UN CHAMAMENTO EN GALEGO
Lamas Carvajal, La Región e Ourense
UN CHAMAMENTO EN GALEGO
Esta confluencia de obxectivos vitais sería xa de abondo para que La Región participase de forma plena na recuperación da memoria do xornal O Tío Marcos da Portela, cuxo 150 aniversario se cumpre hoxe, e de Lamas Carvajal o seu impulsor, editor e propietario.
Pero hai moito máis: os fíos da memoria de entrambas realidades, entrelázanse de forma íntima e permanente. Valentín, como ben se sinala nos artigos deste excepcional Extra, foi director de tres xornais claves na nosa historia: El Heraldo Gallego (1874-80), O Tío Marcos d’a Portela (1876-1889) e El Eco de Orense (1880-1909). A súa liña de compromiso activo coa cidade e provincia de Ourense é unha constante en todos tres. E desde 1883, toda obra nova ou reeditada que publica Valentín Lamas Carvajal, faise nos talleres da imprenta de El Eco de Orense, sita en Alba 15, na vella rúa que leva hoxe o nome do que foi o noso director Alejandro Outeiriño. E non é casual, pois a que fora sede da imprenta e xornal propiedade da familia de Valentín Lamás Carvajal -unha vez máis a súa muller Rosina foi clave na súa vida, tamén na adquisición da imprenta de El Eco- acabou converténdose en 1910 na sede onde tivo asento La Región durante case un século. E non só La Región se imprimiu na mesma rúa, local e máquinas que El Eco de Orense, senón que continuou a súa vinculación estreita coa familia de Lamas e co seu compromiso coa cultura e con Galicia. Dalgún xeito, exerceu de garante da súa memoria nos tempos que desde as elites culturais de Galicia a figura de Lamas foi preterida sen xustificación ningunha, fronte ás outras tres grandes figuras do Rexurdimento, Rosalía, Curros e Pondal.
Desde 1910, xa nos talleres de La Región, vanse reeditar moitas das súas obras, en especial o único best seller da historia da Galicia popular como O Catecismo do Labrego. En 1916, o aniversario do seu nacemento, o 1 de novembro, publicará na primeira páxina, un chamamento en galego, ao primeiro acto das Irmandades da Fala en Ourense, que será unha homenaxe cívica na súa tumba. Entre 1917 e 1919, será a imprenta de La Región, sede editorial do renacido xornal O Tío Marcos d’a Portela, lograda polo impulso dos seus amigos e admiradores. En 1918, o 31 de maio, inserta páxinas especiais -con sinaturas como Filomena Dato, Sofía Casanova, Murguía, Marcelo Macías, etc. –uníndose aos festexos pola erección do primeiro busto a Lamas na parte de arriba do Xardín do Posío que fora impulsado desde o ano anterior nas páxinas de La Región.
... a que fora sede da imprenta e xornal propiedade da familia de Valentín Lamás Carvajal -unha vez máis a súa muller Rosina foi clave na súa vida, tamén na adquisición da imprenta de El Eco- acabou converténdose en 1910 na sede onde tivo asento La Región durante case un século. E non só La Región se imprimiu na mesma rúa, local e máquinas que El Eco de Orense, senón que continuou a súa vinculación estreita coa familia de Lamas e co seu compromiso coa cultura e con Galicia.
Sabido é que tecendo eses fíos de compromiso, amizade e memoria, e co espírito de Lamas presente, na imprenta de La Región, en Alba 15, se publican entre 1920 e 1923 os tres primeiros anos -os mellores a dicir dos especialistas- da revista Nós, de Vicente Risco e Castelao, punto de inflexión na modernización do pensamento galeguista.
En 1925, o director do xornal Marcial Ginzo Soto, pronunciará o discurso con motivo da colocación da placa da fundición Malingre para darlle novo nome á rúa nova ou do Instituto, que desde aquela, leva o do poeta.
En 1927 a viúva de Lamas, dona Rosina, auténtica gardiá da memoria do seu home, impulsará a reedición das obra completas de Lamas Carvjal, cousa que se fará co apoio da Deputación de Ourense, nos nosos talleres, en tres volumes, en 1927 con varias reedicións nos anos seguintes.
Na homenaxe de 1949 -centenario do seu nacemento- clave na formación do galeguismo da posguerra, estivo tamén La Región na comisión organizadora dos actos -a través do avogado Alfonso Carballo, que xa estivera na de 1918 e quen sería o encargado do discurso o día 6 de novembro de 1949 na colocación da placa na memoria de Lamas que hoxe se pode ver onde el viviu e traballou, no primeiro piso da rúa Alejandro Outeiriño 15.
Tamén, desde a Comisión, impulsou a inclusión de artigos na memoria de Lamas en toda a prensa de Galicia, consello que seguiron os colegas de Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, Ideal Gallego, La Voz de Galicia, La Noche, El Correo Gallego, El Progreso e que se uniron con moitos artigos e páxinas especiais ás crónicas dos actos publicadas pola La Región, ao longo de todo o ano, da man de Alfonso Vázquez Martínez, secretario da Comisión, e coa inclusión, tamén, dos artigos gañadores nos concursos literarios ao efecto, o propio día 11 de novembro.
Varias décadas despois, en 1972, tamén La Región dá cumprida información dos actos que a Real Academia Galega celebra con motivo de dedicárselle o Día das Letras Galegas dese ano, novamente nos espazos do Instituto do Posío, e oíndo a palabra de Otero no Xardín do Posío, ou a alternativa, máis vinculada ás iniciativas máis novas, de Eduardo Blanco Amor colaborando coas agrupacións culturais Breogán e Auriense no Liceo de Ourense e acollendo unha serie de catro artigos reivindicando a figura de Lamas, entre maio e xuño.
Si. Lamas Carvajal e La Región son realidades absolutamente entrelazadas, e por tal, acollemos hoxe o Extra máis extraordinario que fixo nunca na súa memoria. Reivindicando O Tío Marcos d’a Portela, reivindicamos tamén a Lamas Caravajal e ao papel de Ourense na cultura galega. Aí, aquí, sempre estaremos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UN CHAMAMENTO EN GALEGO
Lamas Carvajal, La Región e Ourense
"A CHUVIA ETERNA"
Alfredo Conde, Premio Ángeles Terrazo de Novela
Lo último
ESTACIONES METEOROLÓGICAS
Ourense concentra las cinco temperaturas más bajas de Galicia: todas por debajo de cero grados
DESCENSO TÉRMICO
El frío invernal llega a Ourense esta semana