O Día de Galicia e o ano dos cidadáns

DÍA DE GALICIA

O Día de Galicia é unha das festas grandes da Comunidade Autónoma, que cada ano se celebra o 25 de xullo, unha data de especial significación na historia galega e española por conmemorar a festa do Apóstolo, de forte arraigo

Publicado: 27 jul 2025 - 06:45

Día de Galicia
Día de Galicia | La Región

Un arraigo relixioso e popular ao longo do tempo por todo territorio galego e aínda máis alá, polo resto do Estado. Nas máis de catro décadas de funcionamento da autonomía as celebracións na sua honra foron consolidándose coa orientación que cada entidade ou organización convocante lle imprimiu, de acordo cos respectivos postulados.

A data goza agora do pouso suficiente como para resultar referencia na sociedade civil entre un amplo sector da poboación. Certo, tamén, que se poderían ter acadado mellores froitos colectivos -todo na vida é mellorable- se as organizacións políticas puxeran o acento na idea de aparcar diferencias, aínda que fose so por unha vez, e tratar de abrir o espectro para celebrar o que nos une como pobo, en vez de festexar o que nos diferencia, como fan o resto do ano.

Un dos actos de referencia da xornada é a ofrenda ao Apóstol a cargo do Rei de España, aínda que adoita delegar nunha figura institucional, que este ano será o propio presidente da Xunta. Na mesma participan os máis altos representantes institucionais das distintas institucións políticas, económicas e sociais da Comunidade Autónoma. No transcurso da mesma, o oferente dedica a sua intervención a facer repaso das grandes líneas da actualidade e pide a intercesión do Apóstol para resolver as grandes eivas da sociedade na que vivimos.

Fóra deste ámbito e no medio do día grande das festas da cidade compostelá, os partidos con maior incidencia en Galicia teñen organizados actos por separado. O BNG concentra en Santiago a tradicional manifestación reivindicativa e que este ano estará presidida polo lema “Galiza Sempre, unha nación en marcha pola sua soberanía” e que nesta ocasión concede especial protagonismo a Castelao, por coincidir co Ano adicado ao intelectual e político galeguista, referente da reivindicación histórica de Galicia como pobo. O PSdeG, pola sua parte, fará en Rianxo a sua tradicional ofrenda diante do monumento a Castelao, coa participación dos seus líderes máis destacados, para reclamar máis e mellores medios para Galicia, especialmente para evitar o afogamento económico dos concellos. Entretanto, o PPdeG citarase na fervenza do Toxa, en Silleda, para pór en valor “a Galicia Verde” e reivindicar “a Galicia do sí”.

Urnas
Urnas | La Región

E máis alá, que? Pois moita festa por todas as esquinas, troula, diversión variada e se o tempo acompaña, praia, moita praia. Unha parte considerable da cidadanía galega está disfrutando das vacacións e outra, aínda máis considerable, aproveita a condición de festivo para o disfrute e celebración ao gusto de cada quen. Xuntos conforman unha masa cidadá que arrolla ao grupo dos movilizados políticamente, tal vez porque delegan as suas inquedanzas nos partidos e os seus militantes máis comprometidos ou directamente ignoran o que fan ou poidan facer os dirixentes políticos, aos que se une unha porción que sí ten idea formada da clase política, pero sostén non sentirse representada. A desmovilización é un feito que non debería pasar desapercibido para as organizacións que cando chegan as eleccións claman desesperadamente polos votantes para que lles confíen a sua confianza en forma de voto, pero que logo están moito máis atentas ás cuestións internas do propio colectivo que dirixen e representan, que ás eivas do común.

Hai anos, días despois dun descalabro electoral, unha dirixente galega explicaba a sua decepción polos resultados e polo comportamento dos votantes da Comunidade, fronte ao que consideraba envexable conciencia cidadá da maioría dos electores en Cataluña e no País Vasco. A reflexión escrita tivo resposta inmediata por parte dun cidadán que aportaba a sua visión do ocurrido e remataba dicindo que aos votantes galegos tamén lles gustaría ter os candidatos que se presentaran en Cataluña e no País Vasco.

Contenido patrocinado

stats