A arte de facer felos, unha rica herdanza de avós a netos

O TALLER DE DAVID LÓPEZ

David López aprendeu a facer felos do seu tio avó, Manuel de Vilardecás, ou o “Manolo da Eirexa” para os veciños. Segundo explica, seu tío avó foi un pioneiro facendo estas pezas.

A arte de facer felos, unha rica herdanza de avós a netos | Bruno Losada

David López fai felos no taller que ten na súa casa en Reza, e leva varios anos facéndoos por encargo para amigos e veciños. Comenta que sempre lle gustaron moito e agora desfruta o proceso de traballar a madeira como facía o seu tío avó, de quen aprendeu este saber tan pouco recollido.

“A min sempre me chamou moito a atención, recordo a primeira careta de cando era pequeno, chegou meu avó chamando por min e eu fun con moita ilusión a probala” engadiu. A curiosidade levouno a querer aprender a facelas, e aos 16 anos pediullo ao seu tío. “Custoume moito aprender porque era todo a man, aínda que agora se utilizan máquinas, pero eu utilizo as ferramentas que herdei del”. Empezou a facelas xunto co seu tío avó ás tardes, pero este, pensando que David non se esforzaba por aprender, deulle un Felo xa tallado, para que levase para a casa e fose facendo pola súa conta. “Un tempo despois chegueille con unha, e díxome que tirase con ela porque non valía nin para ver, e eu, pouco a pouco funo sacando”. 

A súa familia é da contorna de Maceda e segundo o que lle contou o seu tío avó, os felos eran os antigos cobradores do castelo de Maceda polo que a xente, para facerlles a burla, comezou a saír en entroido vestidos coma eles”. David ten 35 anos e di que leva poucos anos facéndoas ben. “Agora fágoas máis semellantes as do meu tío, con máis releve nas meixelas e outros detalles máis coidados”. 

A madeira do Felo

David comenta que el adoita empregar a mesma madeira que o seu tío avó, bidueiro ou amieiro. “O bidueiro xa o utilizaba de aquela para facer chancas e zocas, é unha madeira moi branda para traballar, pero non é tan resistente como o amieiro”, engadiu, comentando que o seu parente era carpinteiro. “A tradición vén aí, pois era xa carpinteiro de oficio e fóronlle preguntar a casa se podía facer unhas caretas, que resultaron ser os felos, hai moitos anos”, aclarou David. O amieiro, que intenta protexerse xa que é moi bo para as marxes dos ríos, ten que ser sen nó para que se poida traballar. Engadiu que o sabugueiro tamén é boa madeira e fixo varios felos dela. “A madeira ten un proceso de secado, e antigamente secábase no río xa que a corrente limpa de zume. Deixase uns seis meses e logo a auga seca facilmente, o problema é o zume que estraga a madeira”, explica o mozo. 

O proceso

David explica que o primeiro sería partir un cepo a metade, no que se marca ca plantilla a forma da máscara. Logo, empregando unha aixola, rebaixaríanselle os lados, hasta ter as beiras feitas. “O seguinte paso sería coller a trencha e rebaixamos as partes da cara, marcando uns 6 ou 7 centímetros do queixo ao nariz, outros tantos do nariz ás cellas, e logo o resto que sería a fronte”, engade. Malia que a xente que vive de facer máscara de Entroido adoita empregar máquinas, David prefire facelo a man “xa que o desfruto moito máis así”.

El comeza coas meixelas, ás que lle da moita importancia e logo vai rematando os demais detalles da cara. “Logo pasamos a rebaixar a madeira onde iría a nosa cara, deixando un centímetro e medio de madeira, aproximadamente, e rematamos coa gubia”. Comenta varias diferenzas entre a forma das cellas, que foi cambiando co tempo “nas cellas hai diferenzas, antes rebaixábanse, outros fanllas cara arriba con releve, e eu fágollas así rectas”. 

A pintura

“A chapa probouse a por de zinc, aluminio ou con calquera recorte que tiñan na casa para aproveitalos, porque non había outra cousa”. El utiliza aluminio, que logo de marcalo cun patrón corta con tesoiras. Despois líxao e límpao con acetona antes de imprimalo con pintura branca, e remata pintando con acrílico o debuxo do Felo. “Agora ves animais coma leóns e tigres, pero antigamente eran só animais da serra”. Logo prepárao para que sexa cómodo, “cando teño a cara pintada, preparo o interior para que sexa cómodo, arriba póñolle un soporte e varias tiras de coiro”.

Contenido patrocinado

stats