Adeus a Xesús Alonso Montero: o merlo seguirá cantando

OBITUARIO

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero

Qué difícil é ter que admitir que, dende a tarde do xoves 12 febreiro, Xesús Alonso Montero durme fóra. Moito usaba el esta expresión para dicir que alguén se foi durmir fóra cando falecía. O que lle queríamos ben e lle debemos unha boa parte do que somos habemos botalo moitísimo de menos. Era unha persoa e un persoeiro inbsustituíbles.

Con don Xesús podíase estar algo de acordo, medio conforme, total ou nada de acordo, pero ninguén con dous dedos de fronte podía ignoralo ou sentir indiferencia polo que dicía, escribía ou facía. Podía ser contraditorio, mesmo algo arrogante, ás veces ata pecar de egolatría, virtudes que sempre han adornar a un intelectual que se preze, pero era o intelectual que máis voltas lle deu á súa cabeza para pensar nos problemas da súa terra, dende a literatura, a arte, a política, a sociolingüística ou o que fose.

Era, ademais, un conversador dos que cada vez hai menos. Coma Otero Pedrayo, Blanco Amor, Carlos Casares, Paco del Riego, Ramón Piñeiro, Méndez Ferrín ou Vitoria Armesto. Un dialéctico en estado puro. E non só porque fose tan comunista como el se sentía. Hai xa varios anos, unha vez díxome que cando morrese o que quería era que, sobre o seu féretro, se colocase a bandeira vermella coa fouce e o martelo, e que se cantase a Internacional. Nada máis. Habería que poñer tamén a bandeira galega, digo eu, que tan ben soubo merecela.

Se Alonso Montero non tivese pasado por esta vida, seguramente moitas mozas e mozos que pasamos polas súas aulas non chergariamos a ser o que somos. El ensinounos a pensar, a deixar de ser analfabetos funcionais, a comprender as cousas e a entender o mundo. A comprometérmonos con nós mesmos e coa sociedade á que pertencemos. Don Xesús foi o noso Jean-Paul Sartre, o noso Pedro Petouto, o noso Juan de Mairena.

A súa morte marca un punto de inflexión que xa se abriu hai tempo. Alonso Montero, dende Lugo e despois dende a Universidade de Santiago, e Xosé Luis Méndez Ferrín, dende Vigo, polarizaron a dinámica política, lingüística e lteraria das últimas décadas de Galicia. Moito é o que lles debemos aos dous.

Descansa en paz, Xesús. Rosa Luxemburgo estábate agardando no Ribeiro celeste ao que acabas de viaxar. A túa lembranza facerá que o merlo siga cantando para todos, especialmente para os condenados da terra.

Contenido patrocinado

stats