforzar a confianza dos visitantes en Galicia, como o bono turístico ou o seguro coronavirus. Estas medidas e as propias características do destino, fixeron que a Comunidade galega estivese entre as preferidas para visitar cando se recuperou en parte a liberdade de movementos.

No relativo á masificación, como van as experiencias de control de carga como as das Cíes ou a da Praia das Catedrais?

Os usuarios e os viaxeiros valoran cada vez máis positivamente as medidas de racionalización nos lugares de meirande demanda. Neste caso, a Xunta foi quen de detectar un problema de concentración de afluencia nos dous casos e implementou as solucións precisas.

É vostede partidario dunha taxa turística, como pide a cidade de Compostela?

Para poder valorar a proposta de Santiago de Compostela, primeiro hai que coñecela. Na Xunta estamos abertos a estudala, pero aínda estamos á espera de ter unha proposta sobre a mesa con detalles sobre a súa aplicación ou sobre onde revertería. E unha cuestión máis, que é relevante: cando falamos dunha medida deste calado, creo que é moi importante que haxa un consenso amplo, tanto no sector como no ámbito político ou no eido social. Por iso, o máis lóxico sería que esa proposta chegase con coñecemento e acordo do pleno municipal.

O termalismo é unha aposta clara desde as Administracións en Ourense, mais parece que non termina de arrancar, non está convencido o sector?

Máis que o sector turístico en particular, cómpre que todos os actores implicados na súa promoción, incluída a cidadanía, tomen conciencia da potencialidade e das posibilidades que ofrece o termalismo en Ourense, como oferta única e diferenciada no panorama nacional, cun valor engadido, que é o AVE, que conecta nun par de horas cun mercado emisor de máis de tres millóns de persoas.

Como se está a traballar o aproveitamento turístico da provincia?

A natureza é o primeiro motivo polo que nos visitan e Ourense ten moito que achegar neste ámbito. Tres dos seis parques naturais de Galicia están en territorio ourensán. O Macizo central, Trevinca, os canóns do Sil, a Baixa Limia por poñer catro exemplos,... son dos lugares máis atractivos da xeografía galega e desde Turismo de Galicia, en colaboración coa Administración local, levan tempo poñéndose en valor turístico.

Cal é a súa perspectiva sobre o papel que debe desempeñar o Camiño na política turística?

O Camiño é unha xoia. É o noso patrimonio máis exclusivo que atrae a centos de miles de persoas cada ano que percorren as 10 rutas oficiais cun trazado distribuído por toda a xeografía. O Camiño de Santiago é o noso escaparate internacional que hai que coidar para que siga sendo a insignia de Galicia.

Cal foi o mellor eslogan que lanzou Turgalicia?

“Camiña a Galicia” funcionou de marabilla para a promoción do Xacobeo 21-22.

Para o seu descanso e o da súa familia ou cando fai turismo: que elixe mar ou montaña?

Un combinado. Galicia é tan especial, que nun par de horas podes estar nos cantís máis altos da Europa continental fronte ao Océano Atlántico e nas serras orientais, á sombra de castiñeiras centenarias facendo un picnic.

Cal é o segredo turístico mellor gardado de Galicia?

O segredo mellor gardado de Galicia é a provincia de Ourense.

Un monumento, praza, rúa, conxunto arquitectónico de Galicia?

Residir en Santiago de Compostela condiciona moito á hora de elixir...

Unha montaña, praia ou paisaxe de Galicia?

As terras do Xares, o Bibei e o Sil onde me criei de rapaz.

A que destino lle gustaría que se parecese Galicia?

Galicia ten tanta personalidade que aínda non atopei nada que se lle asemelle.

Un país ou cidade estranxeira que volvería visitar?

Sempre que podo volvo a Portugal.

Un prato ou produto gastronómico galego imbatible?

O polbo á feira, os cachelos e os pementos de Herbón.

Contenido patrocinado

stats