A Xunta inaugura unha nova senda de case dous quilómetros en Ourense

INFRAESTRUTURAS

A Xunta de Galicia aposta pola mobilidade sostible na cidade de Ourense

María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Infraestruturas, durante a inauguración.
María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Infraestruturas, durante a inauguración.

Os veciños e visitantes de Ourense desfrutan dende mediados do mes de xullo dun renovado e ampliado paseo de case dous quilómetros na marxe dereita do río Barbaña de Ourense desde o Pazo dos Deportes Paco Paz á Ponte Codesal, que xa está á disposición de peóns e ciclistas. Tamén está en servizo a nova escaleira que accede a Paco Paz, e un novo treito de senda na zona para permitir o tránsito cara á senda do barbañica, uns servizos que se verán completados nos vindeiros meses cos que ofrecen coas actuacións na zona dos Remedios, na beirarrúa da Ponte Vella e no treito que actualmente interrompe a continuidade do paseo.

Trátase dunha parte da nova senda entre Os Remedios e Expourense, tamén coñecida como paseo do Barbaña, na cidade de Ourense, que a Xunta licitou o ano pasado por case catro millóns de euros e que co treito da avenida de Caldas sumará uns catro quilómetros de itinerario.

A actuación, financiada polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, inclúe o tramo na beira do Barbaña así como a conexión coa senda do río Barbañica.

O tramo posto en servizo conta agora cun novo pavimento de formigón poroso e drenante que permitirá un tránsito cómodo a bicicletas e vehículos de mobilidade persoal. No que atinxe á unión co paseo de Barbañica permite conectar Barbadás e Ourense sen pasar por vías de circulación rodada.

Mobilidade persoal

A senda do Barbaña entre Os Remedios e Expourense co tramo aberto hoxe forma parte dunha actuación conxunta cun investimento de máis de cinco millóns de euros con outro traxecto que comunica a estación intermodal coa Ponte Vella a través da avenida de Caldas. Trátase dun eixo norte-sur de mobilidade peonil e ciclista duns catro quilómetros co obxectivo de conectar distintos puntos de interese da cidade de Ourense.

Primeiros usuarios da nova vereda.
Primeiros usuarios da nova vereda.

Neste percorrido preténdese a mellora de pavimentos e cruces para favorecer a circulación peonil e ciclista, o reforzo da accesibilidade e conexións coa contorna, a sinalización e das zonas de estacionamento de vehículos de mobilidade persoal, actuacións na iluminación e na seguridade do percorrido, xunto coa implantación de arborado e mobiliario urbano.

Deste xeito, o Goberno galego avanza na conformación dun itinerario que conecte Ourense de norte a sur a través de sendas garantindo unha mobilidade sostible. Unha vez rematados estes catro quilómetros, sumaranse á actual rede de sendas peonís e ciclistas da cidade conectando os seus principais puntos de interese.

A Xunta contribúe a este obxectivo na cidade con outras medidas como a posta en marcha en 2021 da primeira estación intermodal en Galicia para realizar de xeito rápido un transbordo entre tren e autobús. O fomento dun transporte público moderno, eficiente e de calidade é un dos piares da mobilidade sostible. O esforzo do Goberno galego neste senso é de 140 millóns anuais a través do Plan de Transporte Público de Galicia e con tarifas bonificadas grazas á Tarxeta Xente Nova e a Tarxeta 65+, que bonifican ata 60 viaxes interurbanas mensuais a menores de 21 anos e maiores de 65 respectivamente.

Estratexia

A Xunta vén de aprobar a Estratexia galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e funcionais. Supón dar continuidade a actuacións que se están a levar a cabo como a execución de eixos de mobilidade peonil e ciclista na contorna das cidades a través de sendas como a visitada hoxe, o fomento do transporte público ou a aposta pola intermodalidade e polos aparcamentos disuasorios.

Senda peonil entre o Barbaña e o Barbañica, no barrio do Polvorín.
Senda peonil entre o Barbaña e o Barbañica, no barrio do Polvorín.

No 2025 prevese ter completada esta aposta pola mobilidade en Ourense coa apertura do primeiro tramo da avenida de Caldas e a conclusión da senda do Barbaña. Ademais de estar en servizo a nova escaleira do Paco Paz, na senda da avenida de Caldas xa se executou o aglomerado da rúa Ribeiriño e a primeira fase da beirarrúa da marxe dereita. Estase a traballar en novos treitos de beirarrúa e na reposición dos servizos urbanos.

Estes 4 quilómetros sumaranse á actual rede de sendas peonís da cidade de Ourense, unha contorna fluvial que engade valor incalculable e incide no estilo de vida de ourensás e visitantes. A Xunta segue a dar cumprimento ao seu compromiso de crear espazos seguros e accesibles e a impulsar o cambio cara a desprazamentos máis sostibles e ecolóxicos, mellorar a accesibilidade e as comunicacións e a cohesión social.

Contenido patrocinado

stats