¡BUONE VISIONI!
A illa de Amrum
¡BUONE VISIONI!
Fatih Akin é un cineasta alemán fillo de pais turcos. Deu voz, por primeira vez, aos inmigrantes de segunda xeración cando con 30 anos triunfou na Berlinale coa súa segunda longametraxe, “Contra la pared” (2004). Un filme cru e sombrío protagonizado por Sibel Kekilli e Birol Ünel que abordaba as consecuencias do choque cultural entre a tradición turca e a vida moderna alemá.
Akin é un cineasta que sempre sentiu Alemaña como a súa patria, pero sen renegar as súas raíces. Esa relación exprésase –xunto coas contradicións que a acompañan– na súa filmografía. Nela atopamos películas con rexistros moi diferentes e que demostran a versatilidade dun cineasta cunha identidade mestiza, dificilmente clasificable. Non podemos esquecer o drama fronteirizo “Al otro lado” (2007), a brillante comedia culinaria “Soul Kitchen” (2009), o retrato sobre a adolescencia marxinal de “Goodbye, Berlín” (2016), o true crime bizarro “El monstruo de St. Pauli” (2019), ou o documental musical “Cruzando el puente: los sonidos de Estambul” (2005), só por citar algunhas.
“La isla de Amrum”, o seu último filme, é un drama histórico baseado en feitos reais que engade outra peza na súa variada filmografía. O filme, estreado no Festival de Cannes, sitúa o espectador na illa alemá de Amrum, na primavera de 1945, nos últimos días da Segunda Guerra Mundial. O protagonista é Nanning (Jasper Billerbeck), un neno de 12 anos, que coida os campos dunha granxa para axudar á súa nai e alimentar á familia. Ante a ausencia do seu pai, a medida que chega o cese do conflito, xorden desafíos imprevistos que obrigan a Nanning a cruzar demasiado pronto a “liña de sombra”...
Baseada na infancia de Hark Bohm, director, guionista e habitual colaborador de Akin, o filme é un retrato honesto, sensible e sen artificios, dunha infancia truncada, sobre a transición traumática dun neno á adultez. A guerra non está en primeiro plano. En Amrum non hai exércitos ou grandes escenas de combates, excepto uns avións que aparecen na escena inicial, pero a violencia, si, ten unha presenza constante en boa parte da película. A illa é un microcosmos, lonxe da trincheira, que permite ao director recrear unha sociedade enteira, de retratar unha Alemaña en miniatura. É un espazo reducido onde hai distintos tipos de persoas: os nazis convencidos e os arrebatados, os oportunistas, os rebeldes, e os que simplemente intentan sobrevivir.
Ao igual “La isla de Amrum” é un filme que describe moi ben a construción da identidade e que abre un debate sobre o que somos, sobre a aceptación e a moralidade. É unha obra que cava no pasado para intentar facernos comprender mellor o noso presente. Considerando que o partido de extrema dereita en Alemaña logrou obter 12 millóns de votos nas recentes eleccións, o filme abre unhas reflexións bastantes incómodas canto necesarias. Quizais a poética escena contemplativa final –que non vou contar por non facer spoiler– simbolice unha calma antes da tempestade.
Grazas ao Cineclube Padre Feijoo, volve o cinema nos lugares emblemáticos da música ao vivo da cidade de Ourense: Café Pop Torgal, El Pueblo e Café Cultural Auriense. Ademais o programa deste ano engade máis películas programadas na Casa da Cultura. Sete propostas en total coa música como protagonista, desde o 20 ata o 28 de maio. As sesións son ás 20:30 horas e a entrada é de balde. Podedes consultar o programa completo na páxina web do Cineclube: cineclubepf.eu.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
¡BUONE VISIONI!
A illa de Amrum
LOS LIBROS QUE LEO
Sándor Márai a todo tren y color en "El último encuentro"
10 AÑOS DE TRAYECTORIA
Tanxugueiras publica O cuarto: "La tradición para nosotros es como papá y mamá"
RECONOCIMIENTO A UNA TRAYECTORIA
Los Suaves, distinguidos el Premio Honorífico de los XIII Premios Martín Códax de la Música
Lo último
CIBERSEGURIDAD
Viana do Bolo se lleva premio en Galiciencia
Pilar Falcón
Ratas, mares y cortinas
XORNADA DE CONVIVENCIA
Celanova acolleu aos colexios Curros Enríquez