A Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, protagonista no Café de Redacción

“TODO O BONITO E O EMOTIVO XA PASOU, QUEDA O TRABALLO DE ENLAZALO”

O pasado 12 de abril quedaba constituída a Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres. Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Afonso Monxardín, catedrático de Lingua e Literatura Galega; e Elvira Carregado, presidente da Fundación Vicente Risco; repasan os procesos que levaron a logralo, así como os pasos que quedan por diante para consolidar a institución, símbolo e identidade dun pobo.

CAFE DE REDACCIÓN | Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres | La Región

Pregunta.Para chegar ao punto no que estamos, que a fundación sexa unha realidade, houbo que lexislar antes, crear unha lei que sacase ao panteón limbo no que se atopaba. Foi un proceso complexo?

Respuesta.Miguel Santalices. Efectivamente. No discurso inicial do acto en San Domingos de Bonaval dixen que este foi un traballo complexo e de moita xenerosidade por parte de moitas institucións. Complexo porque levábamos moito tempo esperando poder constituír a fundación e elaborando uns estatutos para dar resposta a unha iniciativa do Consello da Cultura e dos representantes, as entidades, das personalidades alí soterradas. Aprobar a lei mediante un procedimiento de lectura única por consenso do BNG, do PsdeG e o PPdeG, foi o primeiro consenso. O segundo consenso fíxose de cara á constitución e elaboración dos estatutos e consecuentemente o que sería o proxecto da fundación.

P.Cal cree que pode ser a influencia práctica desta fundación de cara á normalización e extensión do galego?

R.Afonso Vázquez-Monxardín. O primeiro, eu quero felicitar a Miguel Santalices. O país está precisado de estes consensos. Efectos prácticos: a dinámica de traballo que se xere ao redor da fundación. De momento non cambia nada, sí cambia no espazo xurídico, pero non na práctica. Hai dúas formas de facer un panteón: unha é ex novo como se fixo o de Portugal, por exemplo, no 1966, cando comeza a república, no momento no que queren un sitio para meter alí aos heroes, tanto de África -como Eusébio-, como europeas -como Amália Rodrigues-; e outra é que se faga de xeito natural. O panteón de Santiago empezou de xeito natural, cando trasladaron a Rosalía no 1891 e despois pouco a pouco foron achegando outra media ducia de persoas, símbolos do país. Entón, pode crearse unha dinámica? Sí, porque está nunha cidade que é un panteón en sí. Santiago nace por unha tumba, a do apóstolo. Despois en Santiago hai outro panteón, que é o Panteón dos Reis de Galicia. Entón, podemos crear unha sinerxia entre os tres e quen vaia á cidade os visite, como reclamaba Goretti no acto de constitución.

P.Cómo se contempla dende a Fundación Vicente Risco o nacemento desta outra fundación?

R.Elvira Carregado. Como se falaba neses días, como unha alegría. Porque parece que era preciso. Nós estivemos alí acompañando. A lei di: “Conseguirase acordo unánime”; parécenos moi importante para poñer a esas persoas que nos representan diante de toda a cidadanía galega.

P.Leva moi pouco tempo presidindo a Fundación Vicente Risco. Probablemente nestes meses este ten sido o acto máis importante ó que ten acudido.

R.E. C. Sen dúbida o máis importante. De feito, os que estamos nas directivas das fundacións facemos outras, pero cando chegou a invitación dixen: “Como sexa, hai que ir, estar alí, nun acto tan importante para a historia de Galicia”.

