I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25) no Campus Auga de Ourense

24 sep
-
25 sep

Detalles del evento

Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Campus de Ourense
24 sep - 25 sep
Membros do comité organizador do Congreso, con Roberto Ignacio Fernández, cuarto pola dereita.
I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25) no Campus Auga de Ourense | La Región

O I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25) reunirá os vindeiros 24 e 25 de setembro arredor de 150 persoas, maioritariamente “mozas e mozos investigadores de distintas disciplinas para compartir ciencia, talento e futuro”. Trátase dunha iniciativa que nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”.

O congreso está especialmente pensado para persoal investigador en formación, tanto en etapas predoutorais como posdoutorais, estudantado e persoas que inician a súa traxectoria científica. Con todo, a iniciativa está aberta tamén a persoas cunha traxectoria investigadora consolidada que desexen contribuír ao enriquecemento científico e académico do encontro. O congreso quere ofrecerlles “unha oportunidade valiosa para presentar traballos nun ambiente accesible e enriquecedor, favorecendo tanto o desenvolvemento profesional como o crecemento persoal”.

Ao longo dos dous días de celebración, no congreso presentaranse arredor de 25 comunicacións orais e 85 pósters. As temáticas xirarán entorno a alimentación, agricultura, medio ambiente e augas termais, en consonancia coas liñas estratéxicas do Campus Auga.

O evento foi presentado este martes no edificio Campus Auga nun acto no que Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, deu os parabéns ao equipo organizador pola posta en marcha da primeira edición dun congreso que, apuntou, nace con vocación de continuidade e como mostra “do nivel de investigación que temos neste campus”. O responsable académico amosou o orgullo da Universidade polo capital investigador de “moitísima potencialidade” que agrupa o Campus Auga e amosou o seu desexo de que Aquaxi´25 sexa “o mellor escaparate para que a xente o coñeza”.

Pola súa banda, Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, salientou o carácter pioneiro dun evento que, dixo, “nace para dar a coñecer o sobresaínte potencial investigador que temos”. A celebración deste congreso, sinalou, enmárcase nunha das tres liñas de acción estratéxicas do Campus Auga, o de transferencia e innovación. Na súa intervención, puxo ademais en valor o carácter transnacional de Aquaxi´25, que dedica especial atención ao norte de Portugal; a súa aposta polo impulso da xuventude investigadora e o feito de ser “un espazo de diálogo, de difusión de resultados e de transferencia de coñecemento”.

Contenido patrocinado

stats