Raigada vestiuse de fulión

ENTROIDO DE MANZANEDA

O son telúrico dos bombos, cornas e aixadas, xunto coas danzas hipnóticas das mázcaras, convertiron a noite nun espectáculo. Entre versos improvisados, fachós iluminando as rúas e veciños compartindo viandas e alegría, a esencia do entroido sentiuse.

Publicado: 17 feb 2025 - 06:45 Actualizado: 17 feb 2025 - 09:50

Raigada vestiuse de fulión | La Región, Reme Martínez

No corazón do Concello de Manzaneda, na aldea de Raigada, a tradición do Entroido cobra vida coa visita do fulion da Mourela Pra ’Acá. O son telúrico dos bombo, das cornas e das aixadas, mesturado coas danzas hipnóticas das mázcaras, transforma a noite nun espectáculo de cor, son e tradición.

Ao carón do Castiñeiro, punto de encontro ancestral, os veciños agardaban expectantes o momento de xuntarse. O fulión visitante chegaba en perfecta sincronía, encabezado polas mázcaras que, orgullosas, marcaban o ritmo da comitiva. Como manda a costume, detivéronse para pedir permiso en verso aos anfitrións, quen, fieles á tradición, responderon en forma de rima, abrindo as portas da aldea e dando comezo á ronda.

A medida que a noite avanzaba e só as tímidas luces das farolas proxectaban sombras nas estreitas rúas de Raigada, a esencia do entroido envolvía cada recuncho. Durante aproximadamente catro horas, o fulión percorreu todos barrios sen perder unha enerxía desbordante que atrapaba a cada un dos participantes. As mázcaras non cesaban de xirar e brincar, os mazaricos petar na pel dos bombos e os ferros repenicaban en aisadas e gadañas, mentres os veciños, en xesto de hospitalidade, saían das súa casas con bebida e comida para repoñer forzas aos participantes. Cada parada convertíase nun acto de convivencia, onde entre grolo e bocado xurdían versos improvisados en agradecemento, acompañados dos característicos berros de “Viva, viva, viva!

O momento máis místico da noite chegou coa acendida dos fachós. As lámpadas modernas deron paso á tenue luz das pallas ardendo, creando unha estampa digna doutros tempos. O fulión, iluminado tan só polo resplandor das chamas, avanzaba ao ritmo dos bombos, aixadas, cornas e gadañas, nunha das imaxes máis impactantes e fermosas da noite.

A ronda continuou ata ben entrada a madrugada, pois o fulión en Raigada é un percorrido intenso, onde a esencia e vitalidade da festa se manteñen ata que o corpo aguante. O remate tivo lugar na antiga escola da aldea, onde veciños e participantes, entre risas e boa compañía, seguiron celebrando ata que esgotar as últimas notas da noite.

Unha vez máis, Raigada foi testemuña da maxia do fulión, unha tradición que segue viva grazas á paixón e dedicación de quen a mantén e a celebra con orgullo.

Contenido patrocinado

stats