R.M. S. É de agradecer que estiveran. Había moita xente, unha amplísima representación do mundo da cultura. Ese día había un sentimento alí… eu estaba vendo a cara do notario, que era o que levantaba acta, o señor Remuñán, e no meu discurso eu pronunciei o nome dunhas das persoas clave que elaboraron os anteproxectos dos primeiros estatutos do panteón que eran Don Pedro Puy e Remuñán, pai do notario. Entón eu notei a cara do notario e tamén a da filla de Sixto Seco, María José. Foi un acto de moitísima emoción e eu quero agradecer aquí a implicación de todos. Agora hai que rexistrar isto no Rexistro de Fundacións, haberá que volver convocar a todos, hai que nomear a Comisión Asesora e porse a traballar, porque iso é o que nos constitúe. Ímos regular como é o aceso, vamos a regular as normas, porque o que se nos encarga a nós é darlle un uso racional a este panteón, tanto en visibilidade, como en formación de docencia, desde un respecto ao que é a cultura e a outras situacións que se poden dar. Temos moito traballo. O bonito e o emotivo xa pasou, agora queda o traballo de enlazar todo.

P.Que papel puideron ter nesta ocasión as fundacións Rosalía, Brañas, Asorey, Fontán, Castelao ou Risco e que papel poden ter de aquí en adiante?

R.M. S. De aquí en adiante un papel importante. Todas esas fundacións van ser membros da Comisión Asesora e, ademáis, nós encantados de que así sexa, porque serán unhas aportacións moi interesantes. Dan un paso e din: “Oe, vamos a trasladar isto ao Parlamento, que é a primeira institución na que se teñen que aprobar este tipo de acordos”. Eles son, en realidade, os impulsores. É un éxito de ver como se pode consensuar determinada cousa polo ben dun país.

Insisto no recoñecemento ao Parlamento, porque no último enterro, o de Castelao, houbo unha bronca por cuestionar a súa lexitimidade

R.A.V.-M. O Panteón dos Galegos Ilustres existía, pero non tiña unha concreción legal. Víñao coidándoo o Museo do Pobo Galego, pero tampouco era cousa deles. Temos á Igrexa, o que ocupa o convento que era o Museo do Pobo Galego, estaba o concello… Era necesaria esta fundación, é evidente. Insisto no recoñecemento ao Parlamento, porque no último enterro, o de Castelao, houbo unha bronca por cuestionar a súa lexitimidade. Ver hoxe o consenso de todas aquelas forzas que estabamos o día do traslado dos restos de Castelao, como aquela tensión se disipa polo exercicio constante dun Parlamento onde están representadas tódalas opinións…

P.Señor Monxardín, acaba de falar da Igrexa e eu quería falar doutro ourensán que tivo moito peso aquí e que é o arcebispo de Compostela, Monseñor Francisco José Prieto.

R.A. V.-M. Sí, eu vino papable alí (risas).

R.M. S. Foi un discurso emocionante e cunha profundidade… un discurso para enmarcar, de xenerosidade e de ter claro por onde ir.

R.A. V.-M. E incluso desde un punto de vista literario, a progresión e o final, que acaba con aquela frase de Rosalía falando do espazo físico no que se estaba… Eu quedei encantado; primeiro pola lingua, tan coidada, pola intensidade e pola reivindicación do papel da Igrexa, pero sin ser excesivo, moi equilibrado.

P.Os medios lle temos moito cariño. É unha persoa afable, de fácil acceso… Cando recibimos a noticia de que ía a Compostela quedamos por unha parte tristes porque se marchaba, pero por outra moi orgullosos porque é alguén de Ourense e coñecedor desta identidade.

R.M. S. Sí. Ten unha cabeza privilexiada. Ten un sentido da xenerosidade por riba do normal. Eu estoulle especialmente agradecido porque tiven que falar moito e o único que facía era abrirme luces aquí (sinala á cabeza). Pero como con todos. Neste senso eu só podo ter agradecemento con todos, pero especialmente con este home de Ourense ao que eu lle teño un cariño grande.

R.

P.Señora Carregado, do mesmo xeito que vostede defendeu nalgunha outra ocasión que a misión da Fundación Vicente Risco era traer o seu legado ao século XXI, pensa que esta é tamén a misión desta fundación?

Santiago é unha cidade moi axeitada, pero temos que mirar ao pasado porque é a base do noso futuro

R.E. C. Entre as obrigas desta fundación está xestionar, conservar e promover. Santiago é unha cidade moi axeitada, pero temos que mirar ao pasado porque é a base do noso futuro. Igual que o teño claro coa Fundación Vicente Risco, tamén con todas as demáis e por suposto con esta que é a cima das de Galicia.

