O Entroido de Xinzo incorpórase ó patrimonio arquitectónico da vila
Unha gran pantalla, inspirada nunha fotografía de Noelia Casero, cobre unha parede de 458 metros cadrados
Seguindo o lema que acompaña ó Entroido de Xinzo de Limia, “un sentimento”, as rúas da vila vístense durante todo o ano de festa co novo mural impulsado pola Xunta de Galicia, situado na rúa Dous de Maio, nas proximidades do Museo Galego do Entroido. Unha gran pantalla, inspirada nunha fotografía de Noelia Casero, cobre un total de 458 metros cadrados capturando unha imaxe icónica deste entroido, o único galego declarado de Interese Turístico Internacional.
Foron os artistas Néstor Reinaldo e Pablo Loyola os encargados de realizar o mural apostando polo uso de técnicas mixtas que garanten a súa durabilidade e impacto visual. O proxecto contou cun orzamento de preto de 15.000 euros que converten esta obra nun elemento do patrimonio artístico e cultural de Xinzo que contribúe a reafirmar a súa identidade e amosa durante todo o ano a festividade como un atractivo turístico fundamental para a comarca.
Compromiso institucional
O potencial turístico do Entroido incrementou un 1,5% os visitantes de Galicia en febreiro de 2024
Na inauguración deste novo mural, que coincidiu coa celebración do Domingo Oleiro, estivo o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, amosando o compromiso do departamento que dirixe coas lendarias festas do Entroido de Galicia. Alí puxo en valor estas citas que rebosan cultura e tradición e que actúan como importantes atractivos desestacionalizadores do fluxo turístico para garantir así a chegada de visitantes fóra de tempada.
Concretamente, salientou que o pasado ano o número de turistas que visitaron a comunidade galega incrementouse case o 1,5% no mes de febreiro. Referíndose específicamente ao Entroido de Xinzo, Xosé Merelles lembrou o carácter ancestral da cita e tamén destacou a implicación de toda a veciñanza que durante estas datas se concentra en vivir e transmitir esta tradición.
Merelles salientou que Turismo de Galicia aposta por dar maior proxección a estas celebracións que cada vez espertan o interese de máis visitantes e lembrou que se pode ver toda a programación dos 11 entroidos galegos que gozan de recoñecemento de interese turístico galego, nacional ou internacional na guía Entroido en Galicia na propia web www.turismo.gal. A guía ofrece unha completa programación destas festas que se estende ao longo dun mes de duración e que rematarán o 9 de marzo.
Máis alá destas datas, Xinzo de Limia vive estas festas durante todo o ano a través de espazos coma o Museo Galego do Entroido, onde se amosan as máscaras tradicionais de toda a comunidade autónoma. Dende este espazo é posible realizar un percorrido polas orixes desta festa ancestral e a súa evolución no tempo, pasando de ser un evento social de cada núcleo a converterse en auténticos atractivos turísticos para as localidades que as celebran.
Neste museo ubicado na capital limiá, tamén coñecido como Mugae, amósanse curiosidades coma os sons do Entroido, a gastronomía asociada a estas datas e, por suposto, tamén as personaxes peculiares de toda Galicia: cabezudos, capuchos, mecos, gárgolas, madamas e galáns, merdeiros, felipeiros, cabreiros, o Loro Ravachol, o Oso de Salcedo ou Frei Canedo, entre moitos outros.
O Triángulo Máxico ourensán
Xinzo de Limia é un dos vértices do coñecido como “Triángulo Máxico do Entroido”, que se completa coas festividades de Verín e Laza, declarados de Interese Turístico Nacional e de Galicia, respectivamente. Entre os tres, constitúen un potente atractivo turístico que cada ano acolle a milleiros de visitantes atraídos polo peculiar xeito que teñen as tres vilas de viviren o Entroido.
En Verín, os cigarróns percorren as rúas por vez primeira durante o Domingo Corredoiro facendo soar as súas chocas e convidando ós asistentes a sumarse á festa do Entroido. Como datas sinaladas destacan os Xoves de Comadres e Compadres.
Pola súa banda, os protagonistas en Laza son os peliqueiros, armados con zamarras e chocas que fan soar por toda a vila. A programación deste núcleo inclúe eventos de gran recoñecemento coma os Venres de Folión ou o Luns Borralleiro, coas famosas Farrapada e Xitanada.
Tres Entroidos de orixe popular que converten as tres vilas nun triángulo de festa que veciños e visitantes agardan con gran ilusión durante todo o ano.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último