RELEVO NA ORGANIZACIÓN
Fin de etapa da comisión do Entroido e Santo Cristo de Laza tras 10 anos
Manzaneda continúa vibrando co seu entroido máis auténtico e ancestral neste Domingo Gordo que se celebra cada ano na parroquia de San Martiño, unha xornada onde o son dos bombos, aixadas e cornas marcou o ritmo dunha celebración que cada ano gaña máis forza, facendo bailar ás mázcaras, ofrecendo unha estampa envolvente.
O lugar da Corredoira foi o punto de encontro para veciños e visitantes, que acudiron en masa para vivir de preto a maxia dun dos entroidos máis enxebres da provincia.
O fulión, acompañado polas locidas mázcaras, deu inicio á súa ronda pola parroquia, levando a música e a danza tradicional por cada un dos seus barrios.
Nunha tarde soleada, o bo tempo reforzou a alegría e a entrega dos participantes, que fixeron da xornada unha auténtica exaltación da identidade cultural de Manzaneda. Ao longo de horas de percorrido, a festa pasou pola Corredoira, Soutelo, San Martiño, Rozavales ata rematar en Cimadevila, espallando o espírito do entroido por cada recuncho da parroquia e deixando testemuña da enerxía que desprenden as mázcaras que non deixaron de xirar nas máis de catro horas de ronda.
Cada ano son máis as mázcaras que, dende idades temperás, aprenden e conservan esta tradición, bailando con enerxía e destreza diante dos bombos e cornas, acompañados do rítmico soar das aixadas e da melodía dos gaiteiros. A paixón co que este Entroido se vive na parroquia de San Martiño atrae a numerosos visitantes que, fascinados pola autenticidade desta festa, acoden a presenciar un dos entroidos máis puros e vibrantes de Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último