R.

P.Agora queda o traballo duro, que dicíamos antes. Cal é a folla de ruta que vai guiar os pasos que se den desde a fundación?

R.M. S. Xa está tramitado o Rexistro de Fundacións. Hai que constituílo. Xa está tramitada dende fai algún tempo, supoño que o teremos en breve. Logo haberá que ter unha reunión con todo o padroado nun exercicio de pruralidade política. Debemos empezar a definir cousas: reglamento de uso, como ímos promover, difundir, preservar… vamos a ter que pornos de acordo. Por certo, a norma di que non poderá haber soterramentos, pero hai outro artigo que deixa aberta a posibilidade de que se poida falar. Tería que ser unha cousa moi, moi, moi consensuada. E despóis non nos podemos esquecer e hai que falar con claridade de que hay que buscar financiamento. Temos un patrimonio excepcional, pero hai que coidalo.

R.

P.E custa, moito.

R.M. S. O Parlamento ten uns medios, pero non ten financiación. Xa nos encargaremos, eu á cabeza evidentemente, de conseguila.

R.A. V.-M. Sí, pero eu creo que si hasta hoxe se conservou de seu sin institución, tampouco debe de ser tan caro. Todo depende da dinámica de traballo. Sobre os soterramentos… Penso que o único punto de consenso podería ser xente como Antolín Faraldo, que está enterrado en Granada, ou Basilio Álvarez, que está en Tampa, Florida. Eses que están fora e que son elementos de unión. Faraldo comezou co provincialismo e Álvarez traeu o agrarismo que abriu un pouco as portas da modernidade. Ao mellor non estaba mal.

Preguntei se non sería posible que doña Emilia volvera a Galicia, e un dos que estaba alí me dixo: “¡Ui, ese tema é moi delicado! Hai que ver o que opina a familia”

R. M. S. Eu visitei a tumba de doña Emilia Pardo Bazán. Está en Madrid, na Igrexa da Concepción. Quedeime asombrado. Ela está no fondo de todo, sin luz… ¡Aquelo parece unha cousa de ultratumba! E arriba, moi ben iluminado, o home que foi o seu gran fustigador toda a vida, Besada. E eu vino e pregunteime como era posible que aquelo se manteña así. Preguntei se non sería posible que doña Emilia volvera a Galicia, e un dos que estaba alí me dixo: “¡Ui, ese tema é moi delicado! Hai que ver o que opina a familia”. Non me parece que esté dignamente coidado o lugar onde está enterrada unha persoa tan grande. Se non é posible que veña para Galicia, si creo que é posible que sexa decente iso. Outra porta aberta. Os enterramentos foron cambiando, pero o que non cambia é o recoñecemento a unha persoa que fixera algo grande por Galicia

R.A. V.-M. ¡Pan...teón! Todos os deuses. Todos os deuses dunha cultura. De aí ven a palabra.

R.

P.E volve estar aí o consenso.

R.M. S. Temos un traballo longo. Non é pequeno. Pero iso é ao que nos obrigaron, o que nos pediron os representantes públicos. Vou intentalo facelo da mellor maneira. Xa darei a tabarra onde teña que dala.

R.A.V.-M. Non estás mal situado para dar a tabarra, non? (risas).

R.

P.Hai que recoñecer que grazas a esa insistencia estamos no punto no que estamos.

R.M. S. E tamén teño que dicir que hai moita sensibilidade, porque aínda que o representante é presidente da Xunta, estivo o conselleiro de Cultura, en moitas das reunións. Podo dicir por todos os que estaban alí que a sensibilidade foi moi positiva. Outra cousa van ser os temas presupuestarios, porque non todos teñen a mesma dispoñibilidade presupuestaria.

