A bolboretiña do día | Defensa das cheas

2021080622390748934
2021080622390748934

Ben. Gústame máis a fartura cá carencia. Por iso saio en defensa da palabra “chea”, tan polisémica en galego, e con varios significados que non ten en castelán, polo que estes están recuando. Imos con eles. “Chea” é a palabra tradicional para falar do río que leva transitoriamente auga de máis, o que en castelán din, máis ben “crecida”. “Nas paredes dos restaurantes da Ribeira do Porto, están marcadas as “cheias” dos séculos XIX e XX”. Tamén a usamos como sinónimo de grande cantidade “Ten unha chea de traballo antes de coller vacacións”, e incluso de exceso de comida e bebida, sobre todo esta última: “Vaia chea que levaba onte á noite”. Incluso é palabra sinónima de preamar, “hoxe, contra as sete, o mar está na chea”. O contrario, baixamar, tamén ten o sinónimo de “seca”, por iso hai tanto topónimo costeiro “A seca” coincidindo con areais que quedan á vista nesas horas. De intentaren traducir estas frases ao castelán con “llena”, verán o mal que queda “Tengo una llena de trabajo”. Castrapo, que diriamos.

Contenido patrocinado

stats