Samuel Pérez Feijóo, histórico rosquilleiro, comercial e home de corazón grande

OBITUARIO

Faleceu aos 79 anos Samuel, figura moi coñecida e apreciada durante décadas nas prazas e nas feiras, onde deixou pegada como rosquilleiro de toda a vida e como comercial incansable

Samuel e a súa muller Carmucha.
Samuel e a súa muller Carmucha.

Faleceu aos 79 anos Samuel, figura moi coñecida e apreciada durante décadas nas prazas e nas feiras, onde deixou pegada como rosquilleiro de toda a vida e como comercial incansable. Para moita xente, a súa presenza era case unha tradición: o posto ben montado, o saúdo próximo e ese xeito seu, social e afable, de converter unha compra rápida nunha conversa que sabía a casa.

Samuel adicouse á venda de rosquillas, cestos, froitos secos e outros artigos de calidade, moi recoñecidos e valorados polas persoas que se achegaban ao seu posto e que repetían feira tras feira. Un oficio de trato directo que él levaba con orgullo e dignidade. Home atrevido e botado para adiante, foi emprendedor por natureza: herdou a tenda familiar na súa casa, en Fontao, e soubo manter e facer medrar esa vocación comercial tamén no percorrido constante polas feiras, onde gañou respecto e cariño.

Pero Samuel foi moito máis ca un rosquilleiro. Quen o coñeceu destaca del a súa humanidade, a súa maneira de estar: solidario, próximo, disposto a axudar sen facer ruído. Custáballe xubilarse porque o posto e a xente formaban parte da súa vida; era dos que non entendían o día sen madrugar, preparar o xénero e poñerse “en praza” coa mesma enerxía de sempre.

Tamén foi pioneiro en algo que moita xente lembra con especial admiración: a acollida e o apoio a cidadáns senegaleses, axudándoos a incorporarse ao mercado laboral con contrato de traballo e con condicións de acollida dignas. Co paso do tempo, algúns deles foron quedando cos postos, dando continuidade a ese camiño que Samuel abriu con valentía e xenerosidade.

Onte, no seu funeral, a multitudinaria asistencia fixo evidente canto se lle quería. Foron moitas as persoas -veciñanza, amizades e xente das feiras- que se achegaron para acompañalo e despedilo cun respecto fondísimo, como se despide a quen deixa unha pegada verdadeira.

Moi implicado na parroquia, participaba no coro parroquial de Corvillón e colaborou activamente nas iniciativas promovidas pola AAVV de Corvillón, sempre disposto a sumar e a botar unha man.

Na memoria quedan, con especial forza, o agarimo da súa xente: a súa muller, Carmucha, e a súa filla, María José, que non o esquecerán nunca. Coa súa marcha vaise un home traballador, pero queda o exemplo: o do comercio feito con honestidade, o do trato humano e o dunha vida vivida con coraxe e corazón. O seu recordo seguirá en cada feira onde alguén pregunte por él e en cada conversa na que o seu nome apareza acompañado dun sorriso.

Contenido patrocinado

stats