Sete días de actividades no Entroido de A Gudiña

ENTROIDO 2025

A programación do Entroido da Gudiña iníciase esta fin de semana cun obradoiro de compadres

Celebración durante o pasado ano do Entroido gudiñés.
Celebración durante o pasado ano do Entroido gudiñés.

O municipio da Gudiña presenta unha ampla programación de Entroido que permite continuar na liña de recuperación desta tradición, un obxectivo que perseguen varias entidades dende a pasada anualidade.

Así, a actividade comezará esta mesma fin de semana cun obradoiro destinado á elaboración de comadres, compadres e intrudio, tres elementos destacados da celebración gudiñesa que ensinaran a facer varias mulleres das aldeas de Pentes, O Tameirón e Carracedo da Serra. Este terá lugar o domingo 9 de febreiro a partir das 16,30 horas na Casa da Viúva.

A programación continúa os días 14, 15 e 16 en Carracedo da Serra, aldea que recibirá durante estas datas varios Fulións da zona como o de Vilariño de Conso, o de Fradelo ou o de Pobra de Trives. O sábado de Entroido será o prato forte na Gudiña, onde a partir das 15,30 horas comezará un desfile de carrozas e fulións dende a antiga estación que recorrerá as rúas do lugar. Contarán coa actuación da Charanga Fuego e da Discomóbil Esmorga, ademais de levar a cabo a queima do Intrudio e unha fariñada. As aldeas de O Tameirón e Pentes serán protagonistas os días 2 e 3 de marzo, respectivamente. Na primeira delas terá lugar tamén un desfile de carrozas e fulións, mentres que a segunda acollerá a tradicional queima do Intrudio.

A recuperación desta festividade levase a cabo grazas ao traballo conxunto de varias entidades: a asociación Os Torgueiros, o concello da Gudiña, o fulión de Carracedo da Serra, o fulión do Tameirón, a AC Tarabustio de Pentes, máis a colaboración da Comunidade de Montes da Gudiña e a ANPA.

“O entrudio de 2023 marcou o inicio da recuperación tras anos de ausencia de celebración”, afirma a entidade Os Torgueiros.

O Farrampón

Na actualidade estase intentando recuperar a figura tradicional do Farrampón. Esta caracterízase por un traxe de farrapos composto por roupas vellas, rotas e de materiais reciclados, e simboliza a subversión das normas sociais e a expulsión das malas influencias. Durante as festas, o farrampón persegue e asusta aos veciños, xerando caos, unha característica común nas celebracións do Entroido galego.

Contenido patrocinado

stats