Adiós a Xosé Luis Méndez Ferrín, Premio Xavier Prado Lameiro 2022
OBITUARIO
En 2010 De Ruada decidiu poñer en marcha os premios Xavier Prado Lameiro e editar unha edición facsímile da súa obra. Pensamos, na Xunta de Goberno da Coral que era obrigado dar conta destas tres iniciativas ao recentemente nomeado presidente da Real Academia Galega Xosé Luís Méndez Ferrín e, con tal motivo, viaxamos á sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, o daquela presidente de De Ruada -Eladio Quevedo Almoina- e eu mesmo, na miña condición de vicepresidente. Prometeunos o seu apoio para as dúas iniciativas e sorprendeunos o seu coñecemento da figura de Lameiro e das distintas actividades da Coral De Ruada. O premio Xavier Prado Lameiro botou a andar nese mesmo ano e a publicación facsímile das súas obras completas tivo que agardar ata 2013.
Doce anos máis tarde, De Ruada acordou conceder o premio Xavier Prado Lameiro 2022 a Xosé Luís Méndez Ferrín. O xurado, que tiven a honra de presidir, deixou ben claras as razóns:
- A súa obra literaria constitúe a máis senlleira produción no noso idioma ao longo do século XX. Ademais, a obra literaria e xornalística de Méndez Ferrín está salferida de múltiples alusións a Ourense, a Celanova, á nosa música, aos nosos costumes, á Coral De Ruada e mesmo ao escritor que lle dá nome a este premio, Xavier Prado Lameiro, un dos fundadores de De Ruada.
- Firme defensor en tódolos ámbitos -dende a docencia ata a militancia social e política- dos intereses do pobo traballador galego, da nosa lingua e da nosa cultura, Méndez Ferrín constitúe unha referencia ética e cultural imprescindible para todos nós e para as novas xeracións, polo que o consideramos con méritos dabondo para a concesión deste Premio na súa undécima edición.
Ferrín non puido acudir á cerimonia de entrega do premio, celebrada no Teatro Principal, debido a problemas de saúde e fíxoo no seu lugar o seu amigo, poeta e ex-gaiteiro da Coral Xosé Antón Laxe Martiñán, que leu unha carta de agradecemento do homenaxeado e recolleu, no seu nome, o busto de Prado Lameiro, realizado en bronce por Manuel de Buciños, e o diploma acreditativo.
Dende a Coral De Ruada queremos facerlle chegar o noso máis sentido pésame por tan sensible perda á súa familia e numerosos amigos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PATOLOGÍAS DEL CORAZÓN
Sanidade avanza a un modelo adaptado a los más longevos
PRESENCIA DE LUIS DE LA FUENTE
La Copa del Mundo regresa a Santiago: horarios y cómo ver el trofeo en la Cidade da Cultura