“Unha festa que pertence á xente”

NOVIDADES

Durante a presentación do programa, a concelleira Samanta Barreira defendeu a identidade do entroido

Publicado: 01 mar 2025 - 15:00 Actualizado: 03 mar 2025 - 11:30

A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira.
A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira.

A programación oficial do Entroido 2025 ofrecerá máis de 160 horas de música en directo e unha ampla variedade de actividades destinadas a todos os públicos.

Un total de catorce agrupacións itinerantes, dez orquestras e varias actuacións musicais marcarán o ritmo do Entroido de Verín, que rematará o 4 de marzo co martes de Entroido. Segundo destacou a concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, durante a presentación “esta é unha festa que pertence ás súas rúas, á xente e á tradición. Un programa como o deste ano é a mellor mostra de que seguimos apostando por potenciar o Entroido de sempre, mantendo a súa identidade”.

Con esta ampla presenza de música na rúa refórzase o carácter popular e participativo do Entroido, consolidando a súa identidade como unha festa aberta e de convivencia. Segundo salientou Barreira, “o auténtico espírito do Entroido de Verín e aquel que nace da improvisación e da espontaneidade dos participantes. A combinación de charangas, disfraces e música nas rúas permite que a festa conserve a súa identidade histórica, fomentando a interacción entre veciños e visitantes nun ambiente de celebración e liberdade. Este enfoque garante que a esencia do Entroido de Verín siga sendo a mesma de sempre: unha festa de todos e para todos”.

Un dos momentos máis emotivos deste Entroido é o domingo de Corredoiro, (23 de febreiro), coa celebración do tradicional pregón na Praza da Alameda, que rendeu homenaxe este ano a Toño Prieto Lorenzo “Toné”, unha das figuras máis icónicas destas festas, recentemente falecido. O pregón foi realizado polos seus fillos, mantendo viva a súa memoria e legado dentro da tradición do Entroido verinés.

Seguridade

Por outra banda, mantéñense as medidas de seguridade implementadas na pasada edición, incluíndo a reorganización dos escenarios das orquestras, que funcionarán nun só espazo por día en lugar de dous. Esta medida busca optimizar as vías de evacuación e garantir un acceso rápido aos servizos de emerxencia en caso de ser necesario. Segundo explicou a concelleira de Festexos, Samanta Barreira, “apostamos por un modelo que xa demostramos que funciona e que permite aos asistentes gozar dun Entroido máis seguro e organizado”.

Como novidade, o venres de compadreo (28 de febreiro), ademáis da tradicional carrada cos Festicultores Troupe, deuse especial protagonismo ao talento local coa actuación na rúa Irmáns Moreno do músico Pappaquino, nome artístico de Joaquín Limia, un artista emerxente de 26 anos de Ábedes, Galicia. Pappaquino fusiona sons electrónicos con ritmos contemporáneos, inspirándose nas súas raíces e experiencias persoais. A súa presenza nesta edición do Entroido de Verín reforza o compromiso co talento da comarca e ofrece aos asistentes unha proposta musical fresca e innovadora.

Nesta edición, potenciaranse tamén as actividades destinadas aos máis pequenos da casa, en especial o luns de Entroido (3 de marzo), cunha programación especial que incluirá talleres temáticos e animación musical e que terá lugar no Pavillón Municipal de Deportes.

O gran desfile do domingo de Entroido terá lugar o domingo gordo (2 de marzo) e o martes o derradeiro gran desfile.

Contenido patrocinado

stats