Galicia impulsa a modernización e a competitividade da vitivinicultura

APOIO DO GOBERNO GALEGO

A Xunta mobiliza 12 millóns de euros anuais para un sector estratéxico da economía agraria da nosa comunidade

A vendima deste ano acadou unha cifra histórica con máis de 78,4 millóns de quilos de uva de excelente calidade nas cinco denominacións de orixe.
A vendima deste ano acadou unha cifra histórica con máis de 78,4 millóns de quilos de uva de excelente calidade nas cinco denominacións de orixe. | La Región

O sector vitivinícola é un dos puntos fortes da economía agraria galega. Así o reflicten máis de 9.500 viticultores, máis de 450 adegas inscritas nos diferentes distintivos de calidade diferenciada deste ámbito e un valor económico estimado próximo aos 380 millóns de euros.

Co obxectivo de manter a situación de referencia da que goza Galicia neste ámbito, a Xunta pon o foco neste sector e desenvolve unha ampla variedade de iniciativas para seguir impulsando o eido vitivinícola, que na vendima deste ano acadou unha cifra histórica con máis de 78,4 millóns de quilos de uva de excelente calidade recollidos nas cinco denominacións de orixe.

Sector vitivinícola

A Consellería do Medio Rural, dada a relevancia do sector, mobiliza anualmente uns 12 millóns de euros para apoiar o seu labor, os cales se manteñen nos orzamentos do 2027. Por iso, cada ano véñense convocado diferentes liñas de axudas dirixidas exclusivamente para este eido produtivo.

Neste sentido cómpre destacar achegas de reestruturación e reconversión de viñedo, coas que se procura incrementar a competitividade das explotacións vitícolas. Fano perfeccionando o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.

A maiores, a Consellería tamén conta con outras axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, que melloran o rendemento global das empresas do sector e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. Contribúen tamén a fomentar a certificación ambiental das empresas; propiciar tanto a produción ecolóxica como os produtos acollidos a réximes de calidade e favorecer a innovación e a implantación de novos produtos.

Outro piar deste paquete de apoio son as achegas para a promoción do sector vitivinícola en terceiros países, que teñen como fin promocionar o coñecemento das características e calidade dos viños galegos para contribuír á mellora da súa competitividade.

Por último, é importante destacar as axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, destinadas a poñer en valor o labor que desenvolven as persoas viticultoras inscritas na Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra e que colaboran, co seu cultivo, á conservación desta contorna de cara a evitar o abandono e a desaparición dos socalcos.

Uvas antes de ser vendimiadas.
Uvas antes de ser vendimiadas. | La Región

Aposta pola calidade

O sector vitivinícola de Galicia está estreitamente vencellado coa calidade diferenciada. A nosa comunidade conta con 36 distintivos de calidade, o que nos sitúa como unha das comunidades de España con máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, aos que se suman Artesanía Alimentaria e Agricultura Ecolóxica. Todos estes certificados recoñecidos na nosa comunidade son un potencial económico, o seu valor estimado de máis de 745 millóns de euros.

Neste contexto, o viño é o sector máis destacado dentro da calidade diferenciada galega, con cinco denominacións de orixe e outras tantas indicacións xeográficas protexidas, cun valor estimado de preto de 380 millóns de euros. Tras el, sitúanse as carnes amparadas por este tipo de indicativos, cun valor de 175 millóns de euros.

Desde a Consellería do Medio Rural tamén se está a traballar para potenciar esa calidade e apostar pola súa promoción. No vindeiro 2027 destinaranse máis de 13 millóns de euros, dentro dos que se inclúen axudas para actividades de carácter promocional e tamén de apoio aos consellos reguladores dos diferentes selos de calidade diferenciada con achegas para os seus gastos de funcionamento, así como para a incorporación de produtores aos distintos réximes de calidade.

Ao mesmo tempo, este mesmo ano lanzouse a marca Aquí Sabemos, que engloba aos produtos agroalimentarios amparados por selos de calidade diferenciada. Esta nova identidade serve de paraugas para presentar a diversidade de producións sen restar protagonismo a cada produto nin á súa figura de calidade. A imaxe común tamén axudará á cidadanía a coñecer o conxunto destes alimentos e a identificar o valor que hai detrás de cada selo.

Contenido patrocinado

stats