Xinzo despediu a troula cunha procesión e mágoa
A Agrupación Musical da Limia encargouse do solemne adiós antes do Enterro da Sardiña
O Enterro da Sardiña é un momento de moita mágoa e bágoas para os Limiaos. Ás 20,00 horas do Mércores de Cinsa a Agrupación Musical da Limia daba comezo á solemne procesión na Praza Maior. Ao rematar, preto das 21,00 horas, comezou a lectura do testamento da Sardiña que coma sempre estivo cheo de sátira, retranca e verbas moi enxeñosas. Cando rematou a lectura, comezou a queima da Sardiña, que se converteu en cinsa para pechar estes seis días consecutivos de Entroido.
O remate final
Esta fin de semana o Entroido máis largo de Europa rematará co Sábado e Domingo de Piñata. O sábado pola tarde xogarase a cucaña na Praza Maior ás 18,30 horas e logo farase na mesma praza o Baile de Mascaritas e Capuchóns, coa música a conta do Duo Explosión. Invitan ós participantes a acudir con capuchóns ou disfraces que tapen a cara.
O Domingo de Piñata será a derradeira xornada de festa, na que as charangas percorrerán as rúas de Xinzo de Limia dende ás 12,00 horas da mañá ata a noite. A media tarde a Orquestra Kubo actuará na Avenida de Ourense. Cun domingo ateigado de música e troula rematará o Entroido ata o vindeiro ano, malia o pesar dos entroideiros limiaos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último