Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura: “O plan de normalización ten boa intención”
"FÁLTALLE CONCRECIÓN"
A presidenta do Consello da Cultura, Dolores Vilavedra, lamentou que o acordo de normalización non fose unánime.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, considerou onte que a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobada no Parlamento galego cos votos favorables de PPdeG, PSdeG e DO, ten “boas intencións” aínda que, ao seu xuízo, “fáltalle concreción”.
Así o asegurou nunha entrevista á Cadena Ser, na que insistiu en que “faltaría tamén xerarquizar”, en alusión ás propostas formuladas. Así mesmo, lamentou que non fose con acordo unánime, ao non contar co apoio do BNG.
O documento, que se aprobou o pasado día 7, inclúe 700 medidas e actualiza o plan de 2004 -aquel que saíu adiante co apoio de PP, PSdeG e BNG-. O consenso rompeuse despois, durante a etapa de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta. O novo plan chega 22 anos máis tarde. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, comprometeuse a poñer en marcha 50 medidas nos primeiros 100 días tras a aprobación.
“Hai tantas iniciativas sobre a mesa que vai ser imposible desenvolvelas”, considerou a presidenta do Consello da Cultura a respecto desa falla de concreción. E insistiu en lamentar que non fose posible un acordo con todas as formacións. “O momento pide altura de miras, menos ruído e máis consenso”, dixo, e sinalou que foi unha “oportunidade perdida” para reforzar a presenza do galego nas aulas.
O acordo entre PPdeG e PSdeG, coñecido o 24 de setembro, permitirá que materias científicas e tecnolóxicas, como Matemáticas, se impartan en galego a partir do curso 2028-29. O reparto global non cambia. Nos centros bilingües, a metade das materias seguirá en galego e a outra metade en castelán. Nos plurilingües, un terzo será en galego, outro en castelán e outro en inglés.
O que se amplía é a marxe dos centros para decidir que materia corresponde a cada lingua, sempre que manteñan o equilibrio. O modelo de elección por bloques de materias mantense. En Infantil, o profesorado empregará a lingua materna predominante do alumnado. Ao fío, Vilavedra avanzou onte que o Consello da Cultura elaborará un estudo sobre os hábitos de lectura en Galicia, cuxos resultados se presentarán a comezos de 2028.
O PP defende o pacto como unha vía para unha política lingüística que “non rompa a sociedade”. Desde o PSOE puxeron en valor a maior presenza do galego en Infantil, e recoñeceu que “non se puido chegar a máis”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CONVOCATORIA DE PREMIOS
AJE Ourense busca las mejores historias de emprendimiento
AÑO JUBILEO
Una virgen consagrada, en la Veracruz
CERTAME DE BANDAS
El futuro de la música limiá alcanza el oro a nivel gallego