Enxeño, invención e liberdade nos Caprichos de Goya e "Poldras"

arte et alia

Xosé Poldras posa para nós diante da súa exposición.
Xosé Poldras posa para nós diante da súa exposición.

Non sei se pensamos dabondo como a prensa periódica ten configurado a nosa cotidianidade nos tempos da contemporaneidade. Dende as novas dos diarios posteriores á Revolución Francesa, a visión do mundo vai a conformar o coñecemento significativo dende finais do século XVIII. Así na capital do Reino, o "Diario de Madrid" ten sido unha fonte na que bebe o propio Francisco de Goya. Nel publicou o anuncio de venta da carpeta dos seus gravados "Caprichos" o 6 febreiro de 1799, e que se poderían mercar no nº 1 da "calle del Desengaño, tienda de perfumes y licores". Elo é proba da modernidade do mestre aragonés, como amosa o aquelado autorretrato levando sombreiro de copa alta. Na temática tan persoal deles antepón o interese didáctico, que se explica dende a prensa, na que se debate entre o vello e o novo, con ironía e crítica, satirizando vicios, nomeadamente a luxuria, a prostitución ou os matrimonios de conveniencia, como no Capricho 2 "El si pronuncian y la mano alargan al primero que llega", que o noso artista titula "Tamén a noiva para el". A importancia que lle ten exemplifícaa a portada da mostra, na que resalta a dobrez da "afortunada" con dobre rostro. Outros temas centrais son a Relixión e a Educación, co que a obra é un verdadeiro espello da época, o chamado Século das Luces e da Ilustración, unha transformación que entra no Reino con pouca forza no segundo terzo do mesmo, con Cadalso e Frei Feijoo. Goya, enfermo dunha doenza que o levará á xordeira, muda na súa publicación a dependencia conceptual dos "Sueños" inserindo como Capricho nº43 a portada pensada, "El sueño de la razón", na procura da liberdade artística, como defendera na Academia de San Fernando, sendo estas láminas exemplo dela. Achámonos malia todo ante a "pintura (como la poesía)", en palabras de Leandro Fernández de Moratín no mencionado anuncio, símil neoclásico baseado no "ut pictura poesía erit" de Horacio.

20201129172421400_resultado
20201129172421400_resultado

Un “Poldras" redefinido

O mestre gravador presenta un estudo de fondo alento extraído da súa Tese de Doutoramento defendida en BB.AA. da U.Vigo, amosándonos a metade do traballo académico universitario, oitenta debuxos a lapis baseados nas escenas dos gravados dos "Caprichos" de Goya, aos que lle suprime as vestimentas. Con elo afonda na anatomía, recurso plástico esencial do oficio do artista que se transforma en intelectual na procura dunha verdade universal, a da beleza da vida nunhas xentes cotiás, lonxe dun canon racional, artificiosa na perfección do ideal. Eis a liña de investigación que presenta na mostra a carón das láminas goyescas, todo en edición facsímile. Mais o artista engade unhas composicións con certo ar coreográfico, con algunha daquelas figuras, doce linografías que nos remiten ás fontes da súa linguaxe artística, desvelada agora. Un verso cheo de interrogantes de Álvarez Torneiro, do libro que foi Premio Nacional de Poesía en 2013, pódese tomar como guinda do conxunto exposto na municipal "Sala Valente", trala prolongación en demasía da anterior mostra, logo dun bloqueo e posterior trasacordo, para amosar o seu ser. Comme il faut.

Contenido patrocinado

stats