A forza da transmisión

XENTES POPULARES

No abrente deste 2026 un variado plantel de institucións mancomunouse para convidar a homenaxear colectivamente, no 150º aniversario da súa aparición, unha cabeceira esencial da nosa cultura, O Tio Marcos d’a Portela, pioneira dos medios de comunicación en lingua galega.

O primeiro exemplar de O Tío Marcos d’a Portela.
O primeiro exemplar de O Tío Marcos d’a Portela. | La Región

A celebración vai da man do recoñecemento ao seu promotor, Valentín Lamas Carvajal. home de discurso polémico e incansable activista cultural, moi próximo á sensibilidade, preocupacións e gustos estéticos das xentes populares; figura moi destacada no Rexurdimento que, malia unha cegueira total sobrevinda na idade adulta, se converteu nun referente da cultura do seu tempo, sobre todo no ámbito do xornalismo. A confluencia de ambas as homenaxes, a O Tío Marcos e a don Valentín, para as que está previsto un rosario de actos no calendario anual (non só ourensán), proporciona fíos valiosos que permiten esculcar ese legado no rico e mesto tecido da transmisión da cultura galega.

O tío Marcos existiu en verdade. Un rapaz da aldea. (Engadiría Neira: “Coma quen dis, un ninguén. E ademais, probe”). Un xornaleiro que vivía no lugar do Outeiro, cinco ou seis casas, en Monte Porreiro, e ao que frei Martín tratou de neno. Un home dotado de tal intelixencia, sabedoría, empatía e coñecemento profundo do seu medio que cos seus parrafeos alumou a nenez do fillo dos donos da casa pacega en que traballaba adoito: Pedro Xosé García Balboa, logo coñecido como Martín Sarmiento. Nunca deixou de lembralo con respecto e admiración e, segundo el mesmo conta, tampouco deixou de visitalo nas súas viaxes a Galicia. Quen foi figura clave da Ilustración deixou constancia dos parrafeos con este home: “Conocí a un aldeano natural de Mourente, y del lugarcito de Monte Porreiro vecino; su nombre Marcos da Portela. Este era (y creo vive) el rústico más advertido, picarón y gracioso que allí traté aún siendo yo niño”.

O tío Marcos existiu en verdade. Un rapaz da aldea... un xornaleiro que vivía no lugar do Outeiro, cinco ou seis casas, en Monte Porreiro, e ao que frei Martín tratou de neno

Filgueira Valverde, coa súa curiosidade e erudición infinitas, indagou sobre o Marcos da Portela real e axudou a completar con datos biográficos documentados o seu perfil. Nun artigo publicado no Faro de Vigo en 1972, no segundo centenario do pasamento do autor, dinos que se chamaba Marcos Peralba, estaba casado con Mariña Barreiro, coa que vivía en Vilaverde (Mourente), morreu en 1756 e tivo un lucido enterro oficiado por cinco sacerdotes, amais do cura párroco. Non consta a data de nacemento, pero era adulto aos ollos do neno no tempo da súa crianza en Pontevedra (ata 1710).

A pegada foi tan grande que o converteu no seu heterónimo, dándolle papel destacado (O Poeta) no Coloquio en mil duascentas coplas galegas; é probable que fose nese momento cando o elevou a tío Marcos, usando a forma de respecto atribuída aos veciños maiores. O Coloquio contén preto de cinco mil versos de intención social nos que, ademais de lucir a riqueza da lingua galega, 24 aldeáns de diferentes xeracións conversan sobre os últimos acontecementos da corte e debuxan cadros de vida cotiá das clases populares de Galicia… Todo contado desde o punto de vista popular, con ironía e crítica social, por este grupo formado ao acaso nun alto do camiño por rapazas e rapaces que volven de servir en Madrid, por segadores que chegan de Castela e por mulleres que retornan ás súas casas do mercado de Pontevedra. O poeta que o recolle e pon en verso, Marcos da Portela. Di frei Martín: “Cuando comencé estas coplitas pensé ponerlas en cabeza de algún rústico conocido, y al punto se me ofreció Marcos da Portela por ser agudo y despierto”. Así pois, o ilustrado Sarmiento dá paso ao Tío Marcos, labrador e xornaleiro con conciencia crítica, forxando o símbolo cultural que aínda había protagonizar outras vidas.

A obra de Sarmiento, que tanto brillou no seu tempo, repousou inédita por decisión propia e caeu no esquecemento, salvo para algunhas persoas ilustradas que mantiveron firme o fío. Unha delas é o tamén pontevedrés Xoán Manuel Pintos, figura clave nos albores do Rexurdimento, que en 1859 dá a luz o Coloquio, e con el emerxen de novo, na cadea de transmisión, Sarmiento e o noso protagonista, Marcos da Portela. E así chegan, heterónimo, personaxe e referente simbólico da sabedoría tradicional a coñecemento de Valentín Lamas Carvajal.

Hoxe homenaxeamos a aparición desa cabeceira esencial da cultura galega, mais tirar do fío de Marcos da Portela amosa outras lecturas. Permite facer unha viaxe pola transmisión da cultura galega, trazar itinerarios sólidos dunha tradición que non chegou a interromperse, que permaneceu tanto grazas a figuras senlleiras coma a persoas anónimas que non protagonizan libros nin cabeceiras de prensa pero manteñen vivas as tradicións, os costumes e unha sabedoría apegada ao país.

Entre os méritos de Lamas Carvajal destaca o de saber atopar o formato de difusión axeitado ás necesidades e gustos da cidadanía, cun xornal tan popular que as tiraxes chegaron a ter 4.000 exemplares, e iso nuns tempos que, sen dúbida, non eran menos complexos e difíciles cós actuais. Non é un logro menor rescatar o heterónimo de Sarmiento para converter o tío Marcos da Portela –galego enxebre, vestido á antiga usanza tradicional– nun símbolo identitario, referente da sabedoría popular galega. O agudo xornaleiro, veciño de Mourente, elevado á cabeceira da primeira publicación periódica galega regular e logo, convertido no “R. P. M. Fr. Marcos da Portela, Doutor en Teoloxía Campestre”, como impartidor de doutrina no célebre Catecismo do labrego. A forza da transmisión!

Contenido patrocinado

stats