2026: o cinema que vén

¡BUONE VISIONI!

2026: o cinema que vén
2026: o cinema que vén

Acaba de empezar o aninovo. Aínda é pronto por previr se o 2026 marcará unha soñada recuperación significativa de espectadores, se haberá outro fenómeno “Barbenheimer”, ou as películas españolas volverán aos datos de taquilla prepandemia. Máis alá dos números xa sabemos dalgún título que podería ir nesta dirección porque moi pronto atoparemos xa importantes estreas na carteleira.

Nouvelle Vague de Richard Linklater chegará ás pantallas grandes o próximo fin de semana. O filme, presentado en concurso no último Festival de Cannes, promete ser un sentido homenaxe ao movemento cinematográfico francés centrándose na produción da película de Jean-Luc Godard, Al final de la escapada do 1959.

Hamnet de Cholé Zhao será outra das películas imperdibles deste mes de xaneiro. A directora de Nomadland (2020) e The Rider (2017) volve cun filme biográfico que nos relata a historia de Agnes, a esposa de William Shakespeare, na súa loita por superar a perda do seu único fillo, Hamnet. Unha historia humana e desgarradora como plano de fondo para a creación dunha das célebres obras de Shakespeare: Hamlet.

El agente secreto de Kleber Mendoca Filho, gañador dos premios a Mellor Dirección, Mellor Actor e do Premio FIPRESCI no último Festival de Cannes, entre outros recoñecementos, chegará aos cines aos principios de febreiro. O filme, ambientado en 1977 durante a ditadura militar brasileira, conta a historia de Marcelo, un profesor que foxe dun pasado turbulento e que regresa á cidade de Recife, onde espera reencontrarse co seu fillo.

En febreiro está prevista a estrea da “película italiana” ambientada en Roma de Isabel Coixet inspirada na novela de Michela Murgia, Tres adioses. Nestes mesmas datas estrearase de 28 años después: El templo de los huesos, a continuación do filme 28 años después de Danny Boyle. Esta vez, detrás da cámara, estará a directora da secuela de Candyman (2021) Nia DaCosta. No mes de marzo chegará outra película de terror, La novia! a segunda longametraxe da actriz Maggie Gyllenhaal, que xa demostrou o seu talento como directora no debut do 2021, La hija oscura. Será un remake de La novia de Frankenstein, ambientado na Chicago dos anos 30 e protagonizado por Christian Bale, Jessie Buckley e Penélope Cruz.

Sempre en marzo está prevista a estrea do novo filme de Paolo Sorrentino, La Grazia. O cineasta italiano volve a traballar co seu actor fetiche, Toni Servillo, e retoma as obsesións dos cineastas dos seus primeiros filmes, como o poder político fronte aos grandes dilemas morais. Faino a través do personaxe de Mariano De Santis un ficticio presidente da República italiana encargado de aprobar ou non unha lei de eutanasia. Na primavera chegarán distintas e variadas estreas españolas: Torrente presidente de Santiago Segura, Amarga Navidad de Pedro Almodóvar e Historias del buen valle de José Luis Guerín.

A película colombiana Un poeta de Simón Mesa Soto chegará ás salas no mes de abril distribuída por Atalante. É unha dramedia gañadora de prestixiosos premios internacionais e que vira arredor da vida de Óscar Restrepo, un profesor que lida co fracaso literario e que sucumbiu ao tópico do poeta na sombra.

No 2026 tampouco faltarán os biopics musicais. Para finais do mes de abril está prevista a estrea de Michael de Antoine Fuqua, o biopic musical sobre Michael Jackson. Mentres en desenvolvemento atópase o filme You Should Be Dancing dirixido por Ridley Scott sobre os Bee Gees, pero non hai certeza se verá a luz ao longo deste ano.

No verán chegarán algúns títulos blockbusters como El día de la revelación de Steven Spielberg, Supergirl de Craig Gillespie, Masters of the Universe de Travis Knight e sobre todo La Odisea de Christopher Nolan. Esta última, unha transposición da epopea clásica de Homero, será protagonizada por Matt Damon, Tom Holland, Anne Hathaway, Zendaya e Charlize Theron. É un dos proxectos máis ambiciosos de Nolan, rodado integralmente en IMAX, e o cineasta británico volverá aos cinemas tres anos despois da súa última película, intentando repetir o éxito de Oppenheimer.

Ao regreso do verán non faltarán títulos importantes como El ser querido, o novo filme de Rodrigo Sorogoyen, La bola negra, a segunda longametraxe de los Javis sobre unha das últimas obras, inacabada, de Federico García Lorca, ou Digger de Alejandro González Iñarritu, unha comedia surreal protagonizada por Tom Cruise e Sandra Huller. Mentres haberá que esperar ata final do ano para Dune III, a conclusión da triloxía de Denis Villeneuve sobre a adaptación da novela homónima de Frank Herbert.

Os festivais de Berlín, Cannes, Sundance, Venecia e San Sebastián, marcarán a axenda doutras importantes estreas ao longo do ano, sobre todo españolas. Algún título premiado poderá sumarse a este listado de películas previstas para este 2026. Seguramente espéranos un máis cargado de “buone visioni”.

Contenido patrocinado

stats