R.A.V.-M. Galicia é plural. Tamén esta aí a Revista Alfar, as Vangardas, Emilia Pardo Bazán -que non escribía en galego- ou Valle-Inclán… O país ten que ser unha confluencia. A identidade de Galicia é unha identidade plural que ten que estar recollida alí.

R.E. C. Sí. Hai que miralos a todos e traelos ao presente.

O obxectivo é recoñecer o Panteón como un símbolo de identidade de Galicia

O DOG recolleu no ano 2023 os principais puntos da lei que deu vida a esta Fundación.

  • Todos os pobos conservan a súa identidade e fan visible a súa continuidade histórica a través de símbolos. Entre eles, os panteóns, como depositarios e custodios da memoria colectiva. Xunto con esta función primordial, os panteóns cumpren outras dúas misións de grande importancia: por un lado, son un instrumento de recoñecemento e gratitude colectiva cara ás persoas que neles son honradas por teren destacado polos seus méritos; e, por outro, a memoria das súas obras e feitos serve de estímulo ás xeracións presentes para que traten de emular e superar os logros dos máis destacados devanceiros do territorio galego.
  • A fináis do século XIX, un importante apoio institucional e popular deu lugar á creación do Panteón de Galegos Ilustres. No ano 1891, por iniciativa da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, o Concello de Santiago de Compostela, a Asociación Rexionalista Galega e un grupo de estudiantes da Facultade de Dereito da Universidade, tomouse o acordo de trasladar os restos de Rosalía de Castro dende o cemiterio de Iria Flavia ata a igrexa conventual de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. O novo lugar simbólico, por influencia da prensa galega da época, foi denominado Panteón de Galegos Ilustres.
  • Os sucesivos enterramentos consolidaron San Domingos de Bonaval como verdadeiro Panteón de Galegos Ilustres, así o do escultor Francisco Asorei; o poeta Ramón Cabanillas; e o cartógrafo e matemático Domingo Fontán.
  • Co obxectivo de recoñecer o Panteón como un símbolo de identidade de Galicia e un lugar de referencia no devir da conciencia das novas xeracións, o Concello da Cultura Galega, de acordo cos padroados das fundacións que honran a memoria das ilustres persoas soterradas en San Domingas de Bonaval, elaborou e fixo chegar ao Parlamento, agromando do tallo do centenario do traslado dos restos mortais de Rosalía, unha proposta para a regulación do Panteón.
  • O acordo ten como obxectivo que o Panteón desempeñe un papel vivo e activo como lugar de encontro, aprendizaxe e alento do sentir da comunidade dos galegos e galegas de dentro e fora do país.
  • Aínda que a nova lei non garante a posibilidade de que se produzan novos enterramentos, abre a posibilidade de casos excepcionais de consenso, e mesmo, segundo Miguel Santalices, a posibilidade de recoñecementos que non constitúan tumbas.
  • O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica, é o espazo físico destinado a honrar e perpetuar a memoria das persoas que teñan contrubuído significativamente á afirmación da identidade de Galicia, ao coñecemento desa identidade e á súa defensa, así como ao desenvolvemento do progreso do pobo galego en particular e da humanidade en xeral.
  • No Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, dándolle continuidade ao Panteón de Galegos Ilustres sito na Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela, honraranse as galegas e os galegos que se teñan distinguido durante a súa vida polos servizos prestados a Galicia, particularmente:
  • - Na defensa de valores compartidos polo pobo galego, como o respecto á dignidade das persoas e aos seus dereitos, á liberdade ou á solidariedade.
  • - Na revindicación da cultura, da lingua galega e da personalidade histórica de Galicia.
  • - Na contribución ao coñecemento científico e ao desenvolvemento das ciencais humanas, sociais, naturais, da saúde ou tecnolóxicas.
  • - Na creación artística e literaria galega.
  • A posibilidade de traer personalidades como Antolín Faraldo,Basilio Álvarez, Emilia Pardo Bazán ou Ramón María del Valle-Inclán; dependerá da financiación e dun profundo diálogo entre países, comunidades, institucións e familias.

Contenido patrocinado

stats