FESTIVAL INTERNACIONAL
Vilariño de Conso despide el XI ViBoMask
ENTROIDO DE VIANA
Seis anos pasaron xa dende que un grupo de veciños da Chaira, en Viana do Bolo, decidiu recuperar a ancestral tradición das comparsas. Estas agrupacións foron durante décadas unha tradición moi arraigada do Entroido en varias aldeas do municipio e, tras varios anos en branco, no 2019 Pixeiros e Seoane puxeron todo o seu afán en recuperala.
Este 2025, como non podía ser doutro xeito, volven. Farano en Seoane de Arriba, Mourisca, as aldeas do Padre Eterno e Pradocabalos o sábado 22 de febreiro e o sábado 1 de marzo. No caso de Seoane de Arriba e Mourisca, será o día 22 ás 11:00 horas na primeira aldea e a partir das 17:00 na segunda. O 1 de marzo será a quenda das aldeas do Padre Eterno ás 11:00 horas e de Pradocabalos ás 17:00 horas.
A “ronda, o brindis e a disputa” que conforman a comparsas tomarán as “airas” despois dun gran esforzo por parte dos encargados de levala a cabo. E é que recuperala supuxo un gran esforzo, xa que, como ben explica Antucho Espinosa, un dos artífices, “é preciso moito compromiso e moito traballo”.
Meses antes do Entroido, a agrupación comeza os seus ensaios acompañada polos actores. Eran e seguirán sendo catro os papeis principais: o director, a señorita, o pallaso e o home de esquilas que, acompañados por outros protagonistas que varían en función dos anos, encárganse de realizar unha máxica actuación.
Unha vez na aldea, o home de esquilas -coñecido actualmente como boteiro- adiantase ao grupo para “pedir permiso” aos veciños do lugar. Os músicos comezan coa “ronda” e percorren as rúas da aldea acompañados dos diferentes personaxes que exercerán os seus cometidos durante o percorrido. Finalizado este, a agrupación diríxese a unha “aira” ampla -sitio chan, próximo ás casas, de terra firme, no que antigamente se procedía á malla do cereal- para continuar co “brindis”. O papel do director será fundamental durante esta parte, xa que, de maneira improvisada, dedicará, mediante versos, cancións a diferentes espectadores.
Antigamente, aqueles cos que o director decidía “brindar” tiñan a obriga de pagar unhas pesetas á agrupación. Finalizado o “brindis”, chega o momento da “disputa”, unha actuación teatral en verso na que os diferentes personaxes teñen como obxectivo facer rir ao público a través da sátira. Durante esta, faise referencia á actualidade política e social da localidade, da comunidade e mesmo do estado, así como a anécdotas de diferentes veciños acontecidas no último ano.
Esta edición “haberá sorpresas”, confesa Antucho, e engade que “as risas estarán aseguradas”. “É moi gratificante ver como a xente maior se emociona o vivir de novo unha Comparsa nas súas terras”, declara. Pensando no futuro, dende a “comitiva” desta agrupación afirman que é necesario que “a xente se anime a participar e a continuar con esta tradición”. “O importante é loitar polo noso Entroido, que a xente moza se implique e poder dar continuidade ás actividades que fan que a nosa sexa unha celebración diferente”, engaden.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FESTIVAL INTERNACIONAL
Vilariño de Conso despide el XI ViBoMask
PRESERVACIÓN DE TRADICIONES
Nacho Rovira, coleccionista: "La Pantalla de Xinzo es una de las máscaras más originales del mundo"
EXPOSICIÓN DE MÁSCARAS
Galería | El espíritu del Entroido de Ourense se deja ver en el Museo do Pobo Galego
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 25 de marzo
Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
La próxima primavera
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Os amigos, como irmáns
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
Camino del caos