Vilameá recupera as danzas

Veciños de Lobios poderán desfrutar da recuperación do baile dos Arcos e da Palma, unha danza ancestral que se perdeu nos anos 60 do século pasado do Entroido de Vilameá e que os lugareños recuperaron este ano xunto con novas caretas do Entroido Vello.

Os veciños durante os ensaios desta fin de semana a carón da capela de Santa Lucía
Os veciños durante os ensaios desta fin de semana a carón da capela de Santa Lucía

Corenta veciños de Riocaldo, preto da fronteira de Portela do Home no Xurés (Lobios), contan xa cos seus traxes de danzantes para vivir o Entroido de Vilameá, que este ano será o 10 de febreiro, e contará con importantes novidades con respecto ao 2023, como a recuperación do baile dos Arcos e da Palma, “máis xenuíno e ancestral que o do Pau e das Pitas (recuperado no 2020), e que dende finais dos anos 60 non se volvera a representar”, lembra Pepe Yáñez, un dos veciños implicados no proceso de recuperación do Entroido, quen desvelaba tamén o impulso que lle queren dar ao Entroido Vello. “Con vestimenta propia dos personaxes e figuras ligados a nosa mitoloxía, representadas na morte ca Santa Compaña, no lobo, no demo, na bruxería... Trátase de persoeiros de vellos ‘farrapentos’, ‘espantallos’ que se encargaban de repartir cinza e formigas, de sulfatar, espantando aos veciños, asistentes e curiosos”, dixo.

A iniciativa veciñal para revivir o Entroido xurdiu no 2019 e, a pesares da pandemia, deu pasos importantes en canto a investigación sobre as orixes da festa, e a recuperación e promoción, tanto dos traxes como das tradicións. Unha festividade que, en Vilameá, comezaba co San Blas, sendo o día grande o Martes de Entroido na Veiga da Sanrela. Este ano, dado que a maior parte dos veciños viven fóra entre semana, acordaron adiantar a festa ao sábado 10 de febreiro. Se o tempo o permite, a partir das 16,00 horas haberá desfile pola Devesa e Vilameá e posterior representación das danzas no exterior da capela de Santa Lucía, tanto do grupo de adultos como de mozos. Antes da chocolatada, está prevista a aparición das máscaras do Entroido Vello. Tamén estarán no desfile de Lobios o Martes de Entroido.

Obradoiros

Sempre co afán de mellorar e crecer, o colectivo tratou de levar este ano o Entroido a todas as casas do lugar e, a través de varios obradoiros, favoreceron a elaboración de novas caretas, traxes e os arcos para a danza, o que serviu tamén para incorporar ás novas xeracións. “A entrada de catro mozas énchennos de satisfacción, e fan que xa contemos con preto de vinte danzantes e preto de corenta traxes”, calcula Yáñez. Olga Bernardo, outra das veciñas, puña o acento na autenticidade das pezas elaboradas, que tratan de respectar os materiais orixinais. “Nas saias das mulleres, un 95% fixéronse coas colchas da época que nos cederon as veciñas, que as tiñan gardadas na casa”, agradecía, lembrando como, daquelas, “as mulleres as preparaban e cosían de tal maneira que, ao pasar o Entroido, as colchas volvían a usarse como roupa de cama”.

Laboriosa foi tamén a tarefa de elaboración dos arcos para as danzas, feitas a partir dunha estrutura de vimbios e ramas de mimosa entrelazadas, recubertas despois con flores. Os caretas do Entroido Vello, unha sorpresa ata o día da festa, están feitas cunha base de cortiza.

Contenido patrocinado

stats