Xosé Cid, premiado en Celanova

ARTE ET ALIA

O artista no cartaz do Premio de Celanova.
O artista no cartaz do Premio de Celanova.

Unha árbore rexa, chea de grandes froitos que penduran das súas frondosas ramas, éXosé Cid Menor. Pasan de nove os lustros, en realidade xa máis de cincuenta anos, amosándonos as súas primeiras creacións, unhas sorprendentes formas cerámicas con espátulas, un traballo feito coas mans, directamente, na década dos anos sesenta, notables pezas de terracota de máis de medio metro e acaídas formas populares. Mais o artista afastouse de contado deste camiño do realismo figurativo na procura dun estilo de seu. As formas creadas co seu traballo constante e honesto son produto dunha teimuda ansia formativa que é a un tempo autoformación e autoafirmación dun artista feito a si mesmo dende a Rabeda, primeiro, e xaora como gran mestre na Pousa, Taboadela, onde funde, talla e tamén esculpe. Os seus compactos volumes teñen dende moi cedo unha superficie alterada por xaramillos, esas ondiñas que fai o vento no mar, un traballo de constantes variacións que se transforman en superficies pulidas, tanto no granito como na mármore. As sólidas formas figurativas valorizan o concepto do oco, que aparece case sempre con significado simbólico. Son o resultado da súa vontade, lecturas, viaxes e unha fonda reflexión. E o constante debuxar nos cadernos eis a poética do seu oficio.

xler_resultado
xler_resultado

A súa presenza en Ourense a través das exposicións teñen ido deixando unha sólida pegada na cidade. Aquí ten, dende 1985, un icónico San Rosendo nunha céntrica glorieta da rúa Progreso, caput doutras obras dedicadas ao santo renovando con esta temática a súa iconografía, nunhas rochas da aldea da Cela en Lobios, e a de Entrimo, ou a dun Hostal nas aforas da cidade. Todo elo tenlle feito merecente do seu ingreso na "real e pontificia academia auriense-mindoniense" do santo, creada no seu ano xubilar. Nela está o pintor e tamén escultor José Antonio Ocaña Martínez, Dr. en BB. Artes, amigo seu, quen lle fixo onte as palabras de gabanza na entrega do trintaxésimo sexto Premio "Celanova, casa dos poetas". Na cidade capital da provincia ten ademais da citada a Santa Eufemia da fachada da igrexa, un grupo nas Lagoas, 1990; a muller da Rabeda no Parque Miño, 1996; os camiñantes na Ponte, 1997, o Afiador, 1998, a Castañeira, 2001, a estatua de Eduardo Blanco Amor, 2007, e o relevo a Carlos Casares, 2017, ámbalas dúas na praza superior da Alameda. Un timbre da calidade do escultor nado en 1946 en Santa Cruz da Rabeda, San Cibrao das Viñas, é a Muller, 1986, trasladada da súa posición orixinal na Praza Paz Nóvoa á glorieta en desnivel fronte do Auditorio, centrando a rúa de acceso á nova acrópole cultural da cidade, que a aquel e a escola municipal de teatro e música acaban de sumarse a Biblioteca pública e o Arquivo Histórico Provincial. Algo semellante pasoulle na “Insua dos poetas”, Carballiño, pois logo de ser o primeiro escultor escollido para colocar a alegórica peza na honra do libro “Nimbos” de Xosé María Díaz Castro en 2011, a estatua foi removida e recolocada no parque escultórico campestre. Loor ao gran escultor e noraboa polo recoñecemento.

Contenido patrocinado

stats