A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia volve cunha proposta espectacular

DO 4 AO 7 DE XUÑO

Unirá unha enorme área expositiva onde destacará a divesidade de produtos e servizos cun completo programa que incluirá máis de 200 actividades distintas

Publicado: 04 jun 2026 - 11:59 Actualizado: 04 jun 2026 - 12:01
Vista feira Abanca Semana Verde 2025
Vista feira Abanca Semana Verde 2025 | Picasa

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebra a súa 48ª edición do 4 ao 7 de xuño. E faino cunha proposta espectacular que a volve converter no gran certame multisectorial de mostra e lecer do noroeste peninsular. Así, negocio e entretemento están presentes nunha cita que conxuga unha enorme exposición onde destacará a diversidade de produtos e servizos cun completo programa no que se incluirán sorprendentes actividades.

Para iso, no seu marco celébrase o XXIX Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca; o XV Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia; a XII Feira de Festas de Interese Turístico, Festur; a XII Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca e a II Feira de Beleza e Estética, Intermax Beauty Show E a eles súmanse outros moitos sectores que van dende gandería, bioenerxía e pequena maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos.

Os asistentes poderán acceder de forma gratuíta por décimo sexto ano consecutivo. Só se aboará o aparcadoiro, cun módico prezo de 3€ destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.

Área gandeira en Abanca Semana Verde 2025
Área gandeira en Abanca Semana Verde 2025 | Picasa

Máis de 200 actividades

Nesta edición volverá destacar o seu amplísimo programa, con máis de 200 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo do certame e entre as que haberá numerosas novidades.

O salón de alimentación Salimat Abanca incluirá os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a colaboración do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o cal permitirá ás empresas reunirse con 31 importadores e distribuidores de 15 países. A súa área Alinova mostrará máis de 50 innovacións, mentres que no seu programa haberá numerosas catas, showcookings con reputados chefs, o seu Concurso de Tortilla ou o Encontro de Creadores Dixitais Gastronómicos.

Turexpo Galicia e Festur, que se celebran co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de numerosas empresas e entidades do sector turístico e concellos, os cales darán a coñecer as súas festas de interese turístico e outros atractivos Na súa vertente profesional inclúese o Encontro de Creadores Dixitais de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, con máis de 30 turoperadores con presenza en 13 países que buscarán propostas e destinos no salón.

En canto a Fecap Abanca, ofrece de novo un interesante programa, con proposta como exhibicións de cetrería, unha gran mostra de cans de caza con máis de 500 exemplares, un simulador, exhibicións de tiro con arco, exposición de trofeos de caza, monográficos caninos, talleres de montaxe de moscas para pesca con recoñecidos expertos ou demostracións de diversas técnicas de lance con reclamos.

Espectáculo ecuestre en Abanca Semana Verde 2025
Espectáculo ecuestre en Abanca Semana Verde 2025 | Picasa

As actividades caninas volven ser outro dos grandes atractivos do programa, podendo desfrutar dende competicións de agility (axilidade canina) e de beleza ata actividades relacionadas co Can de Palleiro. E non se quedan atrás as ecuestres, con exhibicións de doma de alta escola con cabalos de pura raza galega, concurso morfofuncional de cabalos de raza árabe ou un sorprendente show ecuestre con cabalos, ponis, aves rapaces e cans no que se realizarán números moi dinámicos e arriscados como a posta húngara, consistente en que o condutor do espectáculo se subirá a dous cabalos ao mesmo tempo cun pé no lombo de cada un deles.

Na área gandeira destacarán as razas autóctonas de Galicia, con presenza tanto de todas as razas en perigo de extinción como da Rubia Galega, a Galiña Piñeira e o Can de Palleiro. Engadiranse outras raza ovinas e caprinas e cabalos de pura raza española. Así mesmo, acollerá unha rapa das bestas con eguas de monte nun curro e a participación de varios grupos de aloitadores, o XXVIII Monográfico de Gando Porcino e numerosas conferencias centradas no ámbito agrogandeiro.

O programa completarase con outras propostas lúdicas de gran de interese, como un show de freestyle motocrós, a vertente máis extrema do motocrós, na que o público poderá ver arriscados saltos e acrobacias en moto por unha gran rampa acadando unha distancia de 22 metros de longo e 12 metros de altura. Sumaranse a XI Carreira Popular, o VI Open de Xadrez, a realización de esculturas con motoserra ou actividades multiaventura.

Contenido patrocinado

stats