Adeus a Don Gildo, o médico de vocación verinés que agora consulta na Gloria

OBITUARIO

Verín despide a Don Gildo, quen morreu aos 95 anos tras unha vida de verlar porla saúde dos seus veciños

Hermenegildo González Fuentes

Publicado: 07 nov 2025 - 13:43 Actualizado: 07 nov 2025 - 13:43

Don Gildo
Don Gildo

Como imos resolver a penuria de facultativos? Acábanme de dicir que Don Gildo, aos seus 95 anos, tivo que marchar de improviso para se unir ás Urxencias da Gloria. Vai ser, din, o seu quefacer definitivo. A decisión é irrevogábel. Con estes antecedentes e tamén con présa, préndolle lume a unha anécdota da súa vida como galeno, para que algún lector ou lectora de La Región en idade de se formar e con vocación para a cura dos corpos se anime a coller o seu testemuño.

Verín, década dos sesenta. Tres nenos, en idade de primeira comuñón, cruzan con paso veloz diante do cuartel da Benemérita pola beiravía dos Peláez. Deixan un rastro de sangue. Torcen para a Laureano Peláez e soben escopeteados a escada da casa do doutor.

“Foi no Cine Buenos Aires”, díxolle o Lalo. “Corría -no Descanso- pola escaleira do Galiñeiro, caeu e espetou o nariz contra o canto da bancada”, concretou o Santi. O que non lle dixeron, foi que outro rapaciño berrara na General do cine: “Rápido! Levádeo ao médico dos gitanos!”. E dos pobres, pensou algún dos dous informantes. Se lle deran a volta aos petos dos pantalóns curtos do noso trío, non caería nin unha peseta. Daquela, nas rúas do Pozo, Travesa e Viriato, nin efectivo, nin crédito. E aí tedes a Don Gildo, un xeneralista intervindo como traumatólogo, e, nunca mellor dito, para maior gloria de Deus!

Pasados os anos, o paciente chegou a tratar ao Gildo, que así lle pediu el que o chamara. Tamén á Marisa, a súa muller, ao seu fillo Pedro; e ao Kakis, que hai tempo que está na Gloria á espera do irmán. Falou con eles de cousas varias, mais nunca se deron as circunstancias para falar sobre o caso referido.

A García Márquez déronlle un nóbel por escribir, entre outras obras, El Coronel no tiene quien le escriba. O Gabriel, que preña a realidade de maxia para levarnos por reviravoltas entre o ficcionado e o sucedido, fala moito co Kakis no Edén sobre a súa arte de narrar, e máis en concreto sobre esta novela que tiña editada anos antes de que a chea inundara a nosa praza da Estrela, tempo antes tamén do acontecer dos autos referidos. Se o nóbel colombiano coñecera ao noso facultativo, talvez nos tería deixado Don Gildo sí tiene quien le escriba. O Gildo operou sobre pequenos e grandes dramas, onde sangue, bagoas e suor se mesturaron. Andou, veces varias, a acompañar persoas onde a morte e a vida se confunden. Viviu casos onde paciencia e impaciencia son posíbeis simultaneamente. Seino. Seino ben. E non dito por el, porque nunca falamos sobre asuntos relacionados coa súas profesión.

Quede este pequeno escrito “de urxencia” para os obituarios dun diario do que foi subscritor durante décadas. Un texto no que se lembra en síntese un feito. A memoria tráenos case seis décadas despois un acontecemento. É distante no tempo, mais tan real como o conto: O paciente era eu.

Hermenegildo González Fuentes

Contenido patrocinado

stats