DÍA DAS LETRAS GALEGAS
“Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul”
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
A Real Academia Galega estreou “Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul”. O documental que produce co gallo das Letras Galegas 2026, realizado por Miramemira con Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez na dirección e o guión, propón un percorrido pola vida e o legado da autora á que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio a través dos testemuños de persoas que a acompañaron nas súas diversas facianas persoais e profesionais. Destaca ademais como parte do relato a interpretación artística da súa obra literaria, que ten na colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia un dos esteos.
O documental conecta as dúas cidades en que Begoña Caamaño (1964-2014) viviu reconstruíndo a traxectoria desde a infancia e a mocidade ata á consolidación como xornalista e escritora. Desde o Vigo natal, onde medrou nos barrios do Calvario e Coia e se converteu en xornalista, ata Santiago de Compostela, onde continuou a súa carreira e vida a partir de 1989, cando se incorporou á redacción central da Radio Galega. Nesta cidade escribiría as súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), froito dun debut tardío pero maduro e anovador da escena das letras galegas do momento que segue a ter plena vixencia e interese.
A literatura de Begoña Caamaño, atravesada pola reinterpretación feminista dos mitos clásicos, dialoga coa memoria íntima e colectiva no retrato coral que van ganduxando, entre outras voces, a súa irmá Beatriz Caamaño, as súas amigas e compañeiras Maika Aguado, Amanda Álvarez e a académica Ana Romaní; o académico Víctor F. Freixanes, editor das súas dúas novelas; a crítica literaria María Xesús Nogueira, unha das primeiras estudosas da súa obra; e a especialista en Historia Antiga Susana Reboreda, quen constatou antes da publicación da súa ópera prima o gran dominio que tiña Begoña Caamaño dos mitos gregos.
A película documental dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo. O IES Castelao e o IES Alexandre Bóveda de Vigo –onde ela estudou– , e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC participan así como escenarios de reflexión; mentres que o CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela acolle o obradoiro escolar de radio co que arrinca o filme, unha experiencia lúdica e educativa impartida por Amelia García Hervella, Concha de la Fuente e X. L. Freire Rodríguez, compañeiras e compañeiro da homenaxeada na Radio Galega.
Na procura do diálogo entre linguaxes artísticas, as personaxes de Begoña Caamaño toman ademais corpo e presenza na pantalla en cápsulas dramatizadas rodadas na praia de Barra (Cangas de Morrazo), a fraga de Catasós e a serra do Candán (Lalín). Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, da ESAD Galicia, interpretan fragmentos de Circe ou o pracer do azul e levan á escena a Sherezade, a narradora das Mil e unha noites, arredor da cal a escritora pretendía pechar a súa triloxía sobre os mitos. E a bailarina Elsa Pereira é quen se converte en Morgana, acompañada pola narración na voz da propia Begoña Caamaño nun dos documentos sonoros do arquivo da CSAG que se integran no filme.
Cóntase ademais coas nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, da escola de teatro Imaxinatea Labcreativo de Vigo, nos papeis de Begoña Caamaño e a súa amiga Maika Aguado na infancia. A praia do Tombo do Gato é nesta pasaxe o espazo de maxia e liberdade que rememora a voz en off de Maika Aguado nunha conmovedora lembranza que identifica na nena que foi Begoña Caamaño o agromar da creadora na que se convertería.
O barrio de San Pedro, o fogar de Begoña Caamaño en Santiago de Compostela, tampouco falta no filme. No Dezaseis, lugar de encontro da súa rede de amizades, lembran a Begoña Caamaño e imaxinan que diría ela hoxe de distintas cuestións Amanda Álvarez, Ana Romaní, Suso do Dezaseis, Faia Díaz, Andrea Nunes Brións e Uxía Senlle.
Todos estes elementos conflúen nunha obra que reafirma o noso compromiso cunha forma de crear e comunicar honesta, crítica e conectada co presente”, explican Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez. “Desde esta perspectiva, combinando a práctica xornalística das entrevistas e a documentación coa práctica artística da ficción audiovisual e da súa beleza, buscamos activar unha reflexión sobre os modos de narrármonos como sociedade, contribuíndo a través da creación audiovisual a xerar pensamento, memoria e futuro. Como Begoña Caamaño, nós tamén apostamos en Navegar no pracer do azul polo activismo, pola defensa dos medios públicos e por unha literatura universal feita en galego”, conclúen.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último