Adeus a Laura Cid Seguín, "unha muller excepcional da comarca da Limia" aos 95 anos

OBITUARIO

Luis e Celso Cid despiden a Laura Cid Seguín, un clon de humanidade la provincia de Ourense.

Laura Cid Seguín
Laura Cid Seguín

Laura Cid Seguín (Penín, 14-xuño-1931, Casas da Veiga, 5-abril-2026) escolleu as mesmas datas para subir ao ceo cos astronautas da misión Artemis II. Laura foi unha muller excepcional da comarca da Limia, desas que nos seus 95 longos anos de vida fixo de bisagra entre unha sociedade que culminaba a idade do ferro no corazón agrícola de Galicia, e outra na que vería nacer e medrar á súa descendencia en pleno século XXI. Laura, que cultivou e teceu o liño coas súas propias mans en Penín, tamén soubo inculcar o cariño, a responsabilidade e o tesón necesarios para criar unha prole de científicos, docentes, médicos e escritoras. E todo elo sen deixar de ser un manancial de bondade, malia a enfermidade, que a mordeu con saña e a orbitou toda a vida ferindo aos seus seres máis queridos.

Falando de órbitas e de mulleres excepcionais, o próximo mes de xuño fará 63 anos que Valentina Tereshkova, primeira muller en viaxar ao espazo, completou as súas 48 voltas á terra, converténdose así nun referente feminista, nun parámetro absoluto das capacidades da muller. Valentina proviña dunha familia humilde, e traballaba nunha fábrica téxtil, pero a súa afección ao paracaidismo chamou a atención dos seleccionadores da equipa da misión da nave Vostok, e con tesón e moito traballo rematou por ser a primeira cosmonauta do mundo.

Outra muller excepcional foi a polaca Salomea Sklodoroska, que tamén naceu nun barrio moi humilde, no seu caso de Varsovia. A historia de María aínda é máis incrible ca de Valentina Tereshkova: nun tempo en que a educación superior estaba vetada ás mulleres, tivo que estudar en segredo na “Universidade Flotante de Varsovia”, unha institución clandestina. Logo, fixo un pacto segredo coa súa irmá Bronislova: María traballaría como institutriz dando clases e lle pagaría os estudos de Medicina. A cambio, Bronislova lle pagaría a ela os seus estudos oficiais en París.

María Salomea Sklodoroska completou finalmente en 1893 a carreira de Física na Sorbona de París, grazas a este pacto coa súa irmá. Máis tarde, cando recibiu o Premio Nóbel de Física, en 1903, e o Premio Nóbel de Química, en 1911, pasou á historia polo seu nome de casada: Madame Curie.

Outra caso máis de muller rompedora, Emilia Pardo Bazán, que coñecía ben realidade da muller na Galicia rural, dedicou á súa vida a defender o papel liberador que na condición xeral feminina e na proxección da súa intelixencia habería de ter a educación. “Educación, educación. Iso é o que a muller necesita, non para ser home, senón para ser muller completa”, clamaba a antiga propietaria do Pazo de Meirás.

Todas elas foron mulleres notables que, dacabalo entre finais do século XIX e a primeira metade do XX, deixaron claro o poder infindo das mulleres boas e constantes. Como Laura, conxugaron o traballo duro, a intelixencia e a fe na educación como arma de progreso. Como as nais e avoas que sempre están aí, como a superavoa do tópico galaico (“quedaches con fame, fágoche un bisté?”), como a nai capaz de inculcar nos seus fillos con dozura e rigor o valor da educación que propugnaba a Pardo Bazán.

Laura era un reflexo das avoas de toda a humanidade, un clon da bondade maternal transmitido ao través de millóns de xeracións para garantir a evolución do ser humano. Un clon da estirpe das mulleres máis xenerosas da historia. Igual que ela foi un clon da súa nai, María. Igual que a súa filla, Concha, é un clon dela, fiel representante das nais agarimosas desde a alba dos tempos.

Se algún día, nunha secuela da Misión Artemis II, logo dun cataclismo apocalíptico, a humanidade tivera que recrutar mulleres excepcionais para garantir a súa supervivencia nunha base no espazo, as mellores candidatas non serían as Valentinas Tereskovas ou as madames Curies. Habería que clonar a todas as Lauras da historia, ás mulleres xenerosas e compasivas de mans ásperas como a terra, pero capaces de agarimarche na cara coa suavidade húmida das nubes.

Elas, e a súa ancestral tenrura, serían as únicas capaces de darlle vida a un futuro mellor.

Contenido patrocinado

stats