Chega A “Nouvelle Vague”!

¡BUONE VISIONI!

Escena de la película “Nouvelle Vague”.
Escena de la película “Nouvelle Vague”.

A “Nouvelle Vague arrive!” (A Nova Onda chega) foi o icónico titular aparecido no 1957 na revista francesa L’Express. O artigo facía referencia á irrupción dunha nova xeración de cineastas e críticos, principalmente reunidos arredor da revista Cahiers du Cinéma. Un grupo moi unido do que formaban parte Francois Truffaut, Jean-Luc Godard, Eric Rohmer, Claude Chabrol, André Bazin ou Agnes Varda, entre outros. Unha xeración que desexaba romper co “cinema de papa”, coa estética das producións máis tradicionais do cinema francés. Inspirados polo neorrealismo italiano que tiña a Roberto Rossellini e Vittorio De Sica por referentes, por uns cineastas franceses inconformistas como Robert Bresson ou Jean Renoir, e incluso polo cinema americano de xénero, chegaron a estrear as súas primeiras obras a finais dos anos cincuenta. Los 400 golpes de Truffaut foi a película coa que o cineasta enfant prodige conmocionou o público e a crítica no Festival de Cannes no 1959, e converteuse no trampolín para que Godard gravase a súa longametraxe, Al final de la escapada.

Richard Linklater, cineasta rebelde, un dos referentes do cinema independente americano, chega ás pantallas esta fin de semana co filme Nouvelle Vague, unha película en 4:3 rodada en branco e negro, que homenaxea ao movemento cinematográfico francés centrándose sobre todo na produción desta primeira e revolucionaria longametraxe de Jean-Luc Godard.

O filme de Linklater é unha especie de falso documental ou mellor (guiándonos por unha das numerosas citacións cinéfilas que aparecen no filme) podería ser “un documental sobre Guillaume Marbeck, Zoey Deutch e Aubry Dullin que interpretan unha ficción de Linklater”. O filme retrata con bastante naturalidade e ao mesmo tempo con rigor, a efervescencia daqueles anos dourados do cinema francés e os seus protagonistas. É unha película do xénero “cine dentro do cine” que celebra o amor polo sétimo arte. Unha paixón que o cineasta reivindica no carácter absolutamente libre de Godard. Unha forma de traballar que o cineasta estadounidense coñece moi ben porque está acostumado a dirixir películas foras dos esquemas tradicionais como no caso de Waking Life (2001) ou Boyhood (2014).

Con Nouvelle Vague Linklater recoñece publicamente aos artistas da nova onda francesa como os seus referentes. Ao mesmo tempo mitifícaos. O filme é unha carta de amor que seguramente será compartida con todos os cinéfilos que coñecen o papel revolucionario que tiveron estes cineastas inconformistas dentro da historia do cinema. Neste sentido a longametraxe de Linklater é máis que unha celebración, é unha verdadeira festa polos ollos. A verdadeira dubida é se Nouvelle Vague gustará aos que non están familiarizados con este universo e descoñecen por completo a historia do cinema. Pero, máis aló disto, hai que subliñar que a película está moi ben contada, cun ritmo bastante fluído e incluso con humor e lixeireza. Algo que axudará a un público alleo a estas temáticas a disfrutar igualmente do filme. Finalmente quizais o seu gran mérito (o de ser unha declaración de amor) sexa tamén o seu límite. Porque en Nouvelle Vague todo soa demasiado alegre, vital e positivo. Non hai espazo polas ambigüidades, é un filme libre de claros escuros. Como se di, “o amor é cego”.

A nova xunta directiva de Agapi

A asamblea xeral de socios de Agapi, celebrada o pasado mes de decembro, acordou apoiar por unanimidade a candidatura de xunta directiva para os vindeiros dous anos 2025-2027, presidida por Felipe Lage, produtor executivo en Zeitun Films. Estará acompañado por Silvia Fuentes, Luisa Romeo e Andrea Vázquez. Continuarán como vogais Daniel Froiz, Nati Juncal, X. Lois Ledo, Xacio Baño e Roi Carballido. A xunta directiva renova o cargo con ilusión e compromiso de traballo a prol do audiovisual galego nun proxecto común do que xa forman parte un total de 49 empresas asociadas, un número nunca antes acadado.

Contenido patrocinado

stats