Carlos Canal, ciclista de Xinzo de Limia en La Vuelta: "Competir con esta xente é unha sorte e tamén un tormento"
ENTREVISTA
O ciclista ourensán afronta a súa quinta Vuelta a España e asegura chegar "en bo estado de forma" para pelexar con estrelas como Pogacar, Roglic ou Carapaz
La Vuelta a España arranca mañá en Mónaco e faino cun ourensán no selecto pelotón que fai criba nas tres grandes do calendario. Aí, entre os Pogacar, Roglic, Almeida, Skjelmose, Gall, Mas ou Carapaz, estará unha vez máis Carlos Canal, ese rapaz de Xinzo de Limia, sacado da forxa inagotable de Xulio Conde en Maceda e que loce o maillot dun dos equipos históricos do pelotón internacional. Aí é nada.
Pregunta. Bueno Carlos, pois a rutina dos últimos anos.
Respuesta. Si, a verdade é que xa vai ser a quinta Vuelta a España, o tempo pasa voando e moi contento de poder estar un ano máis representando ao Movistar nesta carreira. Faltou un ano aí polo medio que non invitaron ao Euskaltel, pero a partir de aí as últimas tres que fixen foron seguidas.
P. Para ti é a cita máis importante da tempada? Como afrontas este ano La Vuelta?
R. A nivel persoal hai citas puntuais que me fan quizais máis ilusión, como pode ser o Gran Camiño, pero a Vuelta a España é a gran cita do ano. Creo que a nivel de preparación e todo o que conleva é o que con máis mimo se prepara de todo o ano e a carreira á que intento chegar no mellor estado de forma e a que máis ganas se lle poñen, entonces, para min é moi, moi importante, creo que chego nun moi bo estado de forma.
P. É o teu pico de forma entón?
R. Creo que si, ao final sempre falta a proba do algodón que é a competición, pero eu creo que si, que fixemos moi bo traballo co equipo e eu agora mesmo encóntrome moi, moi ben, e esperemos que na carreira así sexa.
P. Estiveche en Manzaneda antes de facer a maleta?
R. Si, estiven un par de días, o resto da concentración fixémola co equipo en Andorra, estivemos alí tres semanas concentrados e despois xa fun a competir a Polonia e os últimos toquiños que lle demos de calidade foi aquí, en Manzaneda, na casa.
P. Cal é a túa idea para esta Vuelta, Carlos? Que traballo che vai encargar o equipo?
R. Creo que está claro que hai que apoiar coma sempre a Enric e a Uijtdebroeks, o corredor novo que temos no equipo. Son os dous líderes, principalmente Enric, que ten demostrado que é un fixo na Vuelta a España, que sempre está aí loitando polo podio e ten os seus podios no palmarés, entón intentaremos ir con el a tope e a ver se nalgunha etapa que outra nos dan certa liberdade, pero bueno, todo depende, como digo, de como vaia a clasificación xeral.
P. Cal é o obxectivo do Movistar?
R. Creo que o obxectivo do equipo é facer un podio. Creo que é un obxectivo ambicioso coa participación que hai pero ao mesmo tempo realista. Enric xa ten creo que son catro podios na Vuelta a España, entonces hai que seguir apoiándoo, eu creo que está tamén nun estado moi bo de forma e intentar logralo con el.
P. Que Vuelta nos agarda?
R. Sobre todo o que vai ser decisivo vai ser o calor. Porque son etapas moi, moi duras, non hai ningunha etapa tranquila, toda polo sur de España. Xa dende a primeira semana hai moitísima dureza, entón eu creo que vai ser unha Vuelta de moitísimo desgaste, de non fallar máis que de gañar en etapas puntuais, veremos a ver como vai a carreira día a día. A primeira semana é crucial e veremos se os homes da xeral son capaces de estar aí.
P. Este ano a xente que está en La Vuelta é de luxo. Competir con eles como é?
R. Si, ao final vén moitísima xente boa, parece que a maioría das grandes estrelas do panorama mundial estanse centrando en vir á Vuelta despois do Tour, así que é un pracer e ao mesmo tempo un tormento. Porque un nivel tan, tan alto pois é moi difícil lograr unha vitoria, pero sobre todo lograla ante os mellores sería o mellor posible.
P. Están casi todos.
R. Si, menos Vingegaard, tanto Pogacar como Roglic... están todos aquí na Vuelta. Creo que vai ser unha Vuelta espectacular. Si que é verdade que polo mero feito de que Pogacar se atope na carreira vai restar moitísimas oportunidades de vitoria, porque se todo vai como estes últimos anos é un corredor que só pode ter facilmente catro ou cinco etapas para el, para gañalas el e algunha máis co seu equipo, pero bueno é un corredorazo e intentaremos plantarlle cara.
P. Pase o que pase no che queda de carreira, unha das cousas que poderás dicir é que corriche con Pogacar.
R. Si, por sorte ou por desgraza é algo que poderei dicir si. Porque realmente é que é xa o mellor da historia, é unha barbaridade. Creo que agora mesmo co palmarés que ten xa podemos dicir que é o mellor da historia, ademais só se pode comparar con el Eddy Merckx, pero son corredores doutro ciclismo digamos, de fai moitísimos anos onde era un ciclismo máis amateur, pero lograr ese palmarés hoxe en día co nivel que hai é algo practicamente imposible.
P. Falar de favoritos estando Pogacar non ten moito sentido.
R. Si, agora mesmo co nivel que ten, o único que pode facer que non logre unha vitoria son factores externos a el. Pode ser algo de saúde ou unha caída, que oxalá non pase nada, pero diso non se pode librar por moi bo que sexa, pero se non ten ningún contratempo físico nin externo a el, polo seu nivel propio, pois obviamente é o favorito indiscutible.
P. Remato Carlos, despois da Vuelta que che queda?
R. Dspois da Vuelta xa prácticamente rematamos o calendario, quedaranme algunhas clásicas por Italia e se vai todo como está planeado acabarei a tempada en Lombardía.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LA MENOR DE GALICIA
Solo en el 16% de los hogares en Ourense residen menores de 16 años
PROGRAMACIÓN ESPECIAL
El CHUO celebra diez años de arte vinculado con Quessada