Artesanía Alimentaria: sabor e calidade

GASTRONOMÍA GALEGA

A iniciativa Artesanía, Saber e Sabor contará cun espazo de produtos alimentarios na Praza Maior de Ribadavia

Pilar Alonso, de Xacobleas.
Pilar Alonso, de Xacobleas. | La Región

Ribadavia convértese esta fin de semana no gran escaparate dos produtos agroalimentarios de Galicia, acollendo unha nova edición do evento Artesanía, Saber e Sabo. A Praza Maior será o centro gastronómico desta iniciativa, unha das accións que se desenvolverán entre o vernes 5 e o luns 8 de decembro, xunto co mercado de Artesanía de Galicia na igrexa da Madalena e a apertura dos locais comercias enmarcados no programa Vilas Vivas. Todos eles están promovidos pola Xunta dentro do proxecto pioneiro de revitalización comercial Vilas Vivas e nas medidas do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

Os visitantes terán á súa disposición diversos espazos temáticos. O eixo central será unha gran carpa que albergará a 32 produtores con selo de Artesanía Alimentaria, selo da Consellería do Medio Rural que acredita a calidade agroalimentaria, ofrecendo un panorama completo da riqueza e diversidade gastronómica galega. A isto súmase un espazo dedicado integramente á cata de viños, coa participación de 14 adegas da denominación de orixe Ribeiro. Pensando tamén no público familiar, haberá unha área reservada para actividades infantís. Fóra da Praza Maior, na rúa Yáñez, a zona de degustación “Cousas ricas” permitirá aos asistentes probar receitas e elaboracións culinarias onde os produtos de calidade diferenciada son os protagonistas.

Daniel Pérez, de queixos Daniberto.
Daniel Pérez, de queixos Daniberto. | La Región

Produtos singulares

Para os pequenos obradoiros, a participación nesta feira non é só unha venda, senón unha cuestión de identidade. Pilar Alonso, de Xacobleas, obradoiro que traballa na valorización da tradicional oblea, subliña a importancia destas citas para o seu sector lembrando que “as feiras de artesanía alimentaria axudan moito precisamente para poñer en valor produtos singulares con carácter artesán” e iso convértese nun “selo de garantía respecto do produto”.

Xacobleas demostra a versatilidade da oblea, transformándoa a partir da receita tradicional de conventos en produtos innovadores, como son obleas de sabores, con chocolate para crear bombóns, e incluso en versións salgadas con especias como albaca ou tex-mex, perfectas para acompañar táboas de queixos e canapés. Dende o punto de vista dos seus promotores, o sector non está exento de desafíos. A pesar de que ós consumidores “interésanlles estes produtos e buscan cousas que non se encontran habitualmente nun supermercado”, os pequenos artesáns enfróntanse a limitacións dentro do mercado. “Somos obradoiros pequenos, todo isto é labor dunha persoa”, o que implica non poder “facer grandes producións”. Explica Pilar Alonso que as dificultades “son as mesmas que as de calquera autónomo ou artesán doutro oficio”. Entre elas, a baixa produtividade cando o artesán non pode traballar ou a complexidade de atopar man de obra vocacional.

Por iso, esta feira ofrece para ela un gran retorno de valor. “Pasa moita xente polos postos, xente que está interesada, que nos coñecía xa e que nos vai buscando, ou que non nos coñecía e quere saber de nós”. Eventos coma o Artesanía, Saber e Sabor son, para ela, unha “boa oportunidade para o público de estar cara a cara cos produtores directamente”. Este contacto directo, algo que non sucede nas canles de venda habituais, é beneficioso en ámbolos dous sentidos. “Tanto para nós coñecer de primeira man ós nosos clientes, o que buscan e as súas necesidades, como para eles saber a historia do produto, como se fai, como se chegou ata aí e que é o que están comendo”.

Xacobleas estivo presente na primeira edición da feira e a súa valoración foi daquela moi positiva e, por iso, as expectativas deste ano tamén son moi boas para unha feira que este ano contará con máis postos, maior diversidade e co atractivo intrínseco de Ribadavia.

Jonny Trigas, da IXP Mel de Galicia.
Jonny Trigas, da IXP Mel de Galicia. | La Región

Garantía de calidade

A presenza na feira é igualmente fundamental para un sector coma o dos apicultores. Jonny Trigas, dentro da IXP Mel de Galicia, pon en valor o significado de estar baixo o paraugas de Artesanía Alimentaria. “É un aliciente que nos beneficia para poder chegar co produto ao público directamente con garantías de calidade”, sinala.

Para el, este selo é a garantía de que se está a mercar un produto de calidade. Conta Jonny Trigas que a certificación asegura o cumprimento dos requisitos e de que non se utilizou “ningunha maquinaria en todo o proceso”, unha cuestión clave para combater as malas prácticas do sector e “distinguir o mel artesán daquel que é comprado e simplemente etiquetado”.

O apicultor detalla o difícil momento que atravesa a apicultura galega. “Desde que chegou a velutina está sendo moi complicado, e cada ano é un mundo novo”. Ademais da ameaza da avespa asiática, a climatoloxía está a causar estragos na produción. “Galicia este ano por exemplo baixou a produción porque estivo chovendo toda a primavera”, lamenta. Estas condicións climatolóxicas xusto na época na que deberían estar abrindo as flores, “impide ás abellas saír a alimentarse, obrigándonos aos apicultores a darlles de comer, o que aumenta os custos” e fai que se compliquen as producións e o mantemento das súas infraestruturas.

De aí que, a pesar das dificultades, a feira Artesanía, Saber e Sabor sexa para el unha oportunidade de promoción e un espazo para proxectar futuro. Jonny Trigas, ademais de estar integrado en Artesanía Alimentaria, forma parte tamén do proxecto Vilas Vivas, no que foron seleccionados, e que implica a apertura dun colmado no que estará presente con produtos de artesanía alimentaria e cosmética galega.

Avances

A celebración da feira tamén pon o foco na necesidade de seguir impulsando o recoñecemento do produto artesán en Galicia. Daniel Pérez, de Queixos Daniberto, un dos produtores presentes no evento, expresa o seu entusiasmo por esta iniciativa. “É un proxecto que me gusta moito, vou con queixos de Villalba, San Simón sobre todo”, comenta.

O artesán subliña que iniciativas coma esta son vitais para o sector. “Era unha asignatura pendente na que se está traballando moito, a Xunta estáo facendo moi ben”, di, en referencia ao recoñecemento da artesanía alimentaria en Galicia. Os seus queixos elabóranse con tradición “desde neno, facendo queixos artesáns, porque o meu pais xa o era”. Dende esa perspectiva considera que o sector da artesanía alimentaria está medrando, “estamos traballando moito” e eventos coma o desta fin de semana desenvolven un papel fundamental como escaparate e motor de cambio.

Contenido patrocinado

stats