Adeus a Lorena Fernández, profesora "innovadora" durante 15 anos do Pablo VI en A Rúa: "Unha das persoas que máis me marcou na miña vida"
"Amaba Galicia e a súa lingua"
O colexio Pablo VI da Rúa despide a Lorena Fernández Romero, profesora de Galego e Educación Física durante case quince anos, e destaca a súa pegada no alumnado.
Lorena Fernández Romero, profesora de Galego e Educación Física no colexio Pablo VI da Rúa durante case quince anos, faleceu este domingo, 30 de agosto, aos 62 anos. O propio perfil do centro educativo, coas palabras de Ángeles Terrón, comunicouno a través das súas redes sociais, onde lembrou a docente como unha persoa cunha importante vinculación co alumnado e coa comunidade educativa.
"Hai persoas que pasan pola vida e outras que quedan nela para sempre. Lorena foi unha delas", sinalou Ángeles na súa mensaxe de despedida.
Natural de Fene, Fernández Romero exerceu durante case quince anos no Pablo VI da Rúa. Terrón destacou a súa dedicación á docencia e explicou que, durante os seus desprazamentos semanais desde Fene, "nunca mostrou desánimo nin cansazo".
Comprometida co galego
A publicación tamén puxo en valor o seu compromiso coa lingua galega. "Amaba Galicia e a súa lingua, que defendía e empregaba con orgullo", sinalou o colexio, que tamén lembrou o seu interese polos animais, a natureza e as persoas máis vulnerables.
O teatro, a música e a fotografía eran outras das súas afeccións. Segundo Ángeles Terrón, Fernández Romero participaba nas representacións teatrais, achegaba os traxes desde Fene e chegou a formar unha pequena banda con outros profesores. A fotografía foi tamén unha das disciplinas que trasladou ao alumnado, ao que buscaba transmitir "a ilusión por observar, crear e descubrir a beleza do mundo".
O Pablo VI destacou especialmente o seu labor como docente, ao describila como unha "profesora innovadora, próxima e comprometida". "Foi unha excelente docente e unha compañeira excepcional", apuntaron.
Centos de reaccións
A noticia do seu falecemento xerou tamén numerosas mensaxes de pesar nas redes sociais, entre elas as de antigos alumnos que lembraron a influencia que tivo na súa formación e os valores que lles transmitiu. Algúns destacaron especialmente o seu papel no fomento do galego e da lectura. "Que cada verba miña en galego sexa na túa memoria", "Ogallá máis profesoras coma ela" ou "lembrámoste pola boa persona que fuches siempre" son algunhas das reaccións.
A mensaxe conclúe cun agradecemento á docente: "Grazas, Lorena, polo que ensinaches, polo que compartiches e, sobre todo, polo que fuches". E engade: "A túa pegada queda connosco".
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último