Xesús Alonso Montero, cos deberes feitos

Publicado: 14 feb 2026 - 02:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Marchou “durmir fóra” don Xesús Alonso Montero. E cos deberes feitos. Poucas vidas se poden comparar coa súa, por longa -97 anos- e por intensidade produtiva no compromiso cultural -e social e político- co país. E marchou moi activo ata hai poucos meses. Se cadra a súa última cousa publicada foi un artigo na revista Raigame dedicada a Ferro Couselo e presentada o pasado día 16 de xaneiro. O seu artigo, moi do seu gusto, con sabor de s. XVIII, “A miña homenaxe a don Xesús Ferro Couselo: ó cidadán, ó polígrafo e a quen foi o meu guía e o meu erudito valedor cando eu era estudante universitario”, pódeno ver na web, pois Raigame está toda nela.

Seguramente con el fóisenos o derradeiro orador clásico dos nosos tempos; un amante da palabra moída e remoída, saboreada, estudada, comunicada con cariño e intensidade; por veces con carraxe e vehemencia; pero sempre, sempre, engaiolante. As súas intervencións atrapaban a un oínte que admiraba esa mestría. O seu discurso era un fío contínuo, cun inicio estudado, un desenvolvemento pausado e unha síntese conclusiva, agardadora do aplauso. Combinaba as referencias doutas do tema que debullaba, cunha implicación persoal no discurso, a través da exhibición orgullosa da súa ideoloxía, do compromiso coa sociedade do autor ou protagonista literario citado, e combinando todo con anécdotas persoais e citas xeografías próximas e recoñecibles que incidían na verosimilitude do discurso.

Cultura é unha cousa que ten que ver con cultivo das xentes, e a política, con outra distinta, coa gobernación desas xentes.

Obviamente non vou tratar de facer ningún tipo de análise ou repaso biográfico nin da súa pluralísima obra porque estes días terán vostedes cumprida información. Só un par de ideas esvaídas como farrapos de néboa, na súa homenaxe. Era chamado moito máis “O Profesor” que “o vello profesor” e non porque non tivese anos abondos, senón porque nunca quixo estar lonxe ou distante empoleirado. El era militante. De vocación. De camarada. Dos que dormen na mesma cámara. E témome que con el marche tamén o derradeiro dos intelectuais galeguistas, universalistas, realmente libres. Si. El, que tanto fixo pola lingua, pola recuperación da dignidade dunha fala postergada, que tanto promoveu a Rosalía, a Castelao -lembremos a edición masiva da súa obra organizada por Alonso e feita polo Ateneo de Ourense- e que traballou incansablemente desde múltiples foros e tribunas, nunca foi nacionalista. Sempre reclamaba, -un tic agardable sempre nas súas palestras- a súa condición de comunista e internacionalista.

Por iso, seguramente, estivo sempre no punto de máxima fricción co nacionalismo exclusivista que tratou de monopolizar unha única e recta vía de ascenso de cara a perfección do sentimento onde debería chegar todo bo galego. Si. Serían no XIX o provincialismo; logo nos finais do XIX e principios do XX, o rexionalismo; logo o galeguismo, para sublimarse todo nun nacionalismo con vocación da construción dun estado independente. E este falso relato histórico, esta falacia, contradise coa realidade que topamos ante os ollos. E Xesús Alonso Montero, seguramente un dos máximos sabios e polígrafos da Galicia contemporánea, reencontrado xa nos espazos do alén, con outro sabio e polígrafo, con Xosé Fernando Filgueira Valverde, cada un na súa beira do campo ideolóxico, sinálannos ambos, que se pode ser católico ou comunista, monárquico ou republicano, de dereitas ou de esquerdas, autonomista ou federalista, e exercer un traballo maxistral e frutífero ao longo dunha vida en pro da Terra que os viu nacer sen afiliarse a nacionalismos políticos. Cultura é unha cousa que ten que ver con cultivo das xentes, e a política, con outra distinta, coa gobernación desas xentes. (Cando o chamei o sábado 31 para que escribira no Extra de Lamas Carvajal, díxome que levaba tempo sen escribir, pero ilusionado co tema, que o volvese chamar o luns. O día 2 díxome que non ía poder, que non estaba ben. “A ver, A ver se para a seguinte cousa que fagades”. En calquera caso, será na súa homenaxe. Boa viaxe, profesor. E coa satisfacción dos deberes feitos.

Contenido patrocinado

stats