Carlos Babío, presidente da CRMH da Coruña: “O fallo do Tribunal Supremo é o punto final da batalla xudicial por Meirás"

DISPUTA POR MEIRÁS

Carlos Babío publicou en 2017 “Un pazo, un caudillo, un espolio” a investigación académica sobre o Pazo de Meirás como residencia oficial de verán de Franco

Carlos Babío.
Carlos Babío.

Hasta que Carlos Babío publicou en 2017 “Un pazo, un caudillo, un espolio” a investigación académica sobre o Pazo de Meirás como residencia oficial de verán do Xefe do Estado foi nula. Aquel estudo foi a principal arma da Avogacía do Estado na disputa contra a familia Franco pola propiedade do inmóbel.

Pregunta. Que significa a sentenza do Supremo?

Respuesta. É a terceira sentenza que avala as teses do memorialismo galego. Ten unha parte demoledora. Demostra o que dixemos sempre: que o Pazo de Meirás foi un roubo, baixo ameazas e extorsións, baixo un réxime totalitario. Conseguimos desmontar o relato da propaganda da ditadura. E conseguímolo a base de investigar, documentar, divulgar e, finalmente, recuperar. Sen o memorialismo aquí non habería causa, nin procedementos, nin absolutamente nada. Ademais, o caso de Meirás abre posibilidades, é unha ferramenta para loitar tamén contra outras impunidades do franquismo aínda presentes.

P. Mais a sentenza ten outra parte que non lle gusta tanto.

R. Aos Franco preocúpanlles dúas cousas: o relato da ditadura e os cartos. O relato xa o perderon. Mais a sentenza ten unha parte que valoramos máis negativamente: o feito de que se recoñeza aos herdeiros do ditador como posuidores de “boa fe” do Pazo de Meirás entre 1975 e o ano 2020, que é cando entra o Estado como propietario provisorio. E iso arranca naquela comisión de expertos do Parlamento galego que incluíu esa consideración, a de boa fe, co único voto particular do Concello de Sada.

P. Os Franco van ser indemnizados. Hai vía para se opoñer?

R. Hai que matizar o termo “indemnización”, que está en todos os medios. Realmente o que ten que facerse é unha liquidación. Os Franco terán que presentar documentos e xustificantes contables daquilo ao que teñan dereito para que o Estado proceda á liquidación.

P. Pero haberá oposición?

R. Non vemos posibilidades de modificar a decisión do Supremo. Todas as partes tiñan claro que este fallo ía ser o final do percorrido.

P. Daquela: punto e final?

R. Entendemos que si. O fallo do Supremo é o punto final da batalla xudicial por Meirás.

P. Ao goberno o fallo parécelle unha boa solución. Permitirá avanzar noutros aspectos de recoñecemento das vítimas e do lugar de memoria?

R. O único que pedimos e agardamos deste goberno é que proceda a facer unha resignificación do Pazo de Meirás para poder desfrutar e coñecer un lugar de memoria singular no Estado español, que respecte a historia e faga un plan de usos dese espazo. E sobre todo, que deixe de excluír ao memorialismo galego do relato.

P. Queda moito por coñecer do Pazo de Franco?

R. Moitísimo. Hai un volume enorme de documentación por estudar.

Contenido patrocinado

stats