"Canteirán" e "canteirá" xa forman parte do Dicionario da Real Academia Galega a petición do Celta

PALABRA CON HISTORIA

A RAG incorpora "canteirán, canteirá" a petición do Celta, que pasan a definir tanto o deportista formado na canteira do seu club como o conxunto de xogadores que se preparan nunha mesma entidade.

Anova incorporación na RAG por unha petición do Celta.
Anova incorporación na RAG por unha petición do Celta. | La Región

As palabras "canteirán" e "canteirá" xa teñen o seu propio espazo no Dicionario da Real Academia Galega (RAG). A institución incorporou estes termos á súa ferramenta en liña a petición do Real Club Celta de Vigo, despois de estudar os seus significados e a súa relación coa palabra "canteira".

A actualización inclúe dúas novas acepcións para "canteira": por unha banda, o lugar ou institución da que proceden persoas con talento para unha actividade especializada, especialmente no ámbito deportivo; pola outra, o conxunto de deportistas que se forman nun mesmo club. Esta segunda definición leva a marca específica de Deporte.

Pola súa parte, "canteirán" e "canteirá" incorpóranse como adxectivo e substantivo. No primeiro caso, refírense a un deportista que se formou na canteira do seu club; no segundo, a unha persoa que responde a esa mesma condición.

A coordinadora do Seminario de Lexicografía da RAG, María Dolores Sánchez Palomino, explicou que a proposta chegou da man do Celta e deu lugar a un estudo previo dos significados de "canteira" aos que podía asociarse o novo termo. A Academia sinala que atende habitualmente consultas e suxestións de particulares, colectivos e institucións para actualizar o Dicionario.

A entidade académica tamén escolleu exemplos relacionados co uso das novas voces. Un deles fai referencia directa ao club vigués: "Vinte e dous canteiráns debutaron co Celta nos últimos dez anos". Outro mostra a forma feminina do adxectivo: "As baixas obrigaron a recorrer a varias xogadoras canteirás".

Unha palabra con historia

A incorporación tamén permite ampliar o significado dunha palabra que, na súa orixe, designaba o lugar de onde se extrae a pedra. "Canteira" fórmase a partir de "canto", no sentido de pedra pequena, e do sufixo "-eira", empregado en galego para crear substantivos que indican lugares onde abunda algo.

O uso metafórico do termo para referirse a espazos nos que se forman persoas con talento está documentado na prensa galega desde hai máis dun século. A RAG cita como exemplo a publicación A Nosa Terra, das Irmandades da Fala, que xa en 1917 empregaba a expresión "canteira lírica do pobo" para reivindicar a formación de novos talentos musicais.

As novas acepcións e a entrada de "canteirán, canteirá" xa se poden consultar na web da Real Academia Galega e na aplicación do Dicionario, dispoñible para dispositivos iOS e Android.

Contenido patrocinado

stats