A Pantalla, raíña do Entroido en Xinzo de Limia no Domingo Corredoiro

Malia ser xa a terceira semana de Entroido, é a primeira data na que as pantallas percorren a vila 

Publicado: 24 feb 2025 - 04:45 Actualizado: 24 feb 2025 - 09:31
Ata os máis cativos participan nesta tradición que define o Entroido de Xinzo de Limia.
Ata os máis cativos participan nesta tradición que define o Entroido de Xinzo de Limia. | Miguel Ángel

O Domingo Corredoiro é unha das citas máis esperadas durante todo o ano, pois é cando aparecen as protagonistas do Entroido de Xinzo de Limia por primeira vez. As pantallas xa recorrían as rúas da vila antes das 11,00 horas, malia que a cita oficial era as 12,00 horas diante do Museo Galego do Entroido.

Pantallas bailando diante do novo mural xunto ao Mugae antes de sair cara a Praza Maior.
Pantallas bailando diante do novo mural xunto ao Mugae antes de sair cara a Praza Maior. | Miguel Ángel

A esa hora, centos de persoas e decenas de pantallas ocuparon a rúa Dous de Maio, bailando e facendo soar as vexigas e as campás tan características deste traxe tradicional. O tempo acompañou a ocasión, o que fixo que as rúas de Xinzo estiveran ateigadas de xente ao longo de toda a mañá. Milleiros de persoas puideron ver como as pantallas non só percorrían esas mesmas rúas, senón que paraban a bailar tanto na Praza Maior coma na Praza de Oriente, e dun punto a outro ían co seu característico paso. A xente respectou moito as pantallas, pois coa careta non ven apenas nada e é o resto da xente quen ten que velar pola súa seguridade.

A troula estivo acompañada polas charangas Élite e Sound Band, que dende as 12,00 horas ata ben pasadas as 22,00 horas, puxeron a música para que os asistentes puidesen desfrutar dunha velada incomparable. Entre as 14,00 horas e as 18,00 horas as charangas fixeron un descanso para poder comer e recuperar forzas, pero a xente continuou nas rúas e nos bares, bebendo, cantando e vivindo o sentimento do Entroido de Xinzo.

Traxes e disfraces

A variedade de disfraces, e a orixinalidade de moitos deles, non quitou peso á figura da Pantalla, que foi a raíña durante toda a mañá. Segundo ían pasando as horas e foi caendo a tardiña, moitos decidiron deixar o traxe tradicional na casa e pórse un disfrace para poder continuar a troula. O respecto que ten a xente que viste a Pantalla polo traxe e toda a tradición que ven vencellado a él refórzase cada ano, e vense menos traxes de Pantalla que non cumpran co canon de vestimenta, facendo que a imaxe das pantallas correndo polas rúas sexa moito máis homoxénea e senlleira.

Contenido patrocinado

stats