Galicia potencia a atracción de talento co foco nos galegos do exterior

INICIATIVAS

A Xunta vén de realizar unha viaxe institucional a Venezuela e Ecuador para estreitar lazos con América Latina

Oficina de Retorno móbil para atender as consultas dos galegos do exterior.
Oficina de Retorno móbil para atender as consultas dos galegos do exterior.

Galicia está a desenvolver un modelo propio para atraer talento, baseado nunha captación ordenada, planificada e sempre aliñada coas necesidades do tecido laboral galego, tanto por conta allea como por conta propia. Trátase dunha folla de ruta pioneira en España, estruturada en dúas liñas principais: en primeiro lugar, o retorno da diáspora galega; e en segundo, a atracción de profesionais de terceiros países, con especial atención a América Latina.

O obxectivo deste modelo é tutelar todo o proceso de integración sociolaboral das persoas traballadoras, consolidando pontes de talento entre os países de orixe e Galicia, e garantindo o máximo beneficio para todas as partes implicadas -países de procedencia, traballadores, empresas e sociedade galega- ao mesmo tempo que se dan respostas aos retos demográficos e ás demandas de man de obra cualificada nos sectores estratéxicos da comunidade.

Estratexia Galicia Retorna

En relación cos galegos do exterior, a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 contempla iniciativas como Retorna Cualifica Emprego, un programa que exemplifica o modelo integral de captación de talento que impulsa a Xunta. Esta iniciativa garante un contrato indefinido ao casar os perfís laborais das persoas que desexan regresar con necesidades concretas das empresas adheridas ao programa. A nova edición, prevista para 2026, contará cunha dotación de 1,8 millóns de euros tras ter beneficiado a 400 persoas nas dúas anteriores.

Ademais, as persoas beneficiarias reciben acompañamento e facilidades durante todo o proceso, desde a orixe ata a instalación no seu novo fogar. Desde o primeiro momento, contan co apoio das Oficinas de Retorno da Xunta, un servizo personalizado que as orienta en aspectos clave como trámites administrativos, homologación de estudos, acceso ao mercado laboral e axudas dispoñibles. Estas oficinas teñen como obxectivo facilitar un retorno áxil e exitoso, ofrecendo tamén asesoramento xurídico e social, apoio na procura de emprego e conexión coa comunidade galega.

Neste contexto, precisamente o Goberno galego vén de realizar esta semana unha viaxe institucional a Venezuela e Ecuador. En Caracas, a axenda estivo enfocada principalmente a estreitar os vencellos coa colectividade galega do país, que supera as 30.000 persoas, e amosar o compromiso da Xunta co apoio social nun contexto marcado pola complexidade política, difundido tamén as oportunidades de retorno para quen desexe emprender en Galicia un proxecto vital e profesional.

Pontes de talento

Ademais, co propósito de dar a coñecer o modelo galego de atracción de talento e promover novas alianzas estratéxicas, a Xunta tamén participou en Quito no encontro internacional “El futuro de la migración laboral y la movilidad de talento en América Latina”, organizado polo Goberno de Ecuador e o Banco Mundial.

O evento reuniu responsables institucionais, organismos multilaterais e expertos de España, Europa e América Latina para analizar os desafíos e oportunidades da mobilidade laboral, a formación e a atracción de talento. No marco deste evento, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, expuxo as bases do plan galego de atracción de talento exterior a través da súa intervención en diferentes paneis e mesas redondas, xunto a representantes do ámbito administrativo, empresarial e académico e deu as claves dunha estratexia baseada nunha migración controlada, segura e eficaz, totalmente aliñada coa demanda real das empresas, cunha integración sociolaboral que beneficie á comunidade no seu conxunto.

Ademais, mantivo diversas reunións bilaterais con representantes gubernamentais de Ecuador, Colombia e República Dominicana. O obxectivo destas xuntanzas foi avanzar na creación de alianzas estratéxicas e abrir novas vías de cooperación en materia de mobilidade laboral, en consonancia coas necesidades de man de obra dos sectores estratéxicos galegos. Deste xeito, dáse continuidade á firma o pasado ano do manifesto de vontades nesta materia cos embaixadores de Ecuador, Colombia, Honduras e Paraguai, que busca establecer procedementos tutelados desde a orixe, nos que participan as administracións dos países implicados e as empresas galegas con necesidades de contratación, asegurando procesos ordenados, transparentes e centrados no beneficio das persoas.

Traspaso de competencias das xestións das autorizacións iniciais de traballo

Traspaso de competencias das xestións das autorizacións iniciais de traballo
Traspaso de competencias das xestións das autorizacións iniciais de traballo

Para completar este plan e co foco na vivenda, a Xunta ten previsto lanzar este ano unha orde dotada con 1,5 millóns de euros para a rehabilitación de inmobles no medio rural -propiedade de empresas, persoas físicas ou concellos con acordos co tecido produtivo- destinados exclusivamente á residencia habitual de traballadores con contrato laboral do plan de captación de talento exterior. Ademais, será fundamental que Galicia poida asumir canto antes as competencias de xestión das autorizacións iniciais de traballo, xa solicitadas ao Estado, fundamentais para impulsar este modelo e para exercer plenamente as políticas activas de emprego en relación coa poboación migrante, especialmente ante o escenario de regularización extraordinaria anunciado polo Goberno central. A Xunta agarda que sexan efectivas no primeiro semestre do ano.

Contenido patrocinado